BRUNO VARELA
PROGRAMA 1 – LECTOR DO CINEMA ESTRUT-RURAL
Domus | Mércores 3 de xuño | 20:30 | Entrada libre a todas as sedes ata completar capacidade. Non será posible acceder ás salas unha vez empezada a proxección.
Trans-apariencia-estéreo-voodoo
Bruno Varela | 2025| México | Dixital | 18 min
A) onde rematan os dispositivos para captar o mundo e comezan os outros instrumentos de percepción? en que punto todo deveu cámara, pantalla, micrófono, resoador, amplificador?
B) artefactos desprogramados por mans, peteiros, tentáculos. Gadoupas, tenaces, fauces exploracións doutros mundos tanxibles
C) máquinas con vontade, cruzadas por forzas, presenzas, manifestacións gravidade, radiación, electricidade, magnetismo
D) máquinas zoadoras operadas por humanos a invadiren mesetas doutros seres
E) máquinas controladas e programadas polo humano borran mundo, pulverízano en pastas contrastadas de gris alta irresolución xenocida en 4K non hai unidade mínima posible o que non cabe tamén está presente
Un cinema que se pensa arquivo, fragmento e totalidade ao mesmo tempo.
Coágulo temporal, mosaico subatómico que se organiza como materia imaxinada, só provisionalmente.
Un acordo ordenado dende unha máquina e unha mirada.
Un cinema instrumento de transformación, que promove o encontro co outro. Que nos disloca do presente, para nos situar en presente. Un cinema que conspira e promove a conspiración.
Máquinas que soñan con imaxes imposibles de ver por unha mirada humana.
Mais que volven imaxinable o mundo para os humanos.
(Bruno Varela)
Ombligo de sombrero
Bruno Varela | 2025 | México | 16 mm a dixital| 6 min
escudo vexetal
bordo afiado do mundo
padróns reiterados dan a forma
camiños
estruturas pactadas dende os soños
técese mundo
os seus bordos
o seu centro
dentro e fóra
cada sombreiro parécese ao anterior e ao que virá
sempre é único, último e primeiro
embigo-centro-padrón-texto-tecido
sombreiro mapa
prenda solar
(Bruno Varela)
dedonde son loscantantes
Bruno Varela | 2025 | México | Super 8 a dixital| 3 min
Daquela breve mais intensa viaxe á Habana, un rolo Super 8 en cor, tirado coma un debuxo, unha botella á beira do mar.
Sílabas soltas, pequenos sucesos maniféstanse sempre.
Queda un colar de doas de vidro.
Anunciación.
Dedonde son loscantantes é un exercicio formal, barroco e estrutRuralista.
Esgótase o material e nas reiteracións. Editado en cámara desmontado en liña de tempo.
(Bruno Varela)
Estela
Bruno Varela | 2012 | México | Super 8, Video8, VHS, MiniDV | 9 min
Documental intermedio que presenta a contorna dun personaxe desaparecido. Pantasmas a marcharen polo recoñecemento da súa ausencia, lembranza nebulosa, visión fugaz ensamblada de retallos de material orfo e vídeos analóxicos á deriva.
(Bruno Varela)
Perturbación y reflejo
Bruno Varela | 2022 | México | Super 8 a dixital | 3 min
perturbación e reflexo
(un filme psíquico-materialista)
todos agardamos polo noso tempo
unha oportunidade de borrarmos o futuro
rompermos os lugares onde acontece algún tipo de normalidade
rompermos o costume adquirido de vivir coma se non estivésemos no mundo
todo encontro é político
non vampirizar a revolta por medio da súa estilización
son os encontros que se produciron efectivamente nela os que reverberan.
ninguén sabería dicir o que pode un encontro.
como filmar unha mobilización?
desde onde?
para quen?
que se mobiliza despois? ao volverse pór en marcha, como imaxes
A axitación no revelado está en relación coa axitación dos corpos
Super 8 filmado en 2017 durante as manifestacións de rexeitamento á visita do presidente Enrique Peña Nieto.
Revelado artesanal ese mesmo ano, escaneada en 2021.
(Bruno Varela)
Cuerpos complementarios
Bruno Varela | 2022 | México | MiniDV, Digital8 e fotos en 35 mm dixitalizadas | 5 min
En 2001 a artista Shirin Neshat vén filmar a Oaxaca, co mítico Darius Khondji na dirección de fotografía e unha produción inmensa. Tócanos o casting, 400 persoas das diversas comunidades de arredor da Ranchería El Manzano para traballaren na película. Están prohibidas as fotos durante a actividade, mais o traballo de dous meses de procura xerou vídeo e foto. Unha bitácora de caras, lugares, paisaxes.
Co vídeo fíxose en 2003 o ensaio Papeles secundarios, que obtivo certo eco e circulación. As fotos perdéronse entre outros materiais e mudanzas.
