Tekno Fantasy, colectivo formado por Laura Ibáñez López, Camila Reyes e Iker González, vén achegar a súa parte expandida á sección Sinais este xoves na Fundación Luis Seoane. Falamos con elas de fantasía, transdisciplinariedade e «criaturiñas».

Como nace Tekno Fantasy? Vides todas do cinema ou de distintas disciplinas?
Laura: Tekno Fantasy nace como continuación do grupo de traballo aberto Cine y Tecnología, que se reunía no laboratorio de Medialab en Tabakalera. En 2021, mentres Camila e mais eu estudabamos o mestrado de Arquivo na EQZE, coñecín o espazo do laboratorio de Medialab e quedei marabillada coas posibilidades que un espazo así ofrecía. Comentáronme que un grupo con interese polo cinema e a tecnoloxía se reunía e sumeime ao grupo, que neses momentos se estaba a disolver e buscaban unha remuda. Baixo o nome de Cine y Tecnología estivemos un ano traballando, construíndo o noso primeiro proxector, un proxector de acetatos. O ano pasado Iker uniuse ao grupo e decatámonos de que os nosos intereses e experimentos estaban tamén a afastarse da idea de cinema e nos estabamos achegando máis aos mundos de fantasía e a lugares máis abertos e transdisciplinares. Ocorréusenos que era un bo momento para dar un xiro ao grupo e convertémonos en Tekno Fantasy: un grupo de traballo motivado polo xogo, o erro e o cacharreo.
Vimos de diferentes disciplinas. Eu, por exemplo, estudei Belas Artes, logo fixen un mestrado de animación e anos despois fixen o mestrado de Arquivo Cinematográfico. Desde pequena tiven un grande interese por entender como se constrúen as cousas e polas tecnoloxías, o analóxico e o que podo facer coas mans. Por iso Tekno Fantasy é un proxecto que reúne todo o que me gusta: traballar con amigxs, gozar construíndo cousas e explorar posibilidades de creación desde a instalación, a animación e o performativo.
Camila: Eu estudei cinema en Chile e durante varios anos traballei como directora de arte. Sempre me fascinou a posibilidade de dar forma aos mundos onde ocorren as historias e construílos. Logo fixen o mestrado de Arquivo na EQZE, onde coñecín a Laura. Alí ensinóusenos a historia do cinema a partir da historia das tecnoloxías, o cal foi unha inspiración para o noso traballo en Tekno Fantasy.
Iker: No meu caso eu non estudei cinema, eu viña de facer música electrónica, mais é verdade que había un punto de unión entre o que viña facendo e Tekno Fantasy porque as influencias que eu traía incluían a música experimental e a performatividade con elementos físicos, ferraxes etc. Esa foi unha vía para ver como os nosos traballos se podían conectar.
Como funciona o colectivo?
Tekno Fantasy: Funcionamos como grupo aberto, que é un espazo aberto á comunidade. Un lugar para nos reunirmos con outra xente con intereses semellantes e para desenvolvermos obradoiros que complementen eses intereses. Normalmente reunímonos polo menos unha vez á semana en Medialab Tabakalera. Traemos novos proxectos constantemente e tentamos resolvelos en equipo. Imos traendo ideas, buscando referentes, e cando temos unha idea comezamos a investigar como poderiamos nós construír un obxecto —por exemplo, un proxector— desde cero. Para iso mercamos algúns elementos en feiras de segunda man e reutilizamos pezas; tamén neste proceso aprendemos como modelar pezas en 3D e a usar unha cortadora láser, e tamén aprendemos algunhas nocións de Arduino para programar certos obxectos. Todo isto coa grande axuda de David Pello, técnico de Medialab.
Por outra banda, estivemos constituíndonos como colectivo artístico e entendendo como facer e crear desde aí.
A vosa performance inclúe tamén a construción de diversos artefactos ópticos e tamén de traxes especiais; podédesnos falar disto?
Tekno Fantasy: A performance é unha combinación de sons e proxeccións e os artefactos que utilizamos para proxectar están integramente construídos por nós. A parte de son non está feita desde cero, mais parte tamén dunha utilización dos elementos desde o non normativo.
Os artefactos ópticos son unha mostra dos proxectores e aparellos que desenvolvemos durante o último ano. Entre eles hai un proxector de acetatos, un de diapositivas, un proxector con disco en movemento e varias lanternas e materiais que xeran proxeccións ou xogos de luz.
Os traxes e as máscaras son unha colaboración con outro dos grupos abertos de Medialab Tabakalera, que se chama Betile crocanti, o cal busca crear, de maneira colectiva e a través da costura, alternativas ao residuo, ao resto e ao apartado. Con elxs estivemos a traballar no deseño dos traxes. Buscabamos construír uns elementos que nos permitisen poñer o corpo en escena, mais cuns elementos que permitisen interactuar coas proxeccións. Pensamos na idea dun traxe pantalla fusionado cos traxes da danza serpentina de Loie Fuller e terminamos cuns traxes fantasía que nos fan sentirnos como «criaturiñas».
Podédesnos contar a orixe da peza que presentades no (S8), e o seu fío condutor?
Tekno Fantasy: A peza que presentamos no (S8), La belleza en los rayos de luz fracturados, é unha performance que nace motivada polo noso primeiro Encuentro Tekno Fantasy, que tivo lugar o pasado novembro e no cal abriamos as xuntanzas semanais a un encontro con obradoiros, cinema expandido, performance e festa que tiña como obxectivo amosar aquilo no que traballaramos, colaborar con outrxs artistas e gozar e bailar en comunidade. A nosa intención era mostrar dalgún xeito tanto os obxectos como as súas proxeccións, o cal deu lugar á idea de realizar unha performance.
A peza ten como fío condutor a idea de activar o corpo en escena e utilizar os obxectos que construiramos para nos poñermos en diálogo cun universo sonoro e descubrirmos cara onde nos podía levar iso. Durante os ensaios a peza se foi construíndo dunha maneira moi orgánica. Fomos buscando como se podía materializar unha unión entre o xeito de facer música de Iker e o que a performance necesitaba. Para iso empregamos parte do que el xa tiña gravado para o seu proxecto e outra parte deseñámola especificamente para a performance. Así fomos creando o imaxinario de «fantasía» que envolve a peza e a simbiose entre os diferentes elementos que a compoñen. Para os visuais, unhas partes saíron por accidente, como, por exemplo, ter unha lanterna acesa e mover un acetato por diante e descubrir os reflexos que se creaban co movemento, e outras coordinámolas e coreografámolas para ir construíndo unha narrativa para a viaxe destas «criaturiñas» por un universo visual e sonoro propio. Unha viaxe na cal van descubríndose a través da luz e o son.