AS TITORÍAS INPUT IMPULSAN PROXECTOS ENTREGADOS Á EXPERIMENTACIÓN SONORA, VISUAL, TÉCNICA E NARRATIVA

Mai 25, 2026 | Destacados, Novas

Un panel profesional integrado por Almudena Escobar, Pablo Marín, Tamara García y Miguel Armas analizará catro proxectos seleccionados de entre máis de sesenta.

Almudena Escobar, Pablo Marín, Tamara García e Miguel Armas, panel de titores INPUT.

Impulsar o cinema do futuro convertendo ao (S8) nun motor da creación cinematográfica de vangarda. Ese é o obxectivo do espazo INPUT de asesoría de proxectos cinematográficos organizado por eSe8_LAB co apoio de Acción Cultural Española – AC/E e a Fundación Luis Seoane, e que se celebrará durante a XVII Mostra Internacional de Cinema Periférico. Nel, un equipo de mentores analizará de forma personalizada os proxectos seleccionados, desde o estado da escrita e do desenvolvemento ata a planificación da súa distribución. Son titorías personalizadas, nas que cada mentor asesora a un único artista e proxecto, axudándolle a atopar novas vías ou impulsar as existentes.

TITORES INPUT 2026

​Este ano a selección de profesionais que integran o panel de titores INPUT volve ser de primeiro nivel. Almudena Escobar é investigadora, curadora, arquivista e docente na School of Image Arts da Toronto Metropolitan University. Ten comisariado programas no CCCB de Barcelona, no MOMA de Nova Iorque ou na Cineteca Nacional de México. Pablo Marín é cineasta, crítico e profesor na Elías Querejeta Zine Eskola, ademais de autor do ensaio Una luz revelada. El cine experimental argentino, (2022). 

Tamara García dirixiu o Festival Internacional de Cortometrajes de Aguilar de Campo. Na actualidade, combina o comisariado artístico en centros como o BBAA Bilbao, coa produción executiva de proxectos cinematográficos. Miguel Armas é investigador, crítico, programador e distribuidor. Autor do ensaio En el umbral de lo invisible (2026), traballa con Light Cone, unha asociación parisiense dedicada á preservación, difusión e distribución do cinema experimental. 

Aureola Infinita, Ana Císcar e Rubén Marín

CATRO PROXECTOS SELECCIONADOS

INPUT cumpre este 2026 a súa décima edición e recibiu máis de sesenta propostas entre as que se seleccionaron catro, entregadas á experimentación sonora, visual, técnica e narrativa.  Nalgúns casos trátase de películas en proceso de realización como Aureola Infinita, de Ana Císcar e Rubén Marín, articulada a partir dun conxunto de imaxes científicas de eclipses, fauna e flora de diferentes museos, filmadas en 16 mm. Tamén está en proceso Corneta China, de A Vulcanizadora, o estudo creado por María Rojas Arias e Andrés Jurado, onde fan un traballo de exploración en torno ao cine, a arte e os arquivos. Neste caso propoñen un documental sobre a migración chinesa no Caribe colombiano, coa experimentación sonora como fío condutor.

A proposta de Luz Derramada, de Gonzalo Manchón, xira en torno á fronteira entre a luz e o corpo, investigando a relación entre o medio fílmico e a acción de filmar con manivela en 16 mm, manifestando a condensación do tempo a través da dimensión pictórica do cine. Por último, Carlos Baixauli, coordinador do arquivo Val del Omar, chega a INPUT con Assaig d’aproximacio a Ara o Mai, un proxecto de cine-ensaio sobre a identidade valenciana.

Luz Derramada, Gonzalo Manchón | Corneta China, La Vulcanizadora.

Assaig d’aproximacio a Ara o Mai, Carlos Baixauli.

Tanto INPUT como Paraíso, están organizadas por eSe8_LAB, o laboratorio do festival dedicado á formación e ó apoyo de proxectos cinematográficos, o cal convoca tamén a residencia artística BAICC. Con estes programas, o (S8) tense consolidado como una incubadora de cinema experimental, sendo o lugar escollido polos artistas para estrear as súas obras, como sucede este ano coa película Pompa y circunstancia (2026), de Daniela Delgado Viteri, que formou parte da oitava edición de INPUT. 

Consolidado como o programa de desenvolvemento de proxectos máis arriscado e orixinal da cinematografía estatal, INPUT conta co apoio de Acción Cultural Española – AC/E e a Fundación Luis Seoane. Desde 2025 inclúe as ​bolsas ELIXIR, en memoria de Amy Halpern, e que supoñen un apoio directo de 700€ ao que poden optar os proxectos seleccionados. Esta axuda entregouse por vez primeira o ano pasado a iniciativa da familia da artista, quen protagonizou un foco no (S8) uns meses antes do seu falecemento.

A Mostra de Cinema Periférico celébrase entre o 2 e 7 de xuño de 2026 na Coruña. Está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía en das Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.

PUBLICACIÓNS RECENTES