A Mostra de Cinema Periférico da Coruña participou no I Encuentro Nacional de Festivales de Cine celebrado esta semana en Zaragoza, no que se destacou a importancia destas citas na vida cultural dos diferentes territorios

Potencian o cine como experiencia colectiva, exercen como lugar de encontro e impulso para creadores, públicos e industria, e favorecen a diversidade artística e territorial desta expresión cultural. Todo isto é o que representan a día de hoxe os festivais de cine en España, segundo se concluiu no I Encuentro Nacional de Festivales de Cine celebrado esta semana en Zaragoza e no que participaron os directores do (S8) Ana Domínguez e Ángel Rueda.
A cita foi promovida dende Aragón co apoio do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e convocou a representantes de máis de 120 festivais de toda España. Contaba ademais coa colaboración de Pantalla, a Federación Estatal de Coordinadoras de Festivales de Cine y Contenidos Audiovisuales, a cal ten na súa directiva a Ana Domínguez, codirectora da Mostra de Cinema Periférico da Coruña. Foi, polo tanto, unha cita profesional que Ángel Rueda calificou de moi necesaria «para atoparse, conversar e poñer sobre o mapa a gran diversidade de propostas que conviven actualmente en España».


A. Domínguez con Cristina Gómez, (pta. de Pantalla) e Teresa Morales (dtora. de Punto de Vista).
O programa do encontro —celebrado entre o 16 e 18 de xuño— incluiu mesas redondas, paneis e coloquios nos que se analizaron a situación dos festivais, especialmente dos que naceron nas últimas décadas con propostas singulares e descentralizadas diversificando a paisaxe de encontros cinematográficos. É o caso do (S8), que na súa 16ª edición está consolidado como referente na exhibición e impulso de novas narrativas cinematográficas, ademais de ser o punto de encontro dunha comunidade internacional relacionada co cine artístico e de vangarda. Así se demostrou na súa última edición, no que recibiu público de toda España e do estranxeiro, enchendo as salas en todas as sesións.
E se o (S8) foi destacado por poñer o foco na experiencia e na presencialidade, Galicia sinalouse como un exemplo pola diversidade das propostas e como conviven no territorio, contidos e calendario. Dende Proxecta, a coordinadora de festivais galegos que tamén acudiu a Zaragoza, destacouse o valor que aportan estes eventos como vertebradores da vida cultural dos diferentes territorios onde se celebran.

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.