A XVII Mostra de Cinema Periférico despediuse cunha xornada cargada de emoción e pases irrepetíbeis de John Porter e Jeanne Liotta, con novos eclipses, pases sorpresa e un final lúdico.
A importante presenza de cineastas xoves, especialmente mulleres, nas seccións de Sinais e Sinais América Latina confirma o papel do festival como impulsor da creación cinematográfica.

John Porter protagonizou unha memorable clausura do (S8). FOTOS: Andrea R. e A. Morandeira.
Se nos cinximos á convención, o ano próximo o (S8) cumprirá a súa maioría de idade. Pero o certo é que esta XVII edición xa confirmou o que ano tras ano víñase detectando: que o cinema de vangarda nace, crece e reprodúcese na Mostra de Cinema Periférico da Coruña, que entra na súa madurez contribuíndo activamente a un tempo novo e revolucionario para o formato analóxico.
Figuras consagradas, artistas xoves e público chegado de Galicia, España, América e Europa, compartiron unha semana de experiencias cinematográficas sorprendentes, radicais, emotivas, profundas, incluso divertidas. Aínda que se por algo destacou esta Mostra é pola sensación de ter vivido momentos únicos en cada sesión. Para Ángel Rueda, codirector do (S8), foi «unha edición apoteótica» na que viu reafirmada a importancia da proposta curatorial, deseñada para que os programas dialoguen entre si, sen solapamento horario, e achegando a vangarda cinematográfica a todo tipo de públicos.
Cunha animación da eclipse fotografada por José Sellier abrindo cada sesión, as catro sedes do (S8): Filmoteca de Galicia, Domus, Cantones Cines e Fundación Luis Seoane, quedáronse pequenas para acoller a grande cantidade de persoas que querían descubrir a obra de John Porter, Jeanne Liotta, Bruno Varela ou Els van Riel. En total, foron máis de oito mil participantes os que pasaron polos diferentes programas, destacando as colas que se formaban para entrar nas retrospectivas, tal vez a última oportunidade de ver esas obras proxectadas no seu formato orixinal, que no caso de Porter é, ademais, o único posible. As súas películas non están dixitalizadas e o canadense non permitiu que se fixeran fotos da pantalla, así que o que sucedeu nas súas dúas sesións queda para a memoria emocional dos presentes e xa é historia do (S8).


Tanto na Filmoteca de Galicia como en Cantones Cines colgouse o cartel de ‘sala completa’.
AS CREADORAS MARCAN O PASO
Sinais é a principal sección de exhibición do (S8), onde se reúne o máis arriscado da creación cinematográfica contemporánea de Galicia, España e Portugal. Pois ben, o 70% das obras programadas —un total de 29 pezas, 35 se sumamos Sinais América Latina— están realizadas por mulleres, o que demostra que está a emerxer unha nova xeración de cineastas que atoparon no (S8) un espazo onde amosar as súas películas e no que descubrir, atoparse e tecer unha rede de complicidades arredor desta paixón compartida pola creación experimental. E repasando o programa pódese afirmar, obxectivamente, que a Mostra ten boa parte de responsabilidade en que así sexa.
De feito, esta sección incluíu un carrusel de estreas mundiais, entre elas varias pezas impulsadas dende o (S8) como Béal de Juana Robles, creada nas residencias artísticas BAICC, e Pompa y circunstancia, de Daniela Delgado Viteli, que recibiu titorización previa no espazo INPUT. Tamén foi estrea mundial en Desbordamientos Sinais a performance Descubro el rayo, tus ojos tiemblan, de Guillermo Braga, realizada de forma expresa para estar na Mostra. As noites de cinema expandido na Fundación Luis Seoane volveron ofrecer algúns dos momentos de maior intensidade emotiva. A performance Morada Aberta: onde o gesto cura, de Tânia Dinis, conmoveu aos asistentes coa axuda do cambiante clima coruñés, que decidiu deixar unha choiva fina no momento exacto en que na peza se invoca ao mar.

O 70% das obras de Sinais eran de mulleres cineastas.


Tânia Dinis durante o seu Desbordamiento e Karola Gramann, da Kinothek Asta Nielsen.
UNHA CLAUSURA PARA A HISTORIA
Tres minutos e medio, o mesmo que un rolo de Super 8. Esa é a duración da maioría das películas de John Porter, un referente na cinematografía experimental tanto pola súa coherencia —xamais rodou noutro formato— como polo seu proceso creativo. As súas obras son unha idea executada sobre a marcha, editada na propia cámara, revelada e convertida nunha peza única que en moitos casos tan só cobra sentido durante a proxección na que el mesmo intervén. É o caso de Shootout with Rebeca (1983), Animal in Motion (1980) ou Revolving restaurant (1981), incluídas na sesión de clausura dos Desbordamientos del sábado.
Cunha proposta lúdica e dunha honestidade radical, ese último pase de Porter provocou aplausos, gargalladas e ovacións no público, consciente de estar vivindo un momento irrepetibel. Esa mesma sensación percorreu as butacas da Filmoteca de Galicia durante o seu primeiro programa, que algúns definiron como un momento histórico. O artista canadense, de 79 anos, asegurara que a súa presenza na Coruña era unha despedida da escena internacional e coa súa enerxía e vibrante personalidade converteuna nunha celebración colectiva da liberdade creativa e do Super 8.

O último programa de Jeanne Liotta incluiu unha proxección sorpresa.
UNHA ECLIPSE SORPRESA
Con Porter alzando un proxector e berrando «¡Super 8!» púxose o punto final a unha semana na que artistas, convidados e público conviviron creando unha atmosfera moi familiar en todas as sesións, especialmente o sábado, último día de programación e de novo coas salas abarrotadas. Sinais América Latina amosou seis propostas con miradas moi persoais arredor dos afectos. Karola Gramann presentou o traballo da Kinothek Asta Nilsen dedicada ao cinema queer e feminista da que foi co-fundadora. E Jeanne Liotta ofreceu unha selección das súas obras dedicadas ao cosmos e realizados durante décadas. Sete películas impresionantes tanto pola proposta visual como sonora, deseñada tratando de imaxinar como soa o propio universo.
Ao finalizar e antes de comezar o coloquio, Liotta anunciou unha última proxección sorpresa. Na maleta incluíra unha película dun eclipse que filmara en Super 8 nos anos 80 e que non volvera ver dende entón, así que propuxo ao público achegarse á pantalla sentándose no chan para velo con ela. Foi como un regreso ao punto de partida, non só do (S8), que ela mesma inaugurou cunha eclipse cinematográfica, se non a un dos momentos que a inspiraran para crear aquela peza, algo que só parece posible nun festival como a Mostra de Cinema Periférico da Coruña.

O equipo do (S8) ao completo.
AGRADECEMENTO
Desde a dirección do (S8) amosan o seu agradecemento a todo o talento participante no festival deste ano, aos profesionais e público que asistiu, e ás institucións que contribuíron a facer posible esta 17ª edición. Tamén aos medios de comunicación que axudaron a difundilo. E por suposto ao equipo que logrou que fora un éxito, incluídos os responsables e equipos técnicos das sedes do festival: Filmoteca de Galicia, Cantones Cines, Fundación Luis Seoane e Domus.
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico está organizado pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), a Deputación da Coruña, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane.





