AMY HALPERN E UTE AURAND PROTAGONISTAS DUN (S8) QUE SE ABRE A NOVOS PÚBLICOS E LINGUAXES NA SÚA 13ª EDICIÓN

Mai 12, 2022 | Destacados, Novas

  • Amy Halpern, estreará en Europa a súa longametraxe Falling Lessons, e Ute Aurand contará cun programa ao redor da súa obra, sendo ambas as dúas das mulleres máis importantes da vangarda cinematográfica internacional.
  • A programación en liña do festival levarase a cabo a través do proxecto Ultreia et Suseia, un monográfico de cinema galego formado por entrevistas que o (S8) lle fixo en exclusiva a case unha decena de cineastas como Carla Andrade, Diana Toucedo, Helena Girón e Samuel Delgado ou Xisela Franco.
  • Desde hoxe mesmo e ata o próximo 12 de xuño ábrese a convocatoria para participar nas Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC que o (S8) leva a cabo en colaboración con Acción Cultural Española (AC/E) e o LIFT- Liaison of Independent Filmmakers of Toronto.

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña desvelou esta mañá gran parte da súa programación na Domus da Coruña coa presenza de Inés Rey, alcaldesa da cidade; Xurxo Couto, deputado de cultura da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director da AGADIC e Ángel Rueda, director da Mostra. O festival celebrarase entre os próximos 27 de maio e 5 de xuño en sedes como a propia Domus, a Fundación Luis Seoane, a Sala Palexco ou o Porto da Coruña. 

En palabras do director, Ángel Rueda, “o festival traballa desde o presente para o futuro e por iso presentamos unha edición na que traballamos ao redor dos novos públicos co obxectivo de traer á xente nova desde a pequena pantalla á grande, de pasar do individualismo á experiencia colectiva da sala de cinema”. Deste xeito, a Mostra empeza unha nova etapa reconfigurando algunhas das súas seccións e abríndose ao traballo novos creadores e creadoras, utilizando o cinema como ferramenta para o impulso destas novas xeracións e convertendo ao (S8) nun espazo para a formación, a reflexión e a utilización do cinema como canle de transmisión.

Así o mostran tamén coa imaxe escollida para esta edición, protagonizada polo espazo exterior e varias constelacións, coa que a organización afirma entender o festival como lugar para a reflexión. “Queremos pensar onde estamos e onde queremos ir, recolocarnos despois destes últimos anos e, dunha maneira metafórica, mirar ao planeta de lonxe para poder ver cara a que lugar nos diriximos nun momento de importante transformación social”.

Tendo isto en conta, a Mostra porá especialmente o foco nesta edición nas cineastas das novas xeracións que cuestionan e rompen os parámetros do cinema experimental ou da vangarda orixinal. A súa programación presencial de cinema galego -que contará con case unha vintena de creadores e creadoras- complementarase cun contido en liña creado para o festival nesta edición. Trátase do proxecto Ultreia et Suseia, un monográfico de cinema galego formado por entrevistas que o (S8) lles fixo en exclusiva a cineastas como Carla Andrade, Diana Toucedo, Helena Girón e Samuel Delgado, Xisela Franco, Tono Mejuto, Xiana do Teixeiro, Alexandre Cancelo e Berio Molina, e pensada para a súa promoción internacional, con subtítulos en galego, castelán e inglés. 

No acto, tanto Jacobo Sutil como Xurxo Couto quixeron destacar a volta á presencialidade e ás salas do festival, poñendo o acento sobre a variedade de disciplinas na programación. Inés Rey, pola súa banda, celebrou que “A Coruña se converte durante a celebración do (S8) na capital do cinema experimental”.

Amy Halpern e Ute Aurand: dúas mulleres consagradas na vangarda cinematográfica internacional

Ademais, o festival contará nesta edición con varios programas e actividades con referentes da creación vangardista a nivel mundial. Aos xa anunciados Leah Singer, Lee Ranaldo, Dianna Barrie e Richard Tuohy súmanselle Amy Halpern e Alexandre Larose –que despois de formar parte do festival de maneira en liña no 2020 visitarán agora a Mostra para proxectar as súas pezas no seu formato orixinal–, Ute Aurand ou Philipp Fleischmann.

A cineasta neoiorquina Amy Halpern empezou a facer películas en 1972 e mudouse a Los Angeles en 1974, onde estudou cinema na UCLA. É unha das figuras esenciais da escena do cinema experimental da Costa Oeste estadounidense. Alternou a súa propia práctica de cinema en 16mm co traballo noutras producións dentro e fóra de Hollywood como directora de fotografía, iluminadora e no ámbito dos efectos especiais. Colaborou con figuras como Shirley Clarke, Chick Strand e Barbara Hammer. Ademais, desenvolveu os labores de arquivista, programadora e fundadora dos míticos Collective for Living Cinema e Los Angeles Independent Film Oasis, e tamén traballou como profesora de cinema na University of Southern California e na UCLA. A Mostra dedicaralle dous programas nos que se percorrerá o seu cinema do pasado e presente, proxectando pezas inéditas realizadas entre o 2021 e o 2022 e películas como Falling Lessons, longametraxe que completou en 1992 despois de anos de traballo e que se estreará en Europa no marco do festival. 

Halpern tamén será a encargada de impartir a clase maxistral de AulaCREA “Modular a imaxe co son, modular o silencio coa imaxe”, unha sesión ilustrada con exemplos prácticos dalgúns dos seus traballos, e que complementa o programa que dedicamos ao seu cinema. 

A berlinesa Ute Aurand, pola súa banda, empezou a súa andaina como cineasta en 1980 despois de estudar na DFFB ( Deutsche Film und Fernsehakademie Berlin). É continuadora do legado de Jonas Mekas e Marie Menken, e unha das figuras máis prominentes a día de hoxe no ámbito do cinema diarístico e persoal. O foco que o festival lle dedicará recolle unha selección das súas películas desde o seu debut en 1980, obras que remiten á alegría do presente, o espírito colectivo e ás formas poéticas do cinema, que no seu caso se relacionan coas haikus xaponeses. A selección está composta por películas sempre en constante transformación que se proxectarán nos seus formatos analóxicos orixinais.

Os programas desta edición complétanos o canadense Alexandre Larose, que posúe un particular carácter visual marcado pola súa formación como enxeñeiro e que fai que manipule e interveña as calidades mecánicas e fotoquímicas de cinema analóxico para conseguir a particular estética pictórica e impresionista da súa obra; e o traballo do austriaco Philipp Fleischmann, director da Schule Friedl Kubelka. Nel este cineasta bota man de cámaras que el mesmo deseña e constrúe, adaptándoas aos espazos que retrata, edificios galerísticos emblemáticos como o pavillón de Austria da Bienal de Venecia. O festival contará tamén cunha instalación de Fleischmann, unha escultura cinematográfica cuxo material de base e reflexión é o proxector, a tira de película e un dispositivo da súa construción. 

Nova convocatoria de BAICC – Residencias artísticas internacionais de creación cinematográfica

O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, o LIFT- Liaison of Independent Filmmakers of Toronto e Acción Cultural Española (AC/E) convocan a sexta edición das Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC. Desde hoxe mesmo ábrese a recepción de obras para formar parte de selección para participar nunha residencia de produción dunha peza audiovisual rodada en formato analóxico (35mm, 16mm, 8mm ou super 8) en Toronto (Canadá) e na Coruña. Ademais, nesta edición do festival poderase asistir á estrea mundial das últimas dúas pezas que foron producidas a través desta residencia artística: O son das imaxes, de Laura Moreno Bueno e Frame manoeuvres to port, de Bruno Delgado Ramo.

A frutífera relación do (S8) con Acción Cultural Española AC/E materialízase tamén a través da itinerancia internacional do programa “Val del Omar: El cine como elemento”, que conta coa colaboración do Archivo Val del Omar e que, despois da súa inauguración na Coruña no (S8) 2021, continuará o seu percorrido mostrándose na Feira do Libro de Frankfurt 2022, onde partipará dentro das actividades que celebran o ano dedicado á cultura española.

A décimo terceira edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico está organizada pola Asociación ese8 co apoio de institucións como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía das Artes Audiovisuais do goberno de España ICAA como parte do plan de Recuperación, Transformación e Resilencia e o programa Next Generation da Unión Europea. 

Ademais, a invitación para a participación de Philipp Fleischmann (director da Schule Friedl Kubelka, Austria), Angelika Ramlow ( project manager de Arsenal – Institute for Film and Vídeo Art, Alemaña), Bryan Konefsky (director de Experiments In Cinema, EEUU), Ute Aurand (produtora e programadora especializada no cinema contemporáneo), Scott Miller Berry (director de Workman Arts, Canadá), Ieva Balode (directora de Process – Experimental Film Festival, Letonia), Vanja Milena (programadora do comité de selección do Festival Internacional de Cinema de Valdivia, Chile), Amy Halpern (creadora, programadora e docente na U.S.C., Los Ángeles) nesta nova edición do (S8) foi posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de visitantes, que facilita que as entidades e institucións culturais españolas conten nas súas actividades e programas coa presenza en España de profesionais prescritores culturais internacionais, a fin de coñecer de maneira directa e persoal a oferta creativo-cultural española. 

Cabe descatar que a Mostra puido beneficiarse tamén do mesmo programa na súa modalidade de mobilidade, que ten o propósito de que as entidades culturais estranxeiras conten con artistas, profesionais e creadores españois na súa programación, viaxando ata Italia para presentar o programa “La mecánica de la luz” dentro da programación do festival Nomadica.

PUBLICACIÓNS RECENTES