JOHN PORTER

PROGRAMA 2

Fundación Luis Seoane | Sábado 6 de xuño | 23:30 | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.

A Trip Around Toronto Harbour 
John Porter | 1986 | O Canadá | Super 8 | 4 min

Un Camera Dance realizado con cámara rápida e pixilación. John e os seus amigos Paul McGowan e Tom Urqhhart a remaren en canoa e bailando coa cámara, que os enfoca, suxeita a un pau longo, dende diante da canoa. Co aparello funcionando a un fotograma cada dous segundos, un rolo de película capta a totalidade dun percorrido polas lagoas situadas entre o grupo de illas do porto de Toronto, así como un descanso para nadar. O título fai referencia á curtametraxe de Colin Brunton A Trip Around Lake Ontario (1984).

(John Porter)

Martha’s Balloon Ride 
John Porter | 1982 | O Canadá | Super 8 | 6 min

John montou a cámara, a un fotograma por segundo, no bordo exterior dun globo en que ía el. O aparello apuntaba cara abaixo, visualizando o chan que ía pasando ao lonxe e o bordo da cesta de pasaxeiros do globo. Rodouse durante dous voos realizados cun ano de diferenza, trazados por Martha Davis, amiga de John, que ía rodando o seu propio filme en Super 8 dende a cesta. 

(John Porter)

Pumpkin Parade 
John Porter | 2018-19 | O Canadá | Super 8 | 7 min

Exposicións en primeiro plano de cabazas de Halloween que á noite brillan coas candeas nun «desfile de cabazas» que ten lugar por un parque. Un acontecemento anual que se celebra todos os primeiros de novembro e que constituíu un evento singular no mundo cando se realizou por vez primeira no ano 2004, no Sorauren Avenue Park de Toronto; dende entón estendeuse polo país e ao ámbito internacional. 

(John Porter)

Variety Lights 
John Porter | 1984 | O Canadá | Super 8 | 4 min

Continuación dun filme anterior de John, Amusement Park (1978-79). Nela documéntanse distintas escenas polo centro de Toronto en que aparecen luces que brillan na noite. Igual ca en Amusement Park, todas se gravaron dende o solpor ata a caída da noite, rodando fotograma a fotograma e con exposicións longas en cada un deles; empezouse con exposicións dun segundo e despois foise aumentando constantemente a súa duración a medida que diminuía a luz diúrna e mesmo unha vez caída a noite, para acabar case transformando a escena nocturna nunha masa confusa que se creou mediante exposicións de dous minutos en cada fotograma. 

(John Porter)

City Hall Fire 
John Porter | 2005 | O Canadá | Super 8 | 4 min

O Porter’s Condensed Ritual («Ritual condensado de Porter») máis recente de John (cámara rápida e pixilación). Unha performance con pirotecnia a cargo do francés Groupe F, levada a cabo no moderno City Hall de Toronto durante o primeiro Festival WinterCity da cidade. Filme rodado nunha soa toma, a un fotograma cada dous segundos, ao longo de dúas horas, con exposicións de dous segundos en cada fotograma. 

(John Porter)

Calendar Girl 
John Porter | 1981-88 | O Canadá | Super 8 | 4 min

John riscou e pintou unha copia en Super 8 con son sincronizado dun filme en branco e negro de música pop da década dos 60 (Scopitone), que realizou dirixindo a cámara ao seu vello televisor en B/N. Os riscos e pinceladas de John serven para esaxerar o sexismo presente nos «vídeos musicais» de todas as xeracións, así como para reflexionar sobre el. 

(John Porter)

Jewison, Superstar 
John Porter | 1995 | O Canadá | Super 8 | 5 min

Jewison, Superstar é unha das cousas máis graciosas que vin, aínda que non teño de todo claro por que. Consiste nun avance promocional en Super 8 da versión cinematográfica que realizou Norman Jewison do Jesus Christ Superstar de Andrew Lloyd Weber. Porter substitúe a banda sonora que puidese ter orixinalmente por unha interpretación que el mesmo fai da canción que dá título á obra, mais cambiando «Xesús Cristo» por «Jewison». A súa maneira de cantar posúe o mesmo ton de distraída concentración dun neno: carece de elegancia, resulta encantadora e parece totalmente allea a esa inelegancia e encanto. A voz simplemente se abre camiño polo avance promocional, invocando o nome de Jewison no canto do do Fillo de Deus. Jewison, Superstar podería interpretarse no sentido de que Porter fai burla da insistente afirmación de que ese produto hollywoodiense de Jewison, comercial e vagamente liberal, dalgún xeito representa o que é o cinema canadense. 