O filme é practicamente invisible hoxe, agás polos coleccionistas.
Mais está este documento de detrás das cámaras, que contén claves e algunhas imaxes do filme.
(Bruno Varela)
Heraldos de neón (fulgurantes)
Bruno Varela | 2026 | México | 16 mm dixitalizado e vídeo dixital | 15 min
propagadores, dispersores, transmisores, infestáronse todos os sinais.
despois da terceira vaga de peste, quedou restrinxido calquera contacto directo.
a exposición dos corpos á contorna limitouse a un máximo de cinco seres humanos nun mesmo lugar
somos os corpos onde se agocha o virus para entrar na existencia
portadores potenciais todos
os heraldos de neon saen a se expor ao sol calcinante, a exhibir a pel brillante
a exercer a respiración directa.
respirar ao mesmo tempo, conspirar
inmersos na contorna, ningunha malla separa o vivo.
non habitamos a terra, estamos mergullados na súa atmosfera
respirámola…
(malia as pequenas grallas de dedo…é unha gran previsualización)
(Bruno Varela)
Reedición en 2026 de Heraldos de neón (2020)
Presentes impuros (la luz espesada)
Bruno Varela | 2023 | México | 16 mm transferido a 35 mm | 6 min
Tempos densos
Mal callados
Coagulados dentro doutros coágulos
Emulsións sedimentadas, estratos de mundo disecado.
Formas da interface
Zonas de intercambio. Sopros, sixilos
formas de existencia sutil
trampas de luz e tempo
O programa contra o programa
investigación dende as ruínas fumegantes do cinema capital.
(Bruno Varela)
Proxección en 35 mm con música en vivo
Polen negro
Bruno Varela | 2026 | México | 35 mm | 13 min
Imaxes pulverizadas deslízanse sobre superficies sonoras brandas. Tensión superficial levada ata o seu límite. Espectralidade, sombras, pegadas de luz.
Probas de abismo.
Cachelas do proceso manual en 35 mm, raiados, cloros, dobres exposicións, para posteriormente levar
o material cara a un escaneamento experimental… Son máis de 20 000 imaxes soltas postas a correr a 24 fotogramas por pestanexo.
(Bruno Varela)
Proxección en 35 mm con música en vivo
BRUNO VARELA
UNHA LÚA OU UNHA DAS SÚAS FORMAS
Bruno Varela (Cidade de México, 1971) é unha figura fundamental do cinema experimental latinoamericano deste século. Destacar a súa relevancia coa exhibición da súa obra en Europa supón, ante todo, o reto de destacar o seu papel como docente. Con Varela, calquera sensación de familiaridade revélase inmediatamente como enganosa. Quizais isto se deba a que, unha vez que un se adentra nas súas constelacións de pensamentos, descobre que estas se expanden constantemente. Así, as conexións que trazaba hai dúas décadas entre a tortilla de maínzo, a colonización da Lúa, o colonialismo verde e a historia do Anáhuac tórnanse á vez máis estrañas e máis urxentes a medida que comprendemos, na súa obra recente, que esas misivas cinematográficas pretendían ser sinceras advertencias sobre a apocalipse. Alén diso, a súa influencia foi imborrable nas visións máis institucionalizadas do cinema mexicano, mentres que a súa propia visión se resistiu obstinadamente ás institucións, abrazando a pedagoxía dos pequenos colectivos, obradoiros ou grupos musicais do estado de Oaxaca, no sur de México. E non debemos subestimar a auténtica transformación que se produce nos conceptos clásicos do cinema experimental cando Varela os traslada ao sur, onde o «cinema estrutural» se converte no «cinema estrut-rural», e onde a vangarda (así como calquera asomo de elitismo ou fetichismo dun medio) queda sometida á defensa construtivamente iconoclasta que Varela fai da retrogarda. Trátase dun cinema que loita por aquilo que as visións estandarizadoras cualificaron cinicamente (e, de feito, de forma xenocida) como «pasado».
Comezamos, pois, este ciclo abordando o que Varela entende polo primeiro deses conceptos, co programa «Lector do cinema estrut-rural». Nunha recente declaración publicada en Los Experimentos, Varela vencella a súa obra coa definición orixinal de P. Adams Sitney do cinema estrutural, segundo a cal este implica a intuición dunha forma predeterminada. Para Varela, esa forma é, con frecuencia e por excelencia, un círculo: unha tortilla de maínzo, a Lúa, a Atlántida de Platón, México-Tenochtitlán («o embigo da Lúa») e —especialmente neste programa— o sombreiro que dá título á obra Ombligo de sombrero (2025), tecido polo seu protagonista e colaborador, o sombreireiro Apuleyo Hernández Ocampo, de Santa Catalina Chinango (Oaxaca). É unha obra realizada con «moi pouca película, mais trenzada como un sombreiro de palma que acumula densidade e volume». Nos filmes de Varela, esa densidade e ese volume, acumulados arredor do esqueleto dunha forma que se repite, derívanse das calidades epifánicas (como el gusta de dicir, a aleatoriedade ou o «cliname», utilizando o termo de Lucrecio) de deixar que unha cámara, un micrófono, un anaco de emulsión (como no seu uso dos fitogramas) simplemente sexan, de deixar que o mundo se presente. Así, na recente revelación videográfica Trans-apariencia-estéreo-voodoo (2025), a densidade e o volume —noutras palabras, o significado— recaen nos animais non humanos que se apoderan dos dispositivos de gravación que os humanos deixaron.
Un termo utilizado para se referir a tales revelacións por outra figura que influíu en Varela, Jean Epstein, dá tamén título á segunda sesión deste programa: «a intelixencia dunha máquina». Aquí, a auténtica intuición de Varela consiste en seguir co círculo: vencellar a intelixencia mecánica máis básica da máquina cinematográfica (unha especie de bicicleta, como sinala Raúl Ruiz) coa máquina de facer tortillas de maínzo (tortilladora) que fascinou este cineasta ao longo de toda a súa carreira. Á fin e ao cabo, Varela extrae da fabricación de tortillas o mesmo principio temporal ca o dos sombreiros: cada un parécese ao anterior e ao que virá. Trátase dun principio temporal que se manifesta con claridade, tal e como afirmou Epstein no seu libro de 1946 L’Intelligence d’une machine, nos bucles reversibles: a simplicidade con que se pode inverter o rolo de película tomba as ideas simplistas sobre a prioridade temporal. E Varela deixa claro que o círculo reversible constitúe unha protesta contra as ideas impostas sobre o tempo. Como di nunha nota sobre outra película tortillesca, La ranura en el tiempo (2024), «a relación temporal que impón o capital só permite a localización dun suceso nun só punto». Neste espírito, as ditas proxeccións abrazarán sen vergoña a repetición, e entre os nosos Virxilios da recorrencia atoparanse os demos aceitados do Carnaval de San Martín Tilcajete, Oaxaca (protagonistas tanto de Heraldos neón [2020] coma de El prototipo [2022], que aquí se mostran en versións modificadas).
A circularidade, a repetición e a reversibilidade non impiden en absoluto a acumulación de significado a través da narrativa. Á fin e ao cabo, Varela é un cineasta experimental dedicado tanto ás narrativas de viaxes (como se aprecia aquí en Estela [2012]) coma ás de ciencia ficción especulativa (como en Neón cortex [2023]). A través de presentacións en bucle en dous monitores electrónicos (ver en Instalacións), visibles e audibles na Fundación Luis Seoane, contaremos a nosa propia historia, en constante evolución, sobre Varela e a súa relación co vídeo comunitario e a videoarte. Trátase dunha historia (sen unha orde concreta) sobre as colaboracións de Varela co Centro de Video Indígena e Ojo de Agua Comunicación (1994-2001), as súas iniciativas conxuntas arcano14 (2000-6) e Anticuerpo (2007-), o cineclub El Pochote do pintor oaxaqueño Francisco Toledo(1998-2011), o taller Mirada Biónica (2001-6), o levantamento popular de 2006 en Oaxaca e a súa violenta represión, así como a visita do EZLN a Oaxaca en 2001. Como dixo o subcomandante Marcos nun discurso pronunciado durante esa visita (do cal se inclúe un fragmento no audio de Neón cortex), poida que sexa a historia dunhas comunidades que sobreviviron aos que prognosticaron a súa extinción.
Por último, hai que recoñecer que levar a obra de Varela á (S8) Mostra de Cinema Periférico na Coruña (Galicia) supón achegala a unha comunidade que comprende a aprecia unha das súas influencias: o cineasta granadino José Val del Omar (en quen se inspirou Varela para a súa serie de 2022 ValdelOmarismos, parte da cal se proxectará no Programa 2). Entre moitas outras cousas, cabe destacar que a invención de Val del Omar do «obxectivo de ángulo variable», máis coñecido como zoom, é en si mesma unha fixación dun único punto no espazo que, ao ser variable, pode liberarnos das ideas impostas sobre o tempo. Val del Omar ensinounos o zoom. Varela non deixa de nos ensinar que o zoom é o embigo da película.
Byron Davies
O programa de Bruno Varela conta co apoio da acción Marie Skłodowska-Curie (MSCA) «Materialism and Geographic Specificity in the Philosophy of Film» (número de identificación do convenio de subvención: 101102377), na Universidad de Murcia, financiada pola Unión Europea.
