Máis de 30 anos de creación audiovisual galega nesta edición dual do (S8): dende Reixa e Segade ata Canoura

Ago 26, 2020 | Novas

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico sempre tivo a creación audiovisual galega como un dos piares fundamentais da súa programación e, nesta edición dual que se celebrará entre os próximos 27 de setembro e 3 de outubro, o compromiso da Mostra refórzase aínda máis. Alén das habituais seccións Sinais e  Sinais en Curto, a Mostra recupera nesta edición Xerme, un espazo co que o festival busca poñer a mirada sobre os artistas seminais do cinema experimental galego nun labor de recuperación e, se se quere, de xustiza á hora de recoñecer as raíces creativas das novas xeracións.

Despois de acoller o traballo de creadores como Ernesto Díaz Noriega, Suso Montero,  Vari Caramés, Xosé Abad ou Xulio Correa, a sección Xerme revive neste (S8) edición dual con Antonio Segade e Antón Reixa como protagonistas, da man dunha selección comisariada polo crítico, escritor e o responsable de exposicións do CCCB – Centre de Cultura Contemporània de Barcelona Jordi Costa e creada en exclusiva para o festival. Durante 36 anos ambos creadores traballaron na videocreación máis ortodoxa e exploraron tamén os máis variados formatos: videoinstalación, disco/DVD, libros/DVD, televisión comercial, cinema ou publicidade. “Falar por non calar”, como se chamará a sesión, será á súa vez un programa online que repasará a súa traxectoria e tamén unha sesión presencial que terá lugar o 27 de setembro na Domus da Coruña. Nela recolleranse unha serie de obras en proxección monocanal envoltas entre as parénteses de dúas videoperformances dos artistas en directo nun intento de recuperar o espírito que xa mostrara Antón Reixa no grupo de comunicación poética  Rompente.

Grazas ao formato dual adoptado pola Mostra nesta edición, esta non será a única sección que terá unha presenza dobre, favorecendo a internacionalización da creación galega. Tamén sucederá con Sinais, espazo que nesta edición terá como protagonista ao burelense Adrián Canoura. O seu traballo baséase na intersección e confluencia de mundos que poden parecer distantes. Por unha banda, o das raíces da terra: as lendas e costumes que conforman a identidade galega, que na súa obra dan forma a unha mirada etnográfica desde dentro. Doutra banda, o mundo da cultura urbanita, o universo que vive nos sinais eléctricos do vídeo analóxico ou dixital. Co traballo que levou a cabo nos últimos anos (desde as súas pezas máis persoais ata as relacionadas coa música, como o seu dueto electrónico Nistra ou o seu traballo en  Baiuca) revelouse como unha das personalidades máis emocionantes da creación cinematográfica galega na actualidade.

Nunha sesión en sala proxectarase un conxunto de pezas que pon de manifesto a exploración plástica de Canoura a través da textura do vídeo, con traballos como  Nistra Batuko Exploration (2015), Salitre nas Veas (2017), ou a recente Baiuca – Adélia (ft. Haēma), entre outras. Ademais, esta sesión presencial incluirá un liquid live show a base de tinguiduras e diapositivas que o creador levará a cabo xunto a Alejandro Canoura, membro da banda Guerrera, tal e como xa fixeran con anterioridade nalgúns espectáculos en directo do grupo.

Paralelamente, no programa en streaming ofrecerase unha entrevista en profundidade con el para coñecer os seus referentes e procesos de traballo, así como para revisar algunhas das súas pezas, como Da morte nace a vida,  Rexistros (xeografía de San Sadurniño) e varios dos seus videoclips.

A sección Sinais en Curto convida unha vez máis a descubrir ou a facer repaso dalgunhas das pezas máis suxestivas feitas por cineastas de Galicia no último ano. Nesta edición presentaranse películas asinadas por Alberte Pagán, Area Erina, Tono Mejuto, Lara e Noa Castro e Aldara Pagán. Ademais da proxección en sala das súas últimas obras, cada un deles participará nun programa online a través do que se repasará a súa traxectoria e no que o público terá ocasión de descubrir e ver a fondo o traballo e as inquietudes dos realizadores e realizadoras.

Dentro da programación deste Sinais en Curto atópase Alberte Pagán, unha das figuras máis destacadas do cinema experimental en Galicia polo seu labor como cineasta, teórico e investigador. Abordarase o seu traballo a través das súas pezas máis recentes, as películas Uluru (2018) e 6 X 9 (2020).

Tamén se verá O ollo cobizoso, unha peza chea de ecos e asociacións asinada polas xemelgas Lara e Noa Castro. Xunto coa súa última obra, A vella e o deserto, coñeceremos as inquietudes que guían a obra destas dúas artistas.

Outro dos protagonistas desta sección será o coruñés Tono Mejuto, cineasta especialmente interesado na fotografía e na arquitectura. A través do seu traballo  tridimensional en 16mm en Reliefs (2018) e da súa última peza  Unidade  Veciñal -que se estreará no festival- compartirá os procesos e ideas detrás da súa práctica fílmica.

Sinais en Curto tamén acollerá a obra de Area Erina, artista interdisciplinar que se move entre a instalación e a performance visual, e que nas súas pezas Miña Nai, The  Fashion Religion eY ou Killed our Future fai un particular uso da apropiación e a reciclaxe de imaxes para conxugalos cunha mirada crítica sobre a realidade.

Por último, tamén se realizará un programa especial con Aldara Pagán, creadora de quen teremos a oportunidade de ver dúas pezas nas que se impón a visión en primeira persoa dunha muller e a súa particular presenza. Serán  Alí sentíame eterna e Marcas, que se estreará na Mostra no seu formato orixinal en super 8 e irá acompañada dunha intervención da artista en directo.

PUBLICACIÓNS RECENTES