O Tríptico Elemental de España de José Val del Omar volve a Galicia logo de percorrer o mundo nos últimos anos nun ciclo que organizamos en colaboración co Arquivo Val del Omar e co financiamento de Acción Cultural Española AC/E. Nomeadamente, poderá verse nos cines Numax de Compostela, no marco do festival Cineuropa, o vindeiro martes 19 de novembro ás 20h.
Logo da súa presentación no (S8) XII Mostra Internacional de Cinema Periférico en 2021, e do seu paso por Suíza (no festival VideoEx Zürich 2021), Alemaña (na Feira do Libro de Frankfurt 2022), Mexico (no Centro cultural de España en Mexico – CCEMX en 2023) e Nova York (no Moving Image Museum en 2023), celebraremos este mes a última das itinerancias deste programa, un dos máis importantes na internacionalización da cultura cinematográfica española.
José Val del Omar é unha figura esencial e ao mesmo tempo insólita dentro da historia do cinema. Cineasta cunha visión poética inconfundible, inventor, místico e visionario. A súa ollada clarividente foi obxecto dunha morea de estudos, publicacións, exposicións e retrospectivas en todo o mundo, nun esforzo incesante de dar a coñecer e de preservar a súa obra.
Neste Tríptico, Val del Omar empregou intervencións como os desbordamentos da pantalla e o son diafónico, patentados polo autor, que conducen cara a unha percepción física e corporal da imaxe, a chamada táctil-visión. Estas invencións, entre outras moitas, son o que Val del Omar chamaría a mecamística do cine.
Volve así a obra do artista granadino á terra onde filmou a primeira das tres pezas que conforman o Tríptico Elemental de España: Acariño Galaico, Fuego en Castilla e Aguaspejo granadino. Unha sesión especial, que estará presentada pola directora do Arquivo Val del Omar, Piluca Baquero, e que achegará ao ao público de Cineuropa a obra maiúscula deste cineasta. Unha historia sincrética e esotérica do país, na que se concentran a filosofía sufí, o duende flamenco, Federico García Lorca, San Juan de la Cruz, San Agustín ou o neoplatonismo. Un elemental é para Val del Omar unha nova forma de poema audiovisual, pero tamén son as tres esencias naturais constitutivas de cada filme: a lama en Acariño galaico, o lume en Fuego en Castilla e a auga en Aguaespejo granadino.
As entradas xa están dispoñibles. Unha ocasión única de ver na gran pantalla a obra monumental desta rara avis, francotirador solitario que foi quen de inventar o cinema experimental el só desde os distintos emprazamentos dos seus laboratorios.