ABERTA A IX CONVOCATORIA DE INPUT 2025

Abr 8, 2025 | Destacados, Novas

Desde o presente martes 8 ata o luns 28 de abril estará aberta a Convocatoria de INPUT 2025 – Espazo de titorización personalizada de proxectos cinematográficos en desenvolvemento.

INPUT é unha das principais liñas de traballo de eSe8_LAB, o noso espazo de impulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos, mediante o que os e as autoras teñen acceso a profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, con quen poder discutir acerca dos seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución. Trátase de titorías individuais e personalizadas, onde os e as autoras comparten os seus procesos creativos que son analizados polas súas mentoras/es para buscar novas vías ou impulsar as xa existentes.

A presente edición de INPUT 2025 poderá acoller 4 proxectos e 4 profesionais de prestixio internacional para asesoralos. A finalidade deste programa é apoiar proxectos cinematográficos de calidade, dando a oportunidade ás súas autoras de repensar o seu proceso creativo, mellorar a obra, localizar fontes de financiamento e lograr a distribución máis apropiada das pezas.

INPUT conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – Agadic, Acción Cultural Española – AC/E e a Fundación Luís Seoane.

Consulta aquí as bases

PUBLICACIÓNS RECENTES