Esta edición terá a súa clausura o sábado coa Wandering Projection que nos traen os laboratorios autoxestionados Laia-Torre (Porto) e Mire (Nantes). Unha proxección en 16 mm que percorrerá as rúas da Coruña grazas a este proxecto que mestura arte, tecnoloxía, solidariedade, compañeirismo e compromiso político. Falamos con representantes de ambos os laboratorios sobre todo isto.

De onde xorde a idea da proxección ambulante?
Mire: En Mire sempre nos encantou comisariar cinema experimental en lugares novos e insólitos; porén, coa evolución da cidade de Nantes, volveuse cada vez máis difícil atopar sitios distintos. Primeiro xestionamos un espazo ao aire libre, o Jardin C, e fixemos proxectos estrafalarios de toda caste, mais a xestión esixe moito traballo e en Mire decidimos centrarnos noutros proxectos, entre os que se atopaba o festival Prisme. Ocorre que, xusto despois da covid, xuntar a xente nunha sala non era algo que todo o mundo tivese moi claro, por moitos motivos. Organizar eventos móbiles e en exteriores veu en resposta a esta situación.
Naquela altura, os membros de Mire coñeceramos outras persoas que organizaban actos piratas, por razóns semellantes (a pandemia, o rexeitamento por parte das institucións artísticas, peches realizados por artistas no marco dunha okupación, a xentrificación e hixienización do espazo público ou todos eles). Mesmo o Antoine, membro de Mire, empezou a proxectar as súas películas e instantáneas desde a súa fiestra durante o confinamento pola covid, como alternativa ao auxe das plataformas de transmisión continua.
Servíronnos de moita inspiración as prácticas asociadas que se desenvolveran por entón: a xuntanza espontánea na rúa, en Indonesia, para facer ruído, tamén chamada Noise Bombing («bombardeo de ruído»); as andainas dos Concerts Dispersés, nos campos e bosques do centro de Francia; e as exploracións sonoras nas catacumbas de París levadas a cabo por antigos afeccionados ás raves e artistas… O que se denominaba «cultura de 12 V», na cal con baterías de coche, e máis adiante de litio, se podía tocar música friqui e facer festa case en calquera parte. Todas esas fontes de inspiración están centradas maiormente na música e no son, así que pensamos: vamos tentar facer isto para o cinema! En paralelo, tamén nos inspiramos moito nas orixes deste: a precinematografía e a lanterna máxica, a natureza ambulante dos espectáculos de fantasmagoría, os cinemas de feira.
Por que este é un proxecto desenvolvido especificamente por Laia-Torre e Mire?
Laia-Torre: Este proxecto desenvolvémolo Laia-Torre e Mire especificamente porque combina as nosas liñas de investigación complementarias no marco do proxecto SPECTRAL. Alén do estudo sobre aparatos novos para o cinema expandido e das residencias de creación, o SPECTRAL tamén inclúe a divulgación do traballo en artes cinematográficas expandidas e colaboracións con espazos ou festivais.
Para esta parte en concreto do proxecto, decidimos traballar de a dous, poñendo en relación dous laboratorios de cada vez co contexto dun festival. Por exemplo, o Filmwerkplaats e LaborBerlin colaboraron en Oberhausen, e Crater e o Bal Lab fixeron presentacións no LUFF.
Agora, no (S8), establecemos un diálogo entre a investigación de Mire sobre a itinerancia e a exploración temática de Laia-Torre sobre a luz primaria. Isto levou ao desenvolvemento dun proxector de 16 mm portátil e autónomo no tocante a enerxía: lixeiro e adaptable, totalmente en consonancia coa proposta de residencia de Laia, na cal se estudan tanto as fontes de luz primordial como a proxección en contornas naturais, tomando a propia paisaxe circundante como pantalla ou medio.
Ao longo do proxecto, á marxe dos programas, formáronse estreitas amizades, e desa atención complementaria e mutua xorde este programa. As nosas prácticas converxen non só nas súas dimensións técnicas e conceptuais, senón tamén nas súas relacións afectivas.
Poderiades falarnos do proceso de creación dos aparellos? Cales foron as principais dificultades?
Mire: Houbo tres sesións de seminarios de dez días de duración cada un, ao longo dun período dun ano, nas cales nos xuntamos doce persoas (sete de Francia e cinco do ámbito internacional). Para conformar o equipo, lanzouse unha convocatoria aberta.
En primeiro lugar, a dificultade era humana: non tiñamos nin idea de como se ían levar estas persoas que non se coñecían, nin de se toda aquela operación ía dar algún resultado, porque as instrucións eran un pouco vagas e facía falla moitísimo compromiso por parte dos participantes. Un pouco arriscado, vaia! Botando a vista atrás, foi unha experiencia humana bonita de verdade.
Despois tivemos algúns problemas ético-políticos. Comentamos e decidimos en conxunto como ían ser exactamente os aparellos, partindo das instrucións que se deran sobre que tiñan que ser reproducibles e móbiles (doados de transportar e de montar e autónomos no relativo a electricidade) e non podían superar un orzamento de mil euros. Neste proceso, atopámonos con dilemas como o de se usar baterías de litio de 12 V ou coller en Amazon compoñentes electrónicos baratos procedentes da China, o cal non é que concorde moito co noso modelo económico-ambiental ideal. Ao mesmo tempo —e, dalgún xeito, como contrapeso do anterior—, tentamos, sempre que fose posible, reutilizar elementos desbotados e, en xeral, ao longo do proxecto, aplicar unha filosofía de intercambio de coñecementos mediante a documentación, entre outras cousas.
Por suposto, tamén houbo unha dificultade de tipo técnico. Para moitos dos artistas participantes, aquela era a primeira vez que se metían tan a fondo na construción do estilo «faino ti mesmo»… Co OctoPloc, por exemplo, houbo unha parte de soldadura de cadeas! En suma, foi moi intenso e requiriu algúns axustes cando os prototipos estaban case acabados.
Mais, ao cabo, o compromiso de cada un dos participantes e a complementariedade das destrezas do equipo funcionaron moi ben.
Como é a dinámica da proxección? Que ides facer aquí na Coruña?
Mire: Pretendemos levar a xente de paseo connosco.
A idea é redescubrir a contorna á luz dos lugares de proxección achados na cidade. Debería ser unha bonita experiencia compartida, contemplativa e rebuldeira.
Poderiades falarnos do programa que traedes? Como escollestes as películas?
Laia-Torre: A idea que tivemos para elixir os filmes empezou como unha especie de partida de pimpón entre laboratorios. Cada un tiña as súas respectivas «cestas» de películas, cunha selección elaborada seguindo determinadas normas: ningunha cinta podía superar os dez minutos de duración, tiña que ser muda e debía corresponder ou ao tema da «itinerancia» ou ao da «luz primaria» (ou a ambos). Tamén nos centramos en atopar un equilibrio entre o branco e negro e a cor e na paridade entre homes e mulleres.
Ese troco de películas deveu, en si mesmo, nunha conversa visual entre Mire e Laia-Torre, na cal cada laboratorio achaba vencellos estéticos e conceptuais entre eles, ademais de propor outras indicacións. Tamén tiñamos en mente que o seleccionado debería poder verse en superficies non moi lisas nin moi claras.