- Este ano hai programadas catro sesións para centros educativos que inclúen unha selección de cinema experimental, una proxección en formato analóxico e o encontro coa directora galega Sandra Sánchez.

Ángel Rueda, codirector do (S8) dando a benvida aos participantes. Fotos: Andrea R.
As proxeccións educativas do (S8) son dende hai anos o arranque da actividade previa ao festival, reunindo este ano a case catrocentos escolares de centros públicos da Coruña, aos que se lles sumou, por vez primeira, un centro de Carballo. Foron en total catro sesións, os días 7, 14, 20 e 28 de maio, e nas que se xuntaron colexios e institutos de diferentes barrios da cidade para descubrir o cinema analóxico e vivir a experiencia de participar nun festival de cine. Todas as sesións celebráronse na Sala Leonardo da Vinci da Domus, onde, como explica Ángel Rueda, codirector da Mostra: «Sucede a maxia».
E precisamente niso, en carga máxica, esta edición non foi unha excepción. Trala benvida, explicábase a diferencia entre cinema analóxico e dixital, dándolle a oportunidade á rapazada de observar de preto unha película de Super 8 e probar un tomavistas. Despois, para descubrir o celuloide en acción, apagábanse os focos da sala e arrancaba o troupeleo do proxector analóxico. En canto a súa luz invadía a pantalla, os estudantes podían tarsladarse á Coruña dos seus avós retratada en 16 mm coas películas El cochecito (1952) e Auriga (1955), ambas de autoría descoñecida. Na primeira, os protagonistas son un grupo de nenos xogando nas rúas. Na segunda, recóllese o embarque ao Auriga, un buque transatlántico que facía a liña Italia-Venezuela levando a moitos galegos a Latinoamérica.




Os participantes coñecen de preto o formato analóxico.
SANDRA SÁNCHEZ, DIRECTORA CONVIDADA
A segunda parte da sesión incluía a proxección de varias pezas de cinema experimental, entre elas Bajo la almohada (2012), de Isabel Herguera, un referente da animación internacional. Tamén pezas que amosan diferentes miradas sobre a cidade da Coruña, como Lavado de cara (2007) de Xose González, La mar salada (2014), de Elena Duque e Ven a Bens (1992), de Sandra Sánchez. De feito, esta realizadora coruñesa foi a artista convidada nesta edición, amosando varias das súas obras e mantendo un encuentro cos escolares.
Ven a Bens foi a súa primeira perlícula, realizada durante a súa época de estudante, e na que retrata á comunidade que vivía do aproveitamento do lixo no desaparecido vertedoiro coruñés de Bens. Da súa filmografía tamén se incluiron Matías (2015), realizada no Chanfaina Lab de San Sadurniño e A nena azul (2018), coa que gañou numerosos premios como o Mestre Mateo á mellor curtametraxe de ficción. Tralas proxeccións, que adaptaban os títulos ao perfil do estudantado, a directora sumábase a un coloquio, no que a rapazada preguntáballe polo proceso de facer unha película, as ideas que a inspiraban, a súa traxectoria e a formación necesaria para facer cine.



A directora galega Sandra Sánchez protagonizou o coloquio.
Estas sesións educativas previas ao arranque do (S8) son a aposta do festival por crear novos públicos, difundir a súa actividade entre a comunidade educativa e amosarlles outras maneiras de entender e desfrutar o cine. Nesta edición, participaron preto de catrocentros alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos dos seguintes centros: CEIP José Cornide Saavedra, CEIP Ramón de la Sagra, IES Rafael Dieste, CEIP Concepción Arenal, CEIP Gándara Sofán, IES Ramón Menéndez Pidal, CEIP Curros Enríquez e CEIP San Pedro de Visma. A iniciativa conta coa colaboración dos Museos Científicos Coruñeses e da Concellería de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña.

As sesións celebráronse na Sala Leonardo da Vinci da Domus.
O (S8) XVII Mostra Internacional de Cinema Periférico conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Deputación da Coruña, Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e Fundación Luis Seoane.





