Xoves 1 de outubro. Na procura dunha paz interior: Pagán, Caldini, Price e Dinis

Set 30, 2020 | Artigos

Hoxe xoves vólvense pór en funcionamento os proxectores de super 8 no (S8). Ademais do noso programa online, a xornada complétase cun dous eventos presenciais que nos enchen de ledicia: a proxección no CGAI das películas de Luther Price baixo o seu pseudónimo Tom Rhoads, e a sesión dobre (films e performance) do traballo de Tânia Dinis na Fundación Luis Seoane.

Marcas, Aldara Pagán

Pero comecemos pola programación “nas ondas”. O noso Especial de Sinais en curto de hoxe está dedicado a unha novísima revelación do cine galego: Aldara Pagán, graduada da EZQE cuxo traballo xira arredor da propia representación e do corpo. Igual que na sesión presencial de Sinais en curto, veremos o seu traballo Alí sentíame eterna, a fusión do corpo e a natureza nun acto filmado de procura da paz e da liberdade. E tamén Marcas, traballo en super 8 no que, a partir dun fato de planos de coidadoso encadramento, sempre coa figura feminina no centro, Pagán ispe as súas entrañas na potente mestura de imaxes e poesía.

Cuarteto, Claudio Caldini

A nosa última entrega d’A flor do día, baixo o título “Un xardín austral”, dedica unha breve sesión monográfica ao cineasta arxentino Claudio Caldini, figura clave da vangarda latinoamericana que nos visitou en 2013. O xogo aquí dáse entre dúas películas separadas por corenta anos, unha en super 8 e a outra en formato dixital, que porén están unidas pola música xerada por sintetizadores. A primeira, Cuarteto (1978), estudo de motivos vexetais inspirados na pintura chinesa, enlaza cos experimentos fílmicos da época que Caldini debulla nesta breve e interesantísima entrevista realizada por Francisco Algarín para a revista Lumière. Poilean, deste mesmo ano, é un paseo por un campo de xirasoles no que Caldini (tal e como facía co super 8) aproveita as limitacións do formato convertíndoas en riqueza. Neste caso por causa do axuste automático do enfoque e da exposición da cámara de vídeo, que aquí abren as portas a un mar de texturas, cores e gradacións de luz nunha peza de ritmo meditativo e propiedades balsámicas.

Rocket, Luther Price

O Camera obscura de hoxe vén coa etiqueta “in memoriam” e xorde da necesidade de lembrar e honrar a Luther Price, que nos visitou e nos deixou unha pegada imborrable en 2017. Este programa especial inclúe unha entrevista con Ed Halter, de Light Industry e gran coñecedor da obra de Price, na que deluvamos a súa carreira e as catro películas de found footage que veremos: A Patch of Green, Silk, Same Day Nice Biscotts e Rocket. E tamén veremos unha entrevista realizada a Price en 2017, na que precisamente nos fala do nacemento deste pseudónimo e dos motivos polos que traballa con metraxe atopada. Un cine que a través da dor, a ferida, a violencia, o trauma e a escatoloxía busca, precisamente, a sanación e a paz. Como introducción, aquí podemos ver brevemente a Price no seu estudio.

Lista para ser proyectada

Este Camera Obscura complétase cunha sesión en super 8 no CGAI de dúas obras de Price realizadas baixo o pseudónimo Tom Rhoads, co que operaba antes de converterse en Luther Price a partir de Sodom, Green e Warm Broth, de 1987. Estas películas mesturan material fílmico atopado con imaxes captadas por Rhoads-Price, nas que el mesmo “interpreta” diversos personaxes nunha sorte de exorcismo da infancia, un doce e pavoroso encontro coa fin da felicidade, a morte e a putrefacción.

Álbuns da terra, Tânia Dinis

A xornada remata en Luis Seonane coa portuguesa Tânia Dinis, nunha sesión na que poderemos ver o seu traballo en super 8 para logo culminar cunha adaptación da súa performance Álbuns da terra. Creada a través de diversos medios expresivos, a súa obra xira arredor da conservación da memoria propia e allea. Por unha banda, co rexistro (e confrontación con ese rexistro) de xeitos de vivir en vías de desaparición, e por outra coa fabulación arredor de arquivos fotográficos familiares anónimos. Son ideas que tamén están ligadas á identidade do territorio, e á construción dunha historia deste a partir das vidas da “xente común”. Un exercicio de etnografía interior que, no lugar de mirar cara a fóra, coloca un espello fronte a quen a elabora.

PUBLICACIÓNS RECENTES