O LIFT DE TORONTO DÁ A BENVIDA Á RESIDENTE DE BAICC 2024 BRENDA BOYER

Out 13, 2024 | Destacados, Novas

O Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT) deu o pasado mes a benvida á cineasta española Brenda Boyer como actual residente da oitava edición das Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica BAICC, unha colaboración entre o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, Acción Cultural Española (AC/E) e o LIFT. A residencia apoia a realización dunha nova obra en analóxico por creadores nados ou residentes en España. O resultado desta residencia estrearase na próxima edición do (S8), que se celebrará en xuño de 2025 na Coruña, España.

Boyer, que chegou a mediados de setembro, estará na cidade 5 semanas para traballar no seu proxecto «tortuga [pasaje cromático #4]». Este proxecto aproveita o tempo, a luz do sol e a súa translación, o movemento das sombras provocado polo vento e outros elementos para colorear a paisaxe a partir da superposición de capas e filtros RGB. Aplicando os principios da separación cromática, superpóñense tres momentos diferentes dun mesmo plano, xerando un desfasamento na relación luz-sombra e, por tanto, a aparición de cores primarias e secundarias. Boyer rodará nos parques urbanos de Toronto para construír unha película na que a contorna natural vibra a través da luz, abrindo un espazo de misterio no seu interior. 

Ademais, Boyer protagonizará unha proxección no LIFT o mércores 16 de outubro de 2024. Nela presentará películas anteriores da serie cromática, así como unha colección de películas realizadas o ano pasado en LAV (Laboratorio Audiovisual de Creación e Prácticas Contemporáneas), un espazo educativo experimental en torno ao cinema de vangarda en Madrid.

Brenda Boyer (Alacante, 1984) é artista interdisciplinar. Actualmente traballa en varios proxectos relacionados co corpo, a imaxe e a materialidad do soporte fotoquímico, á vez que investiga o potencial ético e estético do movemento coa coreógrafa Poliana Lima. O seu interese céntrase na articulación da luz e o movemento no tempo e o espazo, así como na relación dinámica entre a luz e a súa ausencia como forma de experimentación estética e exploración de diferentes estados de conciencia, cunha profunda conexión coa natureza.

O Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT) é a principal organización canadense de produción e educación dirixida por artistas, dedicada a celebrar a excelencia na imaxe en movemento. LIFT existe para proporcionar apoio e estímulo a cineastas e artistas independentes mediante un acceso alcanzable a equipos de produción, postproducción e exhibición; desenvolvemento profesional e creativo; talleres e cursos; encargos e exposicións; residencias artísticas; e unha variedade doutros servizos. LIFT conta co apoio dos seus membros, o Canadian Council for the Arts, o Ontario Arts Council, a Ontario Trillium Foundation, a Ontario Arts Foundation, o Goberno de Ontario e o Toronto Arts Council.

BAICC– Residencias Artísticas Internacionales de Creación Cinematográfica 2024/25 é un proxecto de eSe8_LAB, o noso espazo de formación, impulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos e conta co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e do LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. Pola súa banda, a estrea da obra resultante no (S8) da Coruña recibe o financiamento de Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

PUBLICACIÓNS RECENTES