
Os Premios #Mulleres no Foco, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), teñen como obxectivo poñer en valor o traballo das profesionais galegas no audiovisual co fin de mudar as cifras de infrarrepresentación actuais das mulleres do sector.
Dado que a muller sofre maior invisibilidade e menor presenza no audiovisual, especialmente na dirección, segundo se mostra cada ano no informe CIMA, con esta convocatoria propóñense tres premios que recoñezan o papel da muller, que recompensen e visibilicen o meritorio labor das galardoadas no seu ámbito de traballo.

Nesta VI edición, a nosa codirectora Ana Domínguez foi unha das mulleres seleccionadas, entre outros perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector e impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego: Inés Pintor Sierra, Inés Colmeiro Villanueva, Uxía Caride Blanco, Andrea Vázquez García, Clara Coira Suárez, Xisela Franco Costas, Marta Villar Sanjurjo, Rosa Moledo Maneiro, María Ignacia Ceballos González-Llanos, Maria Isabel Rivera Torres, Lucía Estévez González, Diana Gonçalves Domínguez, Mela Casal Devesa, María Rodríguez Piñeiro, Carmen Méndez Lamas e Anxos Fazáns Estévez.

O xurado encargado da selección estivo presidido pola xefa do servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas, actuando como secretaria a adxunta ao mesmo servizo, Marta Caldas, e como vogais a técnica de Cultura da Deputación, Begoña Fernández; Alba González, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Iria Fernández, en representación da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización; Elena García, en representación de CIMA; Eva Fórneas, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia; Sara Varela, da Asociación sindical de guionistas; Ana Estévez, en representación da Coordinadora Galega de Festivais; e Silvia Fuentes, da Asociación Galega de Produtoras Independentes.
As profesionais do sector audiovisual galego Anxos Fazáns, Uxía Caride e Mabel Rivera foron as gañadoras da sexta edición dos premios Mulleres no Foco, entregados o pasado 9 de outubro no auditorio municipal de Marín.





