
A aposta formativa da Mostra acadou dende hai 3 anos dimensión internacional, cando os talleres impartidos polos seus directores Ana Domínguez e Ángel Rueda, comezaron a formar parte do programa educativo do festival Porto Post Doc que se celebra no mes de novembro na cidade do Porto.
Nesta ocasión, estes talleres, que buscan reflexionar sobre o cinema como ferramenta de expresión experimental, social e artística, recalarán primeiro en Canarias, no marco do festival La Pinochera.
-
Hacia un lenguaje común entre plantas y humanos é o título deste taller que se celebrará entre este sabado 16 e o domingo 17, no Centro de Interpretación Patrimonial de Agua García e no Pinolere (La Orotava), respectivamente, en horario intensivo de mañá e tarde. O taller será un espazo para reflexionar sobre o emprego do cinema como ferramenta tamén na contorna rural. Estará dirixido a personas de todas as idades interesadas en explorar as diferentes dimensións da creación cinematográfica no campo e compartilo a través dun proceso de creación colectiva, que incluirá a recolección de plantas e gravacións sonoras de campo, nun enfoque de concienciación co medio ambiente.
Os amantes do cinema e a fotografía que participen no taller poderá crear as súas propias películas en celuloide a través da fitografía, unha técnica experimental que utiliza a química interna das plantas e as flores para a creación de imaxes sobre a emulsión fotográfica en soportes fotoquímicos como a película de 16 mm e o papel fotográfico, xunto ao son óptico e o rexistro de campo sonoro. Crearán tamén os seus propios revelados naturais sen produtos contaminantes e poñerán en práctica as técnicas orgánicas de manipulación directa sobre a película. Con todos estes elementos construirán unha película colectiva onde desenvolverán unha linguaxe común entre plantas e humanos.
As inscricións están abertas aquí. - ‘Criaturas da luz’ volve por terceiro ano consecutivo a Porto Post Doc, como parte do seu espazo de didáctica e formación School Trip.
Do 26 ao 27 de novembro, celebrarase unha nova edición deste taller nos centros de ensino secundario de Oporto e a súa área metropolitana que inclúen a formación artística: Escola Artística Soares dos Reis (Porto) e Escola Artística e Escola Secundária Almeida Garrett (Gaia). Unha nova xeración de artistas que non tivo contacto coa materialidade do cinema, poderá experimentar de maneira práctica a esencia da creación cinematográfica e os seus principais elementos: luz, sombra e movemento.
‘Criaturas da luz’ achegará os/as participantes aos procesos creativos, orgánicos e sensitivos: ao cine das ideas, do misterio do feixe de luz e do feitizo táctil, ao través das obras de Tânia Dinís e o Colectivo Casa do Sixto, ambos referentes do cine experimental e en analóxico en Portugal, que serán proxectadas no seu formato orixinal de 16mm para o alumnado participante.
Ademais de explorar o cine en película, promover o contacto co dispositivo primordial do cine ou familiarizar aos participantes con conceptos como a persistencia retiniana ou as propiedades dos elementos básicos, os talleres incluirán actividades como a construción dunha cámara oscura, o rexistro fotográfico de fotogramas impresos en película ou o manexo de cámaras analóxicas.







