Agnès Hayden é a autora de LATITUDE MESH proxecto gañador desta sétima edición de BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica 2023. A comisión de valoración integrada por un representante de cada unha das tres entidades responsables da convocatoria, AC/E – Acción Cultural Española, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña e Liaison of Independent Filmmakers of Toronto, LIFT, decidiu que esta proposta fose a seleccionada para ser desenvolvida durante cinco semanas entre setembro e outubro de 2023 en Toronto (Canadá).
LATITUDE MESH é un proxecto que fixa a atención nas emulsións fotoquímicas, as súas características e posibilidades, coas preparacións caseiras ou DIY como eixo principal. Nel, Hayden propón a investigación de diferentes emulsións. A filmación construiría un mapa topográfico, asignando emulsións a distintas zonas de Toronto, por latitudes (latitude cinematográfica / latitude terrestre), trazando unha xeografía diarística e afectuosa da cidade. Películas en constante metamorfose. Emulsións que dialogan e á vez fragmentan, e que permiten seguir explorando unha linguaxe cinematográfica propia.
O resultado desta residencia poderá verse en estrea durante a próxima edición do (S8) XV Mostra Internacional de Cinema Periférico en xuño do 2024, na Coruña.
O comité de valoración considera que LATITUDE MESH de Agnès Hayden é o proxecto máis innovador, pois supón un reto que afonda en novos territorios e abre novas posibilidades na creación de todas as posibles linguaxes cinematográficas. Pon en valor o interese dos primeiros resultados desta cineasta na elaboración de emulsións artesanais, que salvan a complexidade e fraxilidade do proceso e conclúe que sería de gran interese ofrecerlle o tempo e os medios para explorar estes procesos e poder observar de preto os seus avances nesta investigación, non só para o desenvolvemento da súa obra, senón para o beneficio da escena global.
Agnès Hayden cursou estudos cinematográficos en ECAM e especializouse en Dirección de Fotografía polo Instituto do Cinema de Madrid, onde investigou as posibilidades da fotografía no medio, e traballou en diversas rodaxes dentro do departamento de cámara e luces. Cursou un taller especializado en postproducción de cor en vídeo dixital en CEV. Este ano finaliza o seu máster en LAV, onde presta especial atención ao cinema analóxico e experimental.
Traballou como curadora dentro da sección para novos programadores CINEZETA. Matadoiro (2023) e programadora no Círculo de Belas Artes. Proxección e performance en 16mm (2023), foi membro do Xurado Novo de DocumentaMadrid (20º edición) e do Xurado Novo do Festival de San Sebastián Zinemaldia (69º e 70º edición). As súas performances musicais e 16mm foron expostas no Círculo de Belas Artes de Madrid (Febreiro 2023) e Cineteca, Matadoiro (Marzo, Xuño 2023).
BAICC é un proxecto de eSe8_LAB financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, grazas ás axudas a Laboratorios e Incubadoras de Creación e Desenvolvemento de Proxectos Audiovisuais. Conta co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto.