A XII edición do (S8) comeza a súa actividade en liña en Nomadica at LABA (Brescia, Italia)

Abr 21, 2021 | Destacados, Novas

Unha (posible) volta ao mundo en Super 8

O circuito Nomadica, proxecto italiano impulsado por Giuseppe Spina e Giulia Mazzone, leva once anos promovendo a difusión e a reflexión sobre o cinema experimental en Italia a través de proxeccións, seminarios, obradoiros e propostas en liña. Nomadica concíbese como un laboratorio permanente e único, adicado á investigación das imaxes en movemento e do cinema como forma de arte, abordando a imaxe en movemento como un medio transversal con potencial para traspasar fronteiras e abrirse á exploración. En 2021 LABA (Libera Accademia di Belle Arti di Brescia) convidou a Nomadica a desenvolver unha actividade pedagóxica arredor do cinema experimental. Froito desta colaboración xorde o Laboratorio per il cinema d’artista, un proxecto curatorial didáctico que busca identificar novos vínculos entre as artes, a docencia, a difusión cultural e a reflexión.

Entre os comisarios internacionais convidados a participar neste Laboratorio atópanse Elena Duque e Ángel Rueda do (S8) Mostra de Cinema Periférico. Neste marco, o (S8) preparou un videoensaio e un programa arredor do cine experimental en super 8 baixo o título “Unha (posible) volta ao mundo en super 8”, que estará dispoñible na web de Nomadica a partir do mércores 21 de abril e ata o 10 de maio. Un formato de cine de paso estreito cuxas peculiaridades fixeron florecer a unha clase particular de cineastas.

No videoensaio, titulado “Cine experimental en super 8: un manual de instruccións” e realizado para a ocasión, convocamos a algúns dos cineastas que nos visitaron nestes anos para falar das particularidades creativas do formato: Claudio Caldini, Helga Fanderl, Marcos Bertoni, Teruo Koike e Saul Levine.

A través do programa comisariado convidamos a dar unha volta ao mundo en super 8. Partimos desde Alemaña con Helga Fanderl, cunha das súas composicións en super 8. Cruzamos o océano rumbo a Arxentina en busca de Claudio Caldini, cabeza dunha das máis brillantes xeracións do cine experimental latinoamericano. Rumbo ao norte, en Estados Unidos atopámonos con Saul Levine, nun cinema onde o político e o personal crúzanse con visceral vehemencia. E rematamos o percorrido en Japón, adentrándonos nun particular ecosistema: o construido por Teruo Koike.

Este programa é parte do intercambio que terá lugar este ano entre o (S8) e o Circuito Nomadica, que culminará cunha carta branca arredor do cinema experimental italiano que Spina e Mazzone traerán a Coruña en xuño á nosa edición presencial.

PUBLICACIÓNS RECENTES