CATROCENTOS ESCOLARES DESCOBREN O CINEMA ANALÓXICO NAS SESIÓNS EDUCATIVAS PREVIAS AO INICIO DO (S8)

Mai 8, 2026 | Destacados, Novas

  • Este ano hai programadas catro sesións para centros educativos que inclúen unha selección de cinema experimental, una proxección en formato analóxicoe o encontro coa directora galega Sandra Sánchez.

Ángel Rueda, codirector do (S8) dando a benvida aos participantes. Fotos: Andrea R.

As proxeccións educativas do (S8) son dende hai anos o arranque da actividade previa ao festival, reunindo este ano a case catrocentos escolares de centros públicos da Coruña, aos que se lles suma, por vez primeira, un centro de Carballo. Son en total catro sesións, os días 7, 14, 20 e 28 de maio, e nas que se xuntan colexios e institutos de diferentes barrios da cidade para descubrir o cinema analóxico e vivir a experiencia de participar nun festival de cine. Todas as sesións celébranse na Sala Leonardo da Vinci da Domus, onde, como explica Ángel Rueda, codirector da Mostra: «Sucede a maxia».

E precisamente niso, en carga máxica, esta edición non é unha excepción. Trala benvida, apáganse as luces da sala e comeza o troupeleo do proxector analóxico. En canto a luz invade a pantalla, o alumnado do CEIP José Cornide Saavedra e do CEIP Ramón de la Sagra, puido descubrir hoxe á Coruña dos seus avós retratada en fílmico de 16 mm. Trátase das pezas El cochecito (1952) e Auriga (1955), ambas de orixe anónima y que se coñecen como found footage (película atopada). Na primeira, os protagonistas son un grupo de nenos xogando nas rúas. Na segunda, vese o embarque o Auriga, un buque transatlántico que facía a liña Italia-Venezuela e que levou a moitos galegos a Latinoamérica.

Antes da proxección, a cativada puido mirar de preto tiras de celuloide e probar unha cámara de Super 8, sendo, para a maioría deles, a primeira vez que presenciaban e tocaban cinema analóxico. Pero esta parte do evento foi só un aperitivo, xa que a continuación asisten á proxección de varias pezas de cine experimental.

O alumnado tivo unha experiencia interactiva co cinema analóxico.

SANDRA SÁNCHEZ, DIRECTORA CONVIDADA

Este ano, na selección de curtas inclúense varias obras da directora coruñesa Sandra Sánchez, como Matías (2015), realizada no Chanfaina Lab de San Sadurniño;  A nena azul (2018), coa que gañou numerosos premios como o Mestre Mateo á mellor curtametraxe de ficción; e Ven a Bens (1992), a súa primeira película, realizada durante a súa época de estudante. Nela retrata á comunidade que vivía do aproveitamento do lixo no desaparecido vertedoiro de Bens, na Coruña. Tras a proxección, a propia directora sumouse ao coloquio, no que os escolares preguntaron sobre o proceso, as ideas e a traxectoria da cineasta.

Nas seguintes sesións deste programa, participan o IES Rafael Dieste, CEIP Concepción Arenal, CEIP Gándara Sofán, IES Ramón Menéndez Pidal, CEIP Curros Enríquez, CEIP San Pedro de Visma e IES Urbano Lugrís. En total, nesta edición pasarán polas proxeccións educativas preto de catrocentos alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos. Esta iniciativa conta coa colaboración dos Museos Científicos Coruñeses e da Concellería de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña.

Sandra Sánchez durante o coloquio.

XPRESA: UNHA EXPERIENCIA INCLUSIVA

Outra cita indispensable nos días previos ao inicio do (S8) é o obradoiro de inclusión social Xpresa, que este ano cumpre a súa novena edición. Celébrase nos días 29 e 30 de maio e está realizado co apoio da Fundación Emalcsa e o seu programa Cultura Accesible e Inclusiva. Este ano, os participantes son de novo usuarios da Fundación Adcor e de Asperga, aos que se suma unha nova organización e colectivo: os usuarios do Sistema de Acollida de Protección Internacional da Cruz Vermella.

Para conducir este obradoiro, que se celebra na Fundación Luis Seoane, o (S8) convidou á artista e cineasta mexicana Marcela Cuevas, quen proporá crear imaxes en movemento coa técnica do colaxe e do debuxo en acetato. Tamén observaranse ao microscopio obxectos, arquivo persoal e plantas da contorna. O obxectivo é traballar nun autorretrato abstracto que poida presentarse como unha obra colaborativa, visibilizando a potencia das singularidades de cada usuario e usuaria e as posibilidades de integración.

O obradoiro Xpresa cumpre nove anos. Na imaxe, a edición do 2015. Foto: A. Morandeira. 

O (S8) XVII Mostra Internacional de Cinema Periférico conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Deputación da Coruña, Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e Fundación Luis Seoane.

PUBLICACIÓNS RECENTES