
«O que atopo fascinantes destas fotografías, destas instantáneas, non é o que son, senón o que non son», di a voz calma pero desafiante de Betzy Bromberg que abre o seu último filme, A Darkness Swallowed. As dúas fotos ás que se refire, en tons sepias, pódense confundir con ordinarias imaxes antigas e lograrían pasar inadvertidas como parte dun álbum familiar vetusto e esquecido. O que parece resoar nesa frase inicial é a catastrófica ruptura do Magritte que testemuñaba «Isto non é unha pipa» baixo o recoñecible e simple debuxo dunha pipa, provocando un consecuente cataclismo entre as linguaxes e sentido. No cinema de Bromberg tamén existe ese xesto provocador, mais, sobre todo, esas fotos e esas palabras son o couce para o seu pequeno manifesto dunha estética da negación, por chamalo dalgún xeito, que vén sostendo desde finais dos setenta. Se o indefinido territorio do cinema experimental só se pode empezar a explicar pola negación tanto de modelos apriorísticos alleos e de padróns propios como de formas convencionais da comunicación e a linguaxe audiovisual, Bromberg, tamén profesora, talvez sexa a máis lúcida investigadora desa indefinición, malia que as súas películas dificilmente se poidan percibir como guiadas por unha liña teórica. Porque en toda a súa obra, lonxe de fixar unha posición ou un estilo identificable, Bromberg asume unha postura crítica perpetua tanto sobre as linguaxes formais e visuais como sobre o que usualmente se cataloga como discurso político e feminista. Nunha intermitencia entre a abstracción e a figuración, o seu ollar instálase entre un pensamento atípico e unha sensibilidade visual inédita, que se decantan en experiencias sensoriais por veces impasibles, por veces axitadas, mais sempre desestabilizadoras ideolóxica e esteticamente.
Todas as películas de Bromberg, militante da imaxe fílmica, foron realizadas en 16 mm co interese central de reinventar as posibilidades do rexistro da luz e o movemento; por iso, non resulta contraditorio que Bromberg, aínda que hoxe sexa o máis oposto ao cinema mainstream estadounidense, traballe para grandes producións industriais como Terminator 2 (1991) e O derradeiro grande heroe (1993) como supervisora de efectos visuais e ópticos: a súa aposta por un refinamento da imaxe cinematográfica é comparable co rigor técnico e tecnolóxico de certa corrente de Hollywood. Mesmo esta ductilidade para se incorporar ao sistema de estudios constitúe outra negación: o rexeitamento do arquetipo da cineasta underground e marxinal desprazada da disciplina industrial. As direccións que asume a obra imprevisible de Betzy Bromberg talvez neguen sistematicamente toda certeza que temos do cinema contemporáneo.
Diego Trerotola para o catálogo do Bafici 2007yormente digitales.