ENTREVISTA A HELENA ESTRELA: BENEFICIARIA DAS BOLSAS eSe8_LAB 

Abr 11, 2023 | Destacados, Entrevistas

  • O pasado 2022 inauguráronse as Bolsas ese8_LAB para o desenvolvemento de proxectos cinematográficos nunha institución de prestixio en Europa, financiadas pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais. Dous proxectos foron seleccionados para ser desenvolvidos durante cinco semanas no Baltic Analog Lab de Riga: un deles foi o de Helena Estrela, que xiraba ao redor do sol e a súa observación. Todo va a fallar (cuxo título orixinal era Hot sun, late light) é o reflexo dos retos que aborda un artista durante unha residencia artística, dos contrastes que achega ao seu traballo cambiar espazo habitual, das oportunidades que brinda o privilexio do factor tempo e de como aproveitar todo iso para explorar novas metodoloxías e procesos creativos. Un traballo de investigación que evolucionou e segue vivo, reorientándose como un xirasol. Durante o XIV (S8), o próximo xuño na Coruña, veremos o resultado deste proceso de residencia artística.

– Poderías realizar unha pequena introdución do teu proxecto Todo va a fallar* [Novo título]

Todo vai fallar é un proxecto sobre o sol construído a partir dunha procura infrutuosa por ceos despexados durante o inverno letón. Seguindo unha lista dos 41 días de mala sorte do ano, en que todo fallará, o proxecto explora esta procura do sol como un xogo de sorte e azar, a través dunha sucesión de encontros entre persoas e ceos, tanto reais como recreados.

– Cóntanos brevemente como foi o proceso de creación durante a túa estancia no Baltic Analog Lab de Riga e a evolución do teu proxecto desde a súa concepción.

Empecei o proxecto co propósito de traballar sobre o sol e o acto de observalo, co interese de pensar as relacións entre os corpos e a paisaxe. Unha premisa que xa comezara a desenvolver en Barcelona e na Mata de Bussaco nos meses anteriores á residencia, coa intención de continuala noutras cidades. Chegando ao Baltic Analog Lab de Riga, entre moitas peripecias, entendín que tería certas limitacións debido á falta de sol e sentín a necesidade de reorientar o meu traballo. Así que decidín dirixilo cara a unha investigación sobre a cultura popular letona, para tentar comprender as relacións que este novo espazo trazaba co tema que estaba a traballar e así buscar novas formas de abordalo.

O proxecto foise desenvolvendo a partir desta procura e das relacións que se foron establecendo coa miña contorna, facendo que a proposta inicial fose mutando, tanto durante a miña estancia en Riga como posteriormente en Manteigas (Portugal), onde seguín co desenvolvemento do proxecto. Durante este proceso mantiven parte da idea inicial, pero á súa vez xurdiu un novo interese en buscar outras formas de representar o sol, sen filmalo directamente, e tamén por integrar o sentimento de mala sorte que se impregnou durante a residencia. Agora, cando penso na peza que estou a desenvolver, vexo clara esta fusión de ideas que xurdiron entre lugares tan diferentes e que marcan unha especie de cruzamento entre culturas, algo que me interesa moito.

Que significou para ti a oportunidade de estar a traballar durante un mes integramente nun proxecto artístico?

Como a maior parte da xente da miña xeración que tenta compaxinar traballos precarios coa creación, o traballo artístico acaba moitas veces por converterse en algo máis próximo a unha afición. A oportunidade de dedicarme en exclusiva a este proxecto ao longo dun mes foi moi valiosa para poder experimentar e explorar novos procesos creativos co privilexio que supón ter tempo e orzamento para iso.

Como influíu no desenvolvemento artístico da túa obra o teu paso polo Baltic Analog Lab? En que puideches profundar alí?

O meu paso polo Baltic Analog Lab curiosamente fíxome afastarme das cámaras e do laboratorio para enfocarme nun proceso de investigación. A pesar de ter filmado e revelado algúns experimentos, a miña maior aprendizaxe foi a exploración dunha metodoloxía que se presta a prolongarse máis no tempo e consecuentemente abrir espazo para diferentes procesos de creación aos que non adoito ter acceso.

Traballaches de xeito conxunto con María Pipla, compañeira de estancia no BAL de Riga. Que achegou á vosa experiencia artística esta convivencia?

Ter unha compañeira durante a residencia foi moi valioso, puidemos compartir as aventuras do día a día, e intercambiar as nosas ideas, proxectos e experiencias. Ambas nos involucramos moito nos dous proxectos, axudándonos mutuamente en todas as súas diferentes etapas. Dou moita importancia á amizade e ao amor nos meus procesos de traballo; traballar con María e Inês Lima en Riga, e posteriormente con outras amigas que se foron involucrando, reafirmou esta importancia de colaborar e compartir dentro do medio.

No (S8) dedicámoslle unha especial atención á creación cinematográfica en tempo real nas súas diferentes formas, como a film performance ou o cinema expandido. Que opinión che merece esta dimensión do cinema?

Creo que existen múltiples formas de traballar con imaxes en movemento, todas elas con diversas posibilidades. Non me centro en diferenciar estas formas na miña práctica, pero valoro moito a existencia de espazos como o (S8), dedicados a explorar estas dimensións do cinema.

Que estímulos atopas no formato analóxico da imaxe en movemento e que cres que achega ao teu proceso de creación esta elección?

Creo que o que máis me gusta de traballar con formatos analóxicos é a idea de que poida ser un traballo máis artesanal. O meu primeiro contacto práctico co cinema foi nunha escola de corte máis clásico, onde nunca me identifiquei cos métodos de produción que se ensinaban. Ao querer afastarme de todas esas normas do sistema de produción industrial, a película achegoume a unha práctica máis manual e máis próxima aos procesos de traballo das artes plásticas. Non é que o formato por si só me permitise adoptar estes procesos, pero si que é certo que a partir diso aproximeime ao cinema experimental, o que me fixo sentir máis liberdade á hora de crear.

En que parte do proceso se atopa o proxecto nestes momentos e cales serán os seguintes pasos a seguir?

Actualmente, estou a editar o proxecto e probando cousas co material que xa flmei. Aínda non sei se decidirei filmar máis, todo dependerá do que sinta durante o proceso. Ademais da edición de imaxes, tamén estou a empezar a traballar o son con Cristopher Ruiz. Estamos a utilizar técnicas moi diferentes ás que estou afeita e considerando a posibilidade de facer parte do son ao vivo, así que está a ser moi desafiante e motivador.

PUBLICACIÓNS RECENTES