O cinema expandido e as film performances protagonizan os contidos presenciais do (S8) 2020

Set 15, 2020 | Novas

  • Miwa Matreyek clausurará a Mostra o 3 de outubro cunha emocionante proxección sobre os muros de distintos puntos da cidade.  
  • No seu lado máis divulgativo, a Mostra organizará un obradoiro sobre as posibilidades creativas do cinema analóxico en super 8 y 16mm cos australianos Richard Tuohy e Dianna Barrie e tamén abordará a situación actual da curtametraxe experimental en España da man de ICAA, AGADIC e a Coordinadora del Cortometraje Español. 

 Hoxe presentamos en rolda de prensa a úndecima edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico na Domus de A Coruña coa presencia de Inés Rey, alcaldesa do Concello de A Coruña; Xurxo Couto, deputado de cultura da Deputación de A Coruña; Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual de AGADIC; Ana Domínguez y Ángel Rueda, directores do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico de A Coruña.

Desvelamos os últimos contidos da programación para esta edición dual, que se celebrará do 27 de setembro ao 3 de outubro. Ás seccións xa anunciadas, como Camera Obscura, Xardíns secretos, Sinais, Xerme ou Sinais en curto, súmanse os contidos da sección Desbordamientos. Se tradicionalmente a film performance e o cinema expandido foron un selo característico do noso festival, nesta edición a Mostra non quere renunciar á celebración destas accións no patio da Fundación Luis Seoane. Nesta edición a sección Desbordamientos, nomeada así en honor a un dos grandes referentes da Mostra, José Val del Omar, estará protagonizada pola triple sesión presencial de Valentina Alavarado e Carlos Vásquez, a performance da portuguesa Tânia Dinis, e a sesión ao aire libre da estadounidense Miwa Matreyek, que clausurará a Mostra o sábado 3 de outubro cunha espectacular performance proxectada sobre os muros de distintos puntos da cidade. Todas estas sesións tamén poderán seguirse por streaming desde calquera lugar do mundo.  

En 2014, cando celebramos a edición dedicada a Japón, o cineasta e artista visual residente en Kobe, Teruo Koike, foi un dos protagonistas. O interese pola música do artista estará moi presente na instalación Cancer Treatment Diary, que estará aloxada no edificio de Afundacion de A Coruña, e na que Koike enfróntase á súa enfermidade construíndo unha peza musical por entregas nas redes sociais. A peza é un traballo multicapa no que Koike interpreta unha composición e ao día seguinte grávase contendo no cadro o vídeo do día anterior e engadindo unha nova capa de son (e así sucesivamente) con diferentes instrumentos musicais, a súa voz, e obxectos sonoros reciclados, manipulados e construidos por el mesmo. 

Ademais, nesta edición dual, acolleremos no Observatorio varias actividades enfocadas ao sector profesional: un encontro organizado en colaboración con CREA, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, no que se contará coa presencia do ICAA, AGADIC, e a Coordinadora del Cortometraje Español; e un segundo en colaboración con Proxecta – Coordinadora Galega de Festivais de Cinema no que se falará da recente creación de Pantalla, Federación Estatal de Coordinadoras de Festivales de Cine y Contenidos Audiovisuales.

O (S8) continuará sendo tamén nesta edición un punto de encontro, de formación e de apoio a creadores e creadoras. Un ano máis apostamos por INPUT, un espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento no que os cineastas Adrián Canoura, Aldara Pagán e Ángel Filgueira poderán expoñer ante tres profesionais de prestixio internacional do ámbito do cine e das artes, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución. Nesta ocasión, o equipo asesor de INPUT estará formado por Alejandra Trelles, da Cinemateca Uruguaia (Uruguai); Rocío Mesa, L.A. OLA, Spanish Contemporary Cinema Showcase (Estados Unidos); e Esperanza Collado, artista, investigadora e docente (España).

Tamén está prevista a apertura da convocatoria das residencias de creación cinematográfica BAICC 2021, que organizamos en colaboración con Acción Cultural Española (AC/E) e o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT). A programación tamén incluirá o obradoiro Técnicas e posibilidades do cinema analóxico, impartido online polos australianos Richard Tuohy e Dianna Barrie.

Valentina Alvarado, Carlos Vásquez e Tânia Dinis, protagonistas de “Desbordamientos”

Nunha sesión presencial, os asistentes ao festival tenrán a oportunidade de ver o traballo de Valentina Alvarado e Carlos Vásquez nunha triple sesión que incluirá as películas de cada un por separado, máis unha performance na que ambos conflúen nun traballo colaborativo. Esta acción de cine expandido, titulada Paracronismos, tamén poderá verse tamén por streaming e propón unha exploración en torno ao concepto de civilización desde a oposición binaria entre natureza e cultura. 

Entre a selección de pezas de Valentina Alvarado inclúese a estrea mundial presencial de Propiedades de una esfera paralela, obra creada no marco das Residencias BAICC (organizadas pola Mostra, en colaboración con AC/E e o LIFT de Toronto). En canto ao traballo de Carlos Vásquez, chileno afincado en Barcelona, este discurriu polos camiños do cine, a fotografía e a arte sonora. Os seus filmes móvense sen restriccións entre os terreos do cine documental e o experimental, entre o 16mm e o Super8. 

