O SUPER 8: LIMITADO E INFINITO

Xuñ 17, 2024 | Destacados, Entrevistas

THE8FEST

Scott Miller Berry, un dos fundadores de the8fest en 2008, fálanos deste festival do pequeno formato hoxe representado no (S8) por Robin Riad.

Por que decidistes crear un festival dedicado especificamente a películas en Super 8?

Nós mesmos, os catro fundadores, somos cineastas e presentadores e programadores que traballan en Super 8. Todos apreciabamos moito a beleza do cinema en pequeno formato e a súa capacidade para facilitarlle o labor de cinematografía a calquera que queira facer unha película.

De 1997 a 2006 houbo en Toronto un festival do Super 8 chamado Splice This! e, unha vez que deixou de levarse a cabo, tivemos un sentimento de perda e de necesidade. Mentres que eles mostraban cinema e vídeo, nós comezamos the8fest co mandato de proxectar só en formato fílmico.

Quen estivo nesa primeira edición (na organización, entre os artistas…)? Tivestes retrospectivas?

Velaquí o primeiro programa, do ano 2008! Ese festival fixémolo sen cartos; puxemos unha retrospectiva (as películas elixinas eu) de Saul Levine, e incluímos un programa de cinema caseiro (que aínda hoxe ten continuidade), e tamén houbo un evento de cinema expandido (Counternarratives) e unha mostra de «traballos recentes» denominada Bageroo (que tamén ten continuidade hoxe).

O catálogo está aquí.

Cales che parece que son as particularidades do Super 8 como formato no cinema experimental?

Resulta máis doado de ensinar e de «desmitificar» para a xente allea ao cinema e á arte. É portátil e pode ser moi accesible no tocante a requisitos técnicos.

As posibilidades que ofrece son limitadas e infindas á vez, e ambas as cousas resultan esenciais no cinema experimental!

Cres que the8fest lle deu azos a unha nova xeración de cineastas do Super 8?

Si, creo que si. Sobre todo grazas a moitos anos de «encomendas»: convidando xente a facer películas novas dándolles un cartucho mais o revelado e uns honorarios de creación, fomentando a experimentación e a miúdo concedéndolles a cineastas novos ou a persoas alleas á realización a ocasión de facer unha película en Super 8! Gustaríame pensar que máis de quince anos de proxeccións tamén animaron a moita xente a facer un filme :-).

Como mudou a organización do festival ao longo dos anos? Agora lévao xente nova.

Cada vez hai máis rapazada, o cal é moi importante… Ademais, como, por mor da índole das axudas aos «proxectos», se produciu inestabilidade no financiamento, houbo anos de axudas máis cuantiosas que se traducían en máis persoal e máis películas… e houbo anos en que foi ao contrario… En calquera caso, é importante que exista the8fest.

Está ben sermos máis pequenos e áxiles e irmos apañando recursos xuntos; é unha boa metáfora do cinema en pequeno formato!

PUBLICACIÓNS RECENTES