O eSe8_LAB CONCEDE AS BOLSAS “ELIXIR” EN HONOR DE AMY HALPERN

Xan 8, 2026 | Destacados, Novas

CATRO BOLSAS PARA APOIAR A CINEASTAS EMERXENTES, MANTENDO VIVO O ESPÍRITO DA NOSA QUERIDA AMY, CINEASTA E EDUCADORA

A presenza de Amy Halpern no 2022 marcou un antes e un despois na historia do noso festival e de todos os que participaron nel naquela edición, logo da cal, apenas dous meses despois, ela finaría. O seu legado persoal coñéceno aquelas que lembran as súas inspiradoras conversas (con practicamente cada persoa do público e do equipo). Delas saíron novas creacións que se presentaron nos anos seguintes. A súa masterclass segue a ser visitada na nosa canle de Youtube e das súas películas presentadas na Coruña quixemos quedar con ‘ELIXIR’, porque era para ela “unha carta de amor”. Ademais, na alquimia e o misticismo, o elixir da vida era concebido como unha panacea, unha sustancia capaz de curar todas as dolencias e enfermidades. Sexa para salvar do esquecemento os seus dons e a súa luz, sexa para sandar as eivas nas políticas culturais no apoio a cineastas experimentais emerxentes, hoxe presentamos baixo ese nome estas bolsas para o desenvolvemento de 4 proxectos cinematográficos.

Fotos: María Messeguer

Foron a súa familia e amizades quenes quixeron unir forzas para que desde o (S8) puidésemos manter o apoio que nos últimos anos viñemos brindando, non sen esforzo, a aqueles proxectos que apostan por un cine de creación en formato analóxico. Ao premio BAICC (Becas Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica), súmanse este ano estas catro bolsas ELIXIR ao desenvolvemento, de 700€, que se concederán aos catro participantes das Xornadas INPUT 2025 como un impulso para a finalización dos seus proxectos.

Á conclusión do proceso de INPUT – Espazo de titorización e asesoramento de proxectos cinematográficos en desenvolvemento 2025, despois da última titoría online que mantiveron titorxs e titorizadxs, contactouse cxs titorxs desta edición, Beli Martínez, Byron Davies, Raquel Scheffer e Catarina de Sousa para realizar unha valoración final. Satisfeitas todas as partes do bo nivel dos proxectos participantes así como dos avances no proceso, acordouse estender o noso apoio aos proxectos: ‘OH MONO, ADIÓS’, DE PAOLA BUONTEMPO; ‘VÊHTIHIO’, DE VIOLETA SARMIENTO; ‘DE LA NOCHE A LA MAÑANA’, DE ORISEL CASTRO; e ‘¿QUÉ ES UNA MONTAÑA?’, DE FRAN RODRÍGUEZ CASAL. Todos eles, serán beneficiarios de senllas bolsas ELIXIR en honor de Amy Halpern, para continuar traballando nos seus proxectos.

Fotos: Andrea Morandeira

Esta bolsa nace da xenerosidade de Nancy Halpern Ibrahim, irmá de Amy, quen impulsou a idea e reuníu os apoios para facela posible.

eSe8_LAB é un proxecto da Asociación Cultural sen ánimo de lucro eSe8, que se desenvolve no marco do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico de A Coruña.

PUBLICACIÓNS RECENTES