DESBORDAMIENTOS

VALENTINA ALVARADO MATOS & CARLOS VÁSQUEZ MÉNDEZ

Venres 2 de Outubro | 21:00 h | Fundación Luis Seoane | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

Nesta sesión de Desbordamientos teremos a oportunidade de ver o traballo de Valentina Alvarado Matos e Carlos Vásquez Méndez. Será nunha tripla sesión que inclúe as películas de cada un por separado, e unha performance na que ambos os dous conflúen nun traballo colaborativo.

PARTE 1: VALENTINA ALVARADO MATOS

Unha selección de películas de Valentina Alvarado que inclúe a estrea mundial presencial de Propiedades de una esfera paralela, obra creada no marco das Residencias BAICC (colaboración entre a Mostra, AC/E e o LIFT) nas instalacións do LIFT de Toronto.

LEVANTAMIENTO DE UNA ISLA | Valentina Alvarado, 2017, super 8 a vídeo, 6 min.

A través do uso do collage, a pintura e a cerámica, Alvarado constrúe nesta obra o mapa dun territorio posible que habitar desde a diáspora e desde un cuestionamento constante da identidade e das raíces.

EL MAR PEINÓ A LA ORILLA | Valentina Alvarado, 2019, super 8, 5 min.

“Trazar unha pincelada para unir o mar e o ceo, borrar o horizonte e erguer un novo amencer. El mar peinó a la orilla intenta pensar en novas xeografías e xogar, desde o plástico, a alterar a paisaxe filmada”. (Valentina Alvarado)

PROPIEDADES DE UNA ESFERA PARALELA | Valentina Alvarado, 2020, 16mm, 20 min.

“Témpera, espellos ou cristais son algúns dos elementos que utilizo para achegarme a unha paisaxe que descoñezo. En Propiedades de una esfera paralela propoño exercicios plásticos que repito durante a miña estadía en Canadá. Alterar a paisaxe convértese nun xogo diario na distancia”. (Valentina Alvarado)

PARTE 2: CARLOS VÁSQUEZ MÉNDEZ

O traballo do chileno afincado en Barcelona Carlos Vásquez discorreu polos camiños do cinema, a fotografía e a arte sonora. Afincadas nun sistema de traballo coa duración, coa materialidade fílmica (roda usualmente en 16 mm e super 8) e cunha implicación reflexiva e persoal cos lugares que grava, as súas películas móvense sen restricións entre os terreos do cinema documental e o experimental. Esta breve mostra da súa obra amosa desde o estudo da paisaxe ata as súas interseccións coa antropoloxía en películas nas que cada coordenada xeográfica abre unha nova ventá cara ao pensamento.

LA TROYA. UN CABALLO EN MOVIMIENTO | Carlos Vásquez, 2016, 16mm a vídeo, 4 min.

A troya, en Chile, é o lugar onde se exercitan os cabalos, dando voltas en círculos, atados a unha estaca. Filmo esta acción tendo en mente o estudo da locomoción animal feita polo zoopraxógrafo americano Eadward Muybridge, os zootropos e Berlin Horse de Malcolm Le Grice. Intento desarticular o movemento do cabalo en partes, primeiro en jump cuts para chegar logo á mínima unidade do cinema: os cadros individuais onde se poñen en evidencia a ilusión do movemento fílmico”. (Carlos Vásquez)

mtDNA C1 eg | Carlos Vásquez, 2019, 16mm, 11 min. (Con intervención sonora en vivo)

mtDNA C1 eg é un estudo sobre a paisaxe rodado no norte de Islandia. Esta peza amosa un entorno despoxado da figura humana, evocada só polos seus vestixios, en aparencia abandonados na soidade dun terreo ermo e un clima inclemente. O título da peza apela a un enlace arcaico entre quen mira e o entorno que atravesa cun certo estrañamento na captura dun pequeno fragmento da historia das encrucilladas”. (Carlos Vásquez)

ENSAYOS SOBRE EL EXOTISMO (PARTE 1) | Carlos Vásquez, 2012, 16mm, 20 min. 

“O Ensaio sobre o exotismo é unha obra inconclusa de Victor Segalen. Este traballo inspírase na súa estética do desprazamento e nas súas reflexións sobre o exótico, o que me levou a procurar unha metodoloxía que deixe en evidencia ao ollo e á súa fetichización dos rostros e paisaxes estrañas. Os ensaios son unha obra en proceso que van atopando a súa forma segundo se van filmando, respéctase a orde cronolóxica de cada bobina que tamén internamente se conforma de tomas sucesivas sen posibilidade de edición”. (Carlos Vásquez)

PARTE 3: PERFORMANCE – PARACRONISMOS II

PARACRONISMOS II | Valentina Alvarado e Carlos Vásquez, 45 min. aprox.

Son en directo, proxeccións en 16mm, super 8, proxector de diapositivas 35 mm, retroproxector, imaxes de arquivo e propias.

Paracronismos propón unha exploración ao redor do concepto de civilización desde a oposición binaria entre natureza e cultura. Esta obra de cinema expandido está composta por materiais extraídos dun arquivo documental de carácter científico e educativo de mediados do século XX, e de imaxes, sons e textos propios que interpelan e redirixen o arquivo fílmico en cuestión.

Os asistentes a esta sección de Desbordamientos poderán disfrutar dunha maridaxe de arte e cervexa grazas á colaboración de Cervezas Alhambra.