Novas datas! O (S8) 2020 celebrarase do 27 de setembro ao 3 de outubro

Abr 8, 2020 | Novas


Dende a organización do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico decidimos pospoñer a celebración da nosa XI edición, inicialmente programada para a primeira semana de xuño, e levala a cabo do 27 de setembro ao 3 de outubro de 2020, debido á situación extraordinaria provocada en todo o mundo polo COVID-19. Tomamos esta decisión ante a evolución do virus e atendendo sempre ás recomendacións e obrigacións ditadas polas autoridades sanitarias e os gobernos competentes -local, autonómico, provincial e estatal-.

Para nós, a seguridade e benestar do noso público e artistas é primordial, como tamén o é o adecuado desenvolvemento do evento. Aínda que o festival se celebre máis tarde do previsto nun inicio, o noso equipo continúa traballando para que todo poida transcorrer con normalidade no mes de setembro. Queremos contarvos tamén que mantemos intacta a ilusión de poder compartir convosco os contidos de calidade que o departamento de programación seleccionou durante o últimos nove meses con mimo e dedicación.

Neste período de crise sanitaria mundial non nos esquecemos das vítimas do COVID-19 e expresamos dende aquí a nosa solidariedade con todas aquelas persoas que loitan contra a enfermidade que este virus desencadea. O (S8) únese ás voces que piden con firmeza que toda a cidadanía respecte o confinamento xeral e amose o seu civismo e empatía nestes momentos difíciles aos que nos enfrontamos como sociedade.

Non temos nin a máis mínima dúbida de que o (S8) 2020 acabará sendo unha feliz realidade e esperamos poder compartilo con todos vós. Vémonos do 27 de setembro ao 3 de outubro na Coruña!

Sala de prensa

PUBLICACIÓNS RECENTES