FESTA X (S8)Unha festa de aniversario moi especial coa actuación de Captains, proxecto da cantante e compositora alemá Fee Reega e do produtor e guitarrista David Baldo, que leva anos axitando a escena madrileña dende os seus estudios Sound Division, onde traballou con bandas como Los Nastys, Mihassan, Papaya, Los Wallas, Violeta Vil, White Bats e Chiquita y Chatarra. Unha banda que completan Oskar SD (batería) e Aaron Dall (bajo). Co post-punk como punto de referencia sonora, Captains tamén se estenden a través de elaborados efectos de guitarra que recordan ao mellor shoegaze, unha sección rítmica que é puro krautrock e un punto de synth-pop dos oitenta truculento. Cancións feroces, potentes, intensas e desapiadadas, propulsadas polos textos arriscados, sensuais e estrañamente poéticos de Fee Reega. Un universo de distorsións e pasaxes cinematográficas que cativou a todos os que presenciaron os seus catárticos directos.
 
Despois do concerto, a noite estará animada por Unicornio e Maquinita de vivir DJs (AKA Jesús Guisado e Elena Duque), que non entenden de xéneros, nacionalidades ou prexuízos: o importante ao elixir cada canción é que se poida bailar. Fermosas músicas do planeta Terra que van dende os ritmos tropicais ás rarezas turcas, a través dos sons procedentes de África, os hits imperecedoiros, rock and roll troglodita, perlas ibéricas, soul e funk fóra dos canons, psicodelia de todos os tamaños e as cores. Vaian sacando do armario os seus zapatos de bailar.
 
Sábado 01/06 | 22:30 h | Garufa Club