AS NOVAS OLLADAS DO CINE DE VANGARDA DANSE CITA NA SECCIÓN “SINAIS” DO (S8) DA CORUÑA

Mai 13, 2024 | Destacados, Novas

  • O apartado que impulsa a novos creadores reúne 19 traballos de toda a península que se poderán ver os días 6 e 7 de xuño na sala (S8) Palexco
  • A 15ª edición de (S8) Mostra de Cinema Periférico, do 31 de maio ao 9 de xuño, estenderase ademais pola Filmoteca de Galicia, Domus e Fundación Luis Seoane
Instrucciones para un autorretrato (Pablo Useros, 2024)

A pouco máis de quince días para a súa inauguración, o (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña continúa avanzando a súa programación para esta 15ª edición. “Sinais”, a sección que impulsa o traballo dos novos creadores, traerá ao festival as obras de 22 creadores que traballan e viven na península. O (S8) celébrase do 31 de maio ao 9 de xuño en diferentes espazos da cidade da Coruña que, un ano máis, será un punto de referencia internacional do cinema de vangarda. Os traballos que forman parte da sección “Sinais” poderanse ver en dúas sesións os días 6 e 7 de xuño na Coruña. 

Nas últimas semanas, nomes de referencia mundial como Narcisa Hirsch, Morgan Fisher o Margaret Honda marcaron os titulares dos avances de programación da 15ª edición do (S8), o festival que dirixen Ana Domínguez e Ángel Rueda. Agora é a quenda de “Sinais”, a sección que se abre ao traballo de novas xeracións de creadoras e creadores a través do cinema e a performance. Vinte e dous nomes, un amplo abano de propostas e dúas sesións os días 6 e 7 de xuño que poñen de manifesto o interese destes creadores polos formatos analóxicos e o cinema entendido de maneira artesanal. 

O xoves 6 de xuño na sala (S8) situada no Palexco (Peirao de Transatlánticos, A Coruña) o público poderá ver no primeiro programa de “Sinais” unha selección de traballos que teñen como denominador común a relación dos autores con determinados territorios. Instrucciones para un autorretrato, de Pablo Useros, Materia vibrante, de Pablo Marín, Burbank Neons, de Rocío Mesa, Velos na Tebra, de Iago Lourido, Sightings, de Pere Ginard, A terra ten glitch, de Yasmina Farhani Luaces, Santa Pola, de Beatriz Freire, Cada gesto, de Valentina Alvarado, La Jardinera, de Fernanda Vicens, Pasaje cromático #2: Culebra, de Brenda Boyer y Beatriz Higón, e Ojos de agua, de Héctor Gardez, son os filmes que compoñen esta primeira sesión.

Materia vibrante 
(Pablo Marín, 2024)
Burbank Neons 
(Rocio Mesa, 2022)
Cada Gesto 
(Valentina Alvarado, 2024)

Nunha sección como “Sinais” é habitual atopar proxectos que son froito de residencias e accións formativas na que participaron novos cineastas, unha área que tamén o (S8) aborda como un elo imprescindible na creación da vangarda. Como exemplo, o caso dos galegos Iago Lourido, cunha obra enmarcada en San Sadurniño e na súa experiencia no festival Chanfaina Lab, Yasmina Farhani Luaces, graduada en Belas Artes en Pontevedra que trae ao (S8) unha obra nacida do taller impartido por Berio Molina na última edición do festival Novos Cinemas de Pontevedra ou o vigués Pablo Agma, recente gañador das bolsas ao desenvolvemento ese8_LAB, organizadas polo propio (S8).

Paisaje cromático #2 Culebra (Brenda Boyer e Beatriz Higón, 2024)

O segundo programa de Sinais neste 15º (S8) terá lugar o venres 7 de xuño na mesma sala cun fío condutor que se aproxima á performance no cinema experimental. O público poderá ver Hombre de palo, de Pablo Agma, Katalipsi, de Elaine Sier, Triple tango manchego, de Colectivo Craneal  (Marta Solera Picazo, Aitana de Dios y Patri de la Plaza), Bivalva, de Celia Kiroga Rincón, Impressions of light, de Juliana Julieta, La memoria de las frutas (Diáspora), de Claudia Claremi, Legerdemain, de Carlos Vásquez Méndez, e para finalizar a sesión, The word was deleted, de Esperanza Collado.

Katalipsi 
(Elaine Sier, 2023)
Impressions of light 
(Juliana Julieta, 2023)
Legerdemain 
(Carlos Vásquez Méndez, 2023)

Esta última proposta está concibida para activar en directo a película Trágame nube, formada con  dúas proxeccións complementarias, audios orixinais de Val del Omar e fragmentos dunha entrevista ficticia. Trátase dun proxecto encargado a Collado no marco da exposición “Cinema of , celebrada no Museum of the Moving Image (Nova York) en 2023. O (S8) participou na clausura desta exposición co “Programa Espello do Tríptico Elemental de España”, para o que Elena Duque, programadora do festival, seleccionou obra de cineastas que pasaron pola Coruña e reflicten nas súas pezas os ecos do artista visionario que foi Val del Omar.  

The word was Delete (Esperanza Collado, 2024)

O festival da Coruña anunciou nos últimos días os programas dedicados aos estadounidenses Morgan Fisher e Margaret Honda e á recentemente falecida e pioneira do cinema de vangarda en arxentina Narcisa Hirsch; o desembarco latinoamericano na programación 2024 toma forma ademais coa mexicana Annalisa Quagliata e a nova sección “Sinais Latinoamérica” comisariada por Ia peruana Ivonne Sheen.  

A 15ª edición de (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.

PUBLICACIÓNS RECENTES