PARTICIPAMOS COMO XURADO DA MOSTRA MARES DA FