BÉAL DE JUANA ROBLES, PROXECTO SELECCIONADO – BAICC 2025/26

Ago 7, 2025 | Destacados, Novas

Juana Robles é a autora de béal proxecto gañador desta novena edición de BAICC – Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica 2025/26. A comisión de valoración integrada por un representante de cada unha das tres entidades responsables da convocatoria, AC/E – Acción Cultural Española, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña e Liaison of Independent Filmmakers of Toronto – LIFT, decidíu que esta proposta fose a seleccionada para ser desenvolta durante catro semanas entre setembro e outubro de 2025 en Toronto (Canadá).

béal é un proxecto que explora os ritmos do Cabbagetown Boxing Club e a súa veciñanza, moldeados polas historias de inmigración irlandesa e a resiliencia da clase traballadora. Combinando investigación comunitaria con técnicas de cine analóxico como efectos en cámara, dobre exposición e revelado manual, a película investiga a presencia estratificada da historia, o movemento e a memoria a través dunha linguaxe visual texturizada e rítmica.

O resultado desta residencia artística poderá verse en estrea mundial durante a próxima edición do (S8) XVII Mostra Internacional de Cinema Periférico en xuño do 2025, na Coruña.

Juana Robles (n. 1983, Tortosa, España) é unha cineasta experimental radicada en Kilkenny, Irlanda. O seu traballo, a miúdo realizado con técnicas analóxicas como 16 mm e Super 8, explora o corpo, a identidade, a memoria e a resiliencia a través dun cine inmersivo e táctil. Inspirándose na performance e o ritual, difumina as fronteiras entre historias personais e colectivas.

Juana estudou na Escola de Arte e Deseño de Lucerna e na Universidade das Artes de Zúrich, Suíza. As súas películas proxectáronse en festivais de todo o mundo, incluíndo o Festival Internacional de Cine de Perth, o Milwaukee Underground Film Festival, o Festival de Cine Experimental de Bogotá, o Festival de Cine Diferente e Experimental de París, e o Festival de Cine e Video Experimental Videoex de Zúrich. As obras individuais de Juana Robles son distribuidas por Light Cone (París) e Collectif Jeune Cinéma (París).

Tamén é cofundadora de Out of Focus, unha iniciativa en Kilkenny dedicada ao cine experimental, e ten contribuído á comunidade do cine experimental a través dos seus roles en festivais como Festival de Cine e Video Experimental Videoex e o Lausanne Underground Film Festival (LUFF).

BAICC– Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica 2025/26 é un proxecto de eSe8_LAB que conta co apoio de Acción Cultural Española (AC/E), LIFT-Liaison of Independent Filmmakers of Toronto e a Axencia galega de industrias culturais (Agadic).

PUBLICACIÓNS RECENTES