As sesións para centros educativos da Mostra de Cinema Periférico da Coruña recibe a máis de 350 alumnos e alumnas de centros educativos da cidade. Inclúen unha proxección en Super 8 e mais un coloquio cos realizadores Xacio Baño e Iago Lourido.

Cando falta apenas unha semana para que comece a XVI Mostra de Cinema Periférico da Coruña, foron de novo os máis pequenos da cidade quen puideron desfrutar dunha proxección que lles amosou outras narrativas cinematográficas. Foi nas proxeccións para centros educativos que se veñen celebrando na Domus durante todo o mes de maio e que este martes 27 celebraron a súa terceira sesión. Nesta ocasión, asistiron máis de cen alumnos e alumnas do IES Menéndez Pidal e do CEIP Concepción Arenal, que, xunto co IES Urbano Lugrís, participan neste programa educativo que se prolongará ata o luns 2 de xuño, véspera do inicio do festival.
En total, participan arredor de 350 rapaces e rapazas de entre 10 e 16 anos de diferentes barrios da cidade, que teñen a oportunidade de coñecer unha mirada máis artística e experimental do cine, ademais de ver e tocar o cinema analóxico. Estas sesións comezan coa presentación do Super 8, formato que dá nome ao festival e que este ano celebra o seu 60 aniversario. Ideado para o ámbito doméstico, o Super 8 xogou un papel moi importante na escena da vangarda artística, pero tamén na creación dunha memoria colectiva dende a mirada máis persoal. Mostra disto é a película familiar que foi amosada na Domus e que recolle escenas captadas na Coruña nos anos 70, incluíndo imaxes do afundimento do Urquiola.


Xacio Baño | Iago Lourido
COLOQUIO CON CINEASTAS GALEGOS
As xornadas para centros educativos do (S8), ademais de amosar un cinema independente e propoñer unha pequena inmersión no analóxico, son tamén unha ocasión para poñer o foco en creadores galegos, dos que se proxectan varias pezas. Nesta ocasión foi a quenda de Xacio Baño, de quen o alumnado tivo a oportunidade de ver tres producións: Anacos (2012), Ser e voltar (2014) e Platónico, platónica (2024). Tralo visionado, o autor respondeu ás numerosas preguntas do público, moi intrigado polos xogos narrativos do cinema de non ficción en Ser e voltar, unha das súas obras máis premiadas, e polo uso da intelixencia artificial que protagoniza a máis recente das súas películas.
Xacio Baño estará tamén na sesión que pechará o luns próximo este programa previo ao festival. Nas sesións anteriores, o cineasta convidado foi Iago Lourido, un novo realizador de San Sadurniño, quen mostrou ao alumnado tres das súas creacións: Sansa Stomp (2019), Velos nas trebra (2024) e Solposto (2025). Lourido compartiu coa rapazada a evolución da súa experiencia como realizador dende que tiña 14 anos ata a actualidade, cando, con tan só 21 anos, volveu ser seleccionado por segundo ano consecutivo para amosar unha creación na sección Sinais da Mostra.
Esta actividade educativa é posible grazas á colaboración dos Museos Científicos coruñeses e da Concellería de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña que proporciona o transporte.



O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. As sedes son as habituais: Filmoteca de Galicia, Sala de Exposicións Palexco, Fundación Luis Seoane e a Domus.