INCLUSIÓN SOCIAL A TRAVÉS DO CINEMA CO TALLER XPRESA CONDUCIDO POR DENEB MARTOS

Xuñ 2, 2025 | Destacados, Novas

A Fundación Adcor e Asperga participaron do taller «Ritmos de luz, cine sen cámara para a inclusión». Forma parte da actividade previa ao arranque da Mostra e está organizada co apoio da Fundación Emalcsa.

Deneb Martos e algúns participantes durante o taller. FOTOS: Andrea Morandeira

O taller cinematográfico de inclusión social Xpresa forma parte da programación previa da Mostra de Cinema Periférico desde 2018. Esta é a súa oitava edición que se celebrou os días 30 e 31 de maio na Fundación Seoane.

Realizado co apoio da Fundación Emalcsa e o seu programa Cultura Accesible e Inclusiva, nel participan usuarios de capacidades diversas de dous colectivos. O venres foi o turno da Fundación Adcor, dedicada a mellorar a vida das persoas adultas en situación de dependencia. O sábado, realizarase coa Asociación Galega de Asperger, Asperga. Uns e outras poderán desenvolver o seu potencial creativo da man de Deneb Martos, unha artista visual especializada en prácticas de cinema sen cámara e técnicas fotoquímicas. O traballo de Martos pasou polo Festival KONTAKTE ‘17 (Berlín) e FILMADRID, entre outros espazos.

Baixo o título de «Ritmos de luz, cine sen cámara para a inclusión», Martos propón unha experiencia artística inclusiva a través do cinema experimental sen cámara. Partindo de materiais accesibles e técnicas adaptables, os participantes traballaron con metraxe atopada en 16mm e 35mm para crear pequenas pezas visuais. O resultado son loops de cor e ritmo que cobran vida a través do proxector e mais colaxes de película incrustados en marcos de diapositivas, transformando cada fragmento nunha microhistoria luminosa. Ao peche de cada sesión, realizouse a  proxección das pezas resultantes.

Proxección do resultado tras o taller na propia Fundación Seoane

Ademais de fomentar a inclusión social a través da arte e a creación colectiva, este taller promove a expresión personal desde linguaxes non verbais, estimulando a coordinación, a motricidade fina e a percepción visual. Está organizado pola Asociación Cultural eSe8, organizadora da Mostra, e que busca nel ofrecer un espazo seguro, respectuoso e aberto á experimentación, desfrutando do cine como experiencia sensorial, lúdica e creativa.

Foto de familia con la Fundación Adcor | Foto de familia con Asperga

Xpresa conta co apoio específico da Fundación Emalcsa e a colaboración da Fundación Luis Seoane. O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio de, ademais das xa mencionadas, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, Acción Cultural Española (AC/E) e mais o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA).

PUBLICACIÓNS RECENTES