Pola súa parte, o traballo da portuguesa Tânia Dinis gravita sobre a memoria propia e allea e as súas confluencias, reais ou imaxinadas. Nesta sesión presencial poderemos ver algunhas películas e a adaptación da súa investigación/performance Álbuns da terraEsta acción performativa, que tamén poderá seguirse de forma online, parte de álbumes fotográficos recolectados pola artista, obxectos nos que se acumulan as historias e recordos dunha familia. 

Este ano o (S8) pasa a formar parte de Momentos Alhambra gracias á colaboración de Cervezas Alhambra e a súa pasión polo descubrimento de creacións auténticas feitas para desfrutar cos cinco sentidos. Os asistentes aos Desbordamientos poderán maridar arte e cervexa. Esta colaboración xorde no marco do compromiso da marca por impulsar a cultura á vez que invita a saborear a súas cervexas coas mellores propostas artísticas co fin de desfrutar de experiencias únicas.

A clausura correrá a cargo de Miwa Matreyek cunha film performance proxectada sobre a cidade

En 2012 Miwa Matreyek visitou o (S8) para amosar as súas performances, coreografías nas que a súa sombra retroproxectada interactuaba en directo con animacións, sombras de obxectos e retroproxeccións. Para clausurar esta undécima edición, poderemos desfrutar da súa última obra Infinitely Yours, onde a artista estadounidense aborda o desastre ecolóxico ao que se enfronta o planeta. Esta emocionante e espectacular performance proxectarase ao aire libre sobre os muros de distintos puntos da cidade e tamén poderá seguirse por streaming. Nela, Matreyek debuxa unha conmovedora historia sobre as accións humanas que conduciron ao colapso e as dimensións monstruosas do mesmo (o mar cheo de plásticos, as montañas de desperdicios ddoel consumo descerebrado…), pero abrindo unha ventana á esperanza. 

Un taller con Richard Tuohy e Dianna Barrie para descubrir todas as posibilidades creativas do cinema analóxico 

Este ano a programación tamén inclúe o obradoiro Técnicas e posibilidades do cinema analóxico, impartido por Richard Tuohy e Dianna Barrie, dous artistas australianos fundadores do laboratorio autoxestionado Nanolab. Trátase de dúas figuras internacionalmente recoñecidas no que se refire ao presente e ao futuro do cine experimental en formato analóxico. Á espera de poder amosar as súas obras presencialmente e en 16mm, este ano o festival organiza un obradoiro de cinco sesións no que Barrie e Tuohy compartirán o seu saber e o seu inxenio creativo á hora de traballar con celuloide. Un dos obxectivos do taller é demostrar que a falta de equipo técnico nunca detén as ideas e aos artistas. Aprenderemos a rodar cun trozo de lata, un bolígrafo e unhas tesoiras. O taller está especialmente indicado para todos aqueles que traballan, ou queren traballar, en super 8 e 16mm.

Observatorio: unha análise sobre a situación actual da curtametraxe

Nesta edición dual, o Observatorio, organizado en colaboración con CREA, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, acollerá un encontro sectorial para tratar a situación actual da curtametraxe da man dunha serie de axentes implicados neste sector no noso país. Neste encontro discutiremos as diferentes fases da vida dunha curtametraxe: desde a súa produción e distribución ata a súa promoción internacional. 

Esta xornada constará de dous bloques: no primeiro, participarán a Directora do ICAA Beatriz Navas e Tito Rodríguez, Director de Políticas de Márketing do ICAA, que falarán da liña de axudas ao experimental e da distribución, respectivamente, Dolores Meijomín, Coordinadora de Política Audiovisual de AGADIC, que falará de Shorts from Galicia, e Jorge Rivero, programador e figura fundamental na promoción e difusión da curtametraxe no noso país, que presentará a nova directiva da Coordinadora del Cortometraje Español. 

O segundo bloque abrirase con Proxecta Constrúe, espazo da coordinadora de festivais de Galicia Proxecta, coa presencia de Manolo Gonzalez, que falará  da situación actual da curtametraxe a través do seu proxecto Chanfaina Lab pertencente á coordinadora galega. E para terminar Marta Lladó, Xerente do Catalunya Film Festivals e Ana Domínguez, directora de (S8) Mostra de Cinema Periférico, que falarán das respectivas coordinadoras, a catalana e a galega como impulsoras da recente creación de Pantalla, Federación Estatal de Coordinadoras de Festivales de Cine y Contenidos Audiovisuales.

E ademais…

A undécima edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 co apoio de institucións como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA). Ademais, a invitación para a participación de Alejandra Trelles, da Cinemateca Uruguaia (Uruguai); Rocío Mesa, L.A. OLA, Spanish Contemporary Cinema Showcase (Estados Unidos) e Tânia Dinis, programadora  freelance (Portugal) nesta nova edición do (S8) foi posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de Visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas, conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais e prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española.

PUBLICACIÓNS RECENTES