(Steve Reinke)

The Secret of the Lost Tunnel 
John Porter | 1992 | O Canadá | Super 8 | 4 min

Un Camera Dance realizado con cámara rápida e pixilación. John fai unha interpretación para a cámara nunha pouco habitual película «narrativa», montada na propia cámara. Desempeñando o papel dun dos rapaces Hardy, que, espido, porta unha lanterna na escuridade, descobre un longo e misterioso túnel de cor rosa; mentres se abre paso con dificultade cara ao outro lado, cada vez a maior velocidade, no seu avance pasa ante anuncios postos nos muros e, ao final, sae a unha escena do filme de Stanley Kubrick 2001: unha odisea do espazo (1968). John construíu o «decorado» do túnel no seu piso, variou as velocidades de gravación para mudar en aparencia a velocidade a que se arrastraba e gravou posteriormente os seus gruñidos na película sonora. Inspirado nunha escena do filme de Woody Allen Everything You Always Wanted to Know About Sex* (*But Were Afraid to Ask) (1972). O título, e a páxina de título da película, están tomados dun libro dos Hardy Boys

(John Porter)

Shovelling Snow 
John Porter | 1992 | O Canadá | Super 8 | 4 min

Un Camera Dance con son sincronizado. Filme dunha soa toma, rodado sen ensaios polo cineasta Robert Kennedy, amigo de John. Este último actúa para a cámara, quitando padas de neve a un ritmo rápido e constante durante tres minutos (a duración dun rolo de película gravado a velocidade normal). El, Robert e a cámara séguense mutuamente nun baile linear pola longa beirarrúa ata dobrar a esquina, na rúa de John. O filme, co seu rítmico son estridente, concibiuse para ser usada polo grupo Fifth Column. Película que complementa a Blade Sharpener (1998), outro Camera Dance con son sincronizado que se gravou no verán na mesma rúa e igualmente pensado para a súa utilización por parte dun grupo de música. 

(John Porter)

Blade Sharpener 
John Porter | 1998 | O Canadá | Super 8 | 4 min

Un Camera Dance con son sincronizado e sen ensaios, realizado nunha soa toma, a velocidade normal. John segue a Mike Orlando, ancián afiador de coitelos e follas de cortar, que tira da súa pedra de afiar con rodas pola tranquila rúa de John, no verán, facendo soar unha campá de escola para se anunciar polo camiño. «Musical» concibido para ser utilizado cun grupo en directo. Película que complementa a Shovelling Snow (1992), outro Camera Dance con son sincronizado que se gravou no inverno na mesma rúa e igualmente pensado para a súa utilización por parte dun grupo de música. 

(John Porter)

In the Gutter
John Porter | 2000 | O Canadá | Super 8 | 4 min

Un Camera Dance en que se crean vistas itinerantes das rúas de Toronto tomadas dende abaixo, dende a cuneta. 

Montado na cámara e rodado a nove fotogramas por segundo cunha funda de cámara caseira impermeable colocada nun pau. 

(John Porter)

Picture Pitcher 
John Porter | 1989 | O Canadá | Super 8 | 4 min

Comedia de béisbol e pintura abstracta. A lanzadora Karen Fraser guinda bólas de pintura á cámara mentres o receptor e cineasta John Porter dirixe o xogo e limpa o cadro entre lanzamentos. 

(John Porter)

Shootout with Rebecca 
John Porter | 1983 | O Canadá | Performance en Super 8 | 4 min 

Un Camera Dance con son sincronizado, realizado nunha soa toma coa artista Rebecca Baird, amiga de John. A artista visual Rebecca Baird actúa para a cámara, interpretando a unha bandida que se sitúa a un dos lados do tiroteo no «salvaxe oeste» e dispara á cámara unha pistola de xoguete, na galería de arte de The Funnel Experimental Film Theatre (Toronto). O «decorado» é a súa instalación na galería Gallop Exit To, consistente en simulacións de area no chan e grandes cactos, ambos feitos de cereais Krispies de arroz. A banda sonora de «filme do oeste» da súa instalación tamén pasa a formar parte desta película sonora gravada en vivo. 

Cando se proxecta, John actúa en directo entre o público, interpretando un shériff que se sitúa ao outro lado do tiroteo e dispara cunha pistola de xoguete a Rebecca, que aparece na pantalla. Ambos berran alternativamente o un para a outra e o público é a partida ao mando da cal está John. 

(John Porter)

Revolving Restaurant
John Porter | 1981 | O Canadá | Performance en Super 8 | 4 min

Un Camera Dance realizado nunha soa toma. O filme trata dunha vista pola fiestra do restaurante xiratorio situado na cima da Torre CN de Toronto. Cando se proxecta a película, John actúa ante a pantalla, representando con mímica o papel dun cliente que come sentado a unha mesa colocada a carón da fiestra; porén, como o filme se rodou a velocidades variables, o xiro do restaurante cobra unha rapidez que marea e a mímica de John fai o mesmo. 

(John Porter)

Animal in Motion 
John Porter | 1980 | O Canadá | Performance en Super 8 | 1 min

Un Camera Dance sen cámara, realizado con metraxe atopada. John actúa en directo ante a pantalla, correndo adiante e atrás en sincronía coa película, que é toda negra agás por un fotograma transparente que aparece cada cinco segundos. John pasa a correr polo centro da pantalla mentres cada fotograma transparente o ilumina durante unha mera quincuaxésima de segundo e crea, así, imaxes fixas del. Á seguir substitúese cada un deses fotogramas por uns poucos de metraxe atopada con son en que aparece unha persoa que lle berra á cámara, e John, pola súa vez, bérralle a esa persoa ao tempo que segue pasando ás carreiras cando toca. A versión orixinal consistía en dous bucles curtos de película magnética en 16 mm en que se empalmaran os fotogramas transparentes e a metraxe atopada e que se mostraban varias veces cada un en proxectores distintos. Posteriormente copiáronse da pantalla a un único rolo de película sonora en Super 8. O título fai referencia á serie fotográfica de Eadweard Muybridge Animal Locomotion (1887), anterior á invención do cinema. 

Scanning 8 
John Porter | 2016 | O Canadá | Performance en Super 8 | 4 min

Versión de Scanning 8 (ver programa 1) adaptada ao espazo e á circunstancia. 

JOHN PORTER

SUPER 8 RADICAL

John Porter é de Toronto (O Canadá) e leva filmando en Super 8 dende 1968. Dende entón, produciu máis de 300 películas e performances, que en si mesmas son todo un manifesto de como o cinema en Super 8, lonxe de ser un cinema menor, ten unha entidade propia na arte grazas precisamente ás características da ferramenta con que se produce. As persoas que constitúen a historia do cinema en Super 8 (algunhas das cales pasaron pola Mostra) demostraron como as súas supostas limitacións son virtudes postas ao servizo de certas sensibilidades e imaxinacións. De nai pintora e pai enxeñeiro, Porter estudou fotografía e cinema na Ryerson University do seu Toronto natal, onde puido comprobar que eses estudos, e a idea do cinema en xeral, estaban dominados polo industrial e comercial. E Porter, sempre un espírito inquedo e contestatario, decatouse de que non estaba interesado en formar parte diso. O Super 8 era barato, accesible e portátil e, sobre todo, non había razón ningunha para non consideralo un formato acaído para a creación máis ambiciosa en imaxinación. Esta preferencia de Porter tornouse en militancia, unha característica que tamén o levou a ser activista do cinema alternativo na súa cidade. Se ben producir cinema en Super 8 era máis económico ca noutros formatos, non había tantos espazos de exhibición dispostos a equiparse para o mostrar. Esta necesidade conduciuno a involucrarse en organizacións colectivas como The Funnel, un verdadeiro fogar para o cinema experimental, a videoarte, a performance e todo tipo de expresións artísticas que existiu entre 1977 e 1989. Porter acode dende sempre a todas as proxeccións alternativas de Toronto, e leva tamén moitos anos a documentar todos eses eventos fotograficamente, alén de manter unha axenda desta clase de proxeccións no seu sitio web (www.super8porter.ca, valiosísima fonte de información sobre a súa vida e obra). Porter elaborou, así mesmo, o célebre Filmmaker’s Map of Toronto, unha guía debuxada á man de todos os sitios de Toronto de posible interese para cineastas (dende galerías e lugares de exhibición a tendas de segunda man, oficinas de correos, bares, parques e máis). E forma ou formou parte de organizacións como o Canadian Filmmakers Distribution Centre, Pleasure Dome, CineCycle e A Space. É dicir, contribuíu de xeito significativo a construír un ecosistema de cinema alternativo e a documentar a súa historia, e segue a participar de forma entusiasta nesta escena, que ten máis en común co espírito dos fanzines e dos circuítos punk e D.I.Y. (como dato curioso, Porter mostrou os seus filmes nunha ocasión no CBGB da man da banda Fifth Column). Pois é sen dúbida unha actitude política a decisión de Porter de pertencer activamente a esta comunidade libre e insubmisa dende todos os seus flancos. 

Mais refirámonos aos filmes. Unha particularidade do cinema de Porter é como moitas veces a invención formal casa co sentido do humor. Esa combinación de rigor e espírito lúdico fala de como Porter non perde de vista que unha proxección dos seus filmes é tamén unha canle de comunicación co público. Como sinala Scott MacDonald na entrevista que lle fai en A Critical Cinema 3: 

Se ben a maioría dos cineastas do Super 8 recorreron a este formato máis pequeno porque economicamente lles brinda a ocasión de facer filmes tan interesantes coma os que poderían realizar en 16 mm (ou, polo menos, interesantes dabondo), uns poucos foron máis lonxe e produciron películas que serían difíciles de facer, por non dicir imposibles, en 16 mm o 35 mm […]. Mentres que os irmáns Kuchar transformaron as limitacións dos 8 mm nun sentido do humor que conmove —é dicir, en «limitacións»—, o canadense John Porter foi un paso máis alá: nalgúns dos seus filmes máis memorables converteu as «limitacións» en puntos fortes. 

Porter traballou moitos anos especialmente en dúas series de filmes. Por unha banda, a que denomina Condensed Rituals (cuxo título fai alusión e, á vez, un pouco de parodia ás Latas de sopa Campbell de Warhol, sopa de tomate concentrado), que son diversas accións e acontecementos filmados en time lapse. Un time lapse que adoita ter unha razón de ser guiada polo enxeño, en situacións estratexicamente escollidas para iso. Por outra banda, a súa serie Camera Dances, que contén moitos filmes que no seu día sería imposible realizar en 16 mm ou 35 mm pola mobilidade da cámara e os recantos a que chega. Tamén compoñen esta serie accións que Porter «coreografía» para a cámara, usando por veces ademais a filmación fotograma a fotograma. Son célebres desa serie varios filmes chamados Cinefuge (dos cales veremos as variacións 4 e 5), nas cales atopamos o xesto de colgar a cámara dunha corda e facela xirar mentres filma, mais neste caso con intencións e estética moi diferentes ás de Claudio Caldini en Gamelan (1981) e Un enano en el jardín (1981). Como lle explica a Mike Hoolboom nunha entrevista publicada no web deste: 

Inspireime na última escena do spaguetti western O bo, o feo e o malo, de Sergio Leone, na cal Eli Wallach corre arredor da cámara, que está situada no centro dun cemiterio circular, na procura dunha lápida. A cámara enfócao con nitidez, mentres que as lápidas se volven totalmente borrosas. Pareceume unha gran fonte de inspiración que unha toma tan longa, salvaxe e caótica puidese figurar nun filme comercial. 

Outra interesante vertente do seu traballo é a que ten que ver coa interacción en directo coa proxección. Dende performances en que parece «meterse» maxicamente nos seus filmes, como Revolving Restaurant (1981) ou Animal in Motion (1980), ata as súas famosas Scanning, nas cales leva o proxector ao ombro coma se fose unha cámara, seguindo os movementos rexistrados no filme que se proxecta. O ilusionismo que facilita o cinema, tanto no seu rexistro coma na súa proxección, é materia que Porter utiliza de maneira intelixente, amena e formalmente abraiante. 

Na primeira sesión que veremos, Porter mostrará algunhas das películas que el considera máis «tranquilas» da súa filmografía (malia que aclara que todas as súas películas son divertidas), e na segunda sesión (enmarcada dentro dos Desbordamentos do patio da Fundación Luis Seoane) veremos as máis rápidas, máis filmes sonoros e catro das súas performances. 

Por último, é importante mencionar tamén o que se refire á exhibición dos filmes de Porter. De certo, só se poden ver proxectados no seu formato orixinal, o Super 8. Unicamente hai dous deles dixitalizados. Pola súa forma de produción, o que se ve en cada proxección, na maioría dos casos, son os orixinais de cámara. Por iso Porter adoita manexar el mesmo o proxector e limpalo a fondo previamente. Alén disto, moitos dos seus filmes silentes levan unha narración ou comentario feitos en vivo no momento da súa proxección. 

Á vista está que o compromiso de Porter co Super 8 é radical. Unha radicalidade que ten que ver non só coa adhesión absoluta ao formato, senón co que significa como acto político: crer que outro mundo é posible. 

Elena Duque