SINAIS LATINOAMÉRICA. MANIFESTOS PERIFÉRICOS

Xuñ 6, 2026 | Artigos, Destacados

Acompañando a rutilante selección desta edición de Sinais América Latina, reproducimos a seguir dous textos lúcidos e militantes dun dos cineastas que a integran, o brasileiro Lincoln Péricles.

POR UN CINEMA DE ALBANEL

por Lincoln Péricles

Na súa esmagadora maioría, o cinema brasileiro está feito de enxeñeiros e arquitectos. Eles saben, dende a distancia, de todo. Saben pola mente, o intelecto… e máis nada. Claro que debe haber enxeñeiros e arquitectos cunha formación humana, que saben ir alén, mais aínda así pertencen a unha clase e poden ou non ser traidores a ela.

Fáltalle ao cinema brasileiro un cinema de albanel. Daqueles que no barrio axudan a levantar a casa do veciño e a súa propia. Daquel que sabe ser peza, sabe ser ladrillo, consciente de todo o que circunda esa función. Un cinema que saiba ser función. O albanel sabe como levantar unha casa, a súa aprendizaxe vén do corpo enteiro, o que quere dicir que é da mente tamén, do intelecto. O albanel sabe en todos os seus poros ser arquitecto e enxeñeiro, non como condición dunha clase opresora, senón como unha necesidade bruta de levantar un espazo, un lugar, unha cousa.

Un cinema de albanel significa revoltarse de corpo enteiro contra unha opresión clara, unha opresión estético-política, unha opresión ideolóxica.

Un cine de albanel virá dunha formación pública en cinema de risco, ou das rúas, non das escolas de cinema e os seus esquemas, que forman robots cineastas para gañar convocatorias ou traballar dirixindo publicidade e vídeo institucional (alén daquelas das súas vertentes que se proxectan na pantalla grande). Esas escolas continúan coa conivencia e o apoio de artistas-profesores-frustrados; escolas públicas e privadas, forman cineastas e vítimas, que se consomen nas mans de produtoras explotadoras e son máquinas de zugar diñeiro e cerebro.

É de un cinema de albanel de onde xurdirá algunha revolución na linguaxe, no mundo (…).

Publicado orixinalmente na revista Zagaia o 27 de agosto de 2014

PERIFERIA DA IMAXE PERIFÉRICA

por Lincoln Péricles

[…] «A nosa paz é un froito que sempre nos arrincarán á forza do estómago, mais agora queda por ver, meu fillo, se é dese froito mesmo do que queremos alimentarnos», dixo a nai.

Houbo unha vez en que, saíndo dun deses debates «de cinema», me preguntaron con curiosidade de investigador como facía para facer os filmes que eu facía, cal sería a diferenza entre que alguén viñese gravar algo no meu barrio e que eu fixese un filme por aquí. Nese momento respondín categórico: «Non sei». E iso incomódame ata hoxe, porque naquel momento non sabía que iso é a síntese do que os que son doutra clase teñen como certeza: que eles poden ser o que queiran, mesmo ser nós, e que convertérmonos nós no que queiramos significa… convertérmonos neles. Ese é un proceso evidente do capitalismo que corre polas veas de hoxe en día, onde é fácil de máis «respectar» ou «tornarse outro» a través dos innúmeros mecanismos de pesquisa que o diñeiro ofrece. É máis fácil aínda destruír a autoestima, os coñecementos milenarios e as vidas. Dalgunha forma, o rapaciño de esquerdas e o fascista moderniño andan de mans dadas, violentan, matan, borran, ou polo menos tentan borrarnos. Un polo manto ideolóxico que viste cando calquera idiota grita palabras que soan ben e outro pola capacidade de borrar sistematicamente a nosa historia para se eximir da culpa de ser o que é. «A historia é a historia de violencia contra nós», dixo a nai.

Somos as persoas que estudan e están aquí. Somos as que saímos para buscar o pan de cada día, nun traballo precario ou nunha facultade nazi, ás veces nos dous. Somos as que aprendemos aquí, ficamos aquí e vivimos aquí. Se un tipo garda con tanto celo un coñecemento no peto para perpetuar o seu poder (academia, libros, filmes etc.), por que nós facemos o contrario? Unha vez unha amiga dixo: «Sabes, irmán, somos moi bos; tomamos un coñecemento conquistado con moito sangue e, cando chega un deles e pregunta “mais como…?”, achegámonos e entregámoslle todo» […].

Publicado orixinalmente no sitio web Outras Palavras

PUBLICACIÓNS RECENTES