A portuguesa Beatriz Freire fálanos das ideas que hai detrás da súa peza A Texture Map of Monnegre River, na cal a proxección se combina coa acción de tecer nun tear en directo.

De onde sae a túa idea de transportar os códigos do tecido á película analóxica?
O meu medio é o téxtil, concretamente a tecedura. Eu son tecelá. A partir de aquí, toda investigación, apropiación doutros medios e experimentación teñen como base o uso da linguaxe ou da técnica desta arte téxtil. A miña intención é pór en valor a tecedura e darlle o espazo que merece xunto a outras artes historicamente recoñecidas como tales. Dalgún xeito, aprópiome desoutros medios para tentar mostrar a potencia, a capacidade e a flexibilidade que a tecedura ten, non só como práctica, senón tamén (e sobre todo) como linguaxe. O fílmico xurdiu de maneira bastante natural, porque atopo moitas similitudes e puntos de contacto coa práctica téxtil. O máis evidente é a súa materialidade. Traballando con celuloide de 16 mm, decateime de que procesos como o revelado, o secado da película, o enfiamento do proxector ou a montaxe coa empalmadora resultan curiosamente familiares para alguén que traballa co téxtil. Ao empezar a traballar coa Bolex e tras coñecer a obra de Rose Lowder, abriuse unha porta máis para explorar esta relación entre o fílmico e o téxtil, e o uso das notacións de tecedura como ordes de rodaxe. Hai unha idea que atravesa todo o meu traballo: creo que existen informacións, estados e formas de existencia aos cales non podemos acceder mediante o uso habitual dos nosos sentidos. O noso corpo percibe aquilo que pode percibir, igual que o corpo dun gato percibe o mundo ao seu xeito. Habitamos unha mesma realidade, mais accedemos a ela de forma distinta e limitada. Tampouco creo que o uso tradicional ou clásico dunha cámara sexa suficiente para captar o invisible do mundo. Teño a intuición de que é a través da linguaxe da tecedura como podemos achegarnos a esoutras formas de percepción. A tecedura xa contén, en si mesma, un sistema de escritura: as notacións téxtiles transmiten información, organizan estruturas (aseméllanse bastante a partituras musicais). Dándolles voltas a estas ideas, quixen someter a proba a posibilidade de utilizar eses códigos téxtiles como guión de rodaxe, usando a Bolex coma se fose un tear, e ver que pasaría: se os ritmos do tecido se poden desprazar ao fílmico, ao audiovisual, e tentar acceder a aquilo que permanece invisible. A escritora portuguesa Maria Gabriela Llansol falaba do concepto de «fulgor»: considerábao non como unha iluminación pasadía, senón como unha forma de combate cotián, un esforzo diario por atopar intensidade e abrir fendas na nosa percepción habitual do mundo. Creo que a miña relación co fílmico e coa tecedura se achega a esa idea. Interésame utilizar a linguaxe téxtil e o celuloide non só como ferramentas de representación, senón como dispositivos capaces de alterar a percepción e acceder a aquilo que normalmente permanece invisible. Nese sentido, A Texture Map of Monnegre River é un intento de chegar a ese fulgor.
Como se relaciona este labor ou investigación co río Monnegre?
Seleccionáronme na residencia Vapores, de IDENSITAT, cuxa investigación artística se centraba no contexto do río Monnegre, en Alacant. Foi a primeira vez que puiden materializar e someter a proba esta miña idea de rodar en 16 mm, fotograma a fotograma, utilizando códigos de tecedura como guión de rodaxe. Chameille a este proxecto A Texture Map of Monnegre River, inspirándome na obra A Sound Map of the Hudson River, de Annea Lockwood. Propúxenme trazar un mapa sensorial do río Monnegre, centrado nas súas texturas visibles e invisibles, non procurando unha cartografía convencional, senón unha exploración poética e material da paisaxe fluvial. O obxectivo era xerar un arquivo sensorial que, mediante o uso de varias técnicas (entre elas o fílmico en diálogo co téxtil), puidese crear unha ponte entre son, imaxe e materia, propondo novos modos de ler e habitar a contorna, descolonizando os sentidos e ampliando as formas de percepción.
Pódesnos falar da incorporación do teu corpo e do tear á presentación en directo da peza?
A tecedura é máquina, mais sobre todo corpo, sensación corporal. Dentro da miña práctica artística, onde tento expandir ao máximo as posibilidades do téxtil, a idea de performatizar cun tear xurdiu dunha maneira bastante natural. Interésame que as persoas coñezan a tecedura e se familiaricen con ela. Un tear manual, e aínda máis un tear manual en funcionamento, non é algo común de atopar, especialmente en contextos como festivais, mostras, galerías ou museos. Por iso, cando a peza ou proxecto o permite, interésame moito levar o tear ao espazo expositivo e activalo en directo. Aínda estou nunha etapa do meu percorrido artístico en que non sempre é doado que che dean oportunidades de acceder a unha estrutura acaída para desenvolver e presentar as túas pezas nas condicións ideais que imaxino para o espectador, para el poder entrar verdadeiramente nese estado de percepción ou «fulgor» de que falo. Daquela, dalgún xeito, aproveito esa limitación para desprazar o foco cara ao corpo, o xesto e a presenza do tear en vivo. Aínda que sexa tímida, o tear protéxeme da mirada do outro (ou así o percibo eu). O obxectivo termina concretándose aí: que a xente poida atoparse cun tear en funcionamento nun contexto inesperado, fóra da fábrica ou do obradoiro, e percibilo dende outro lugar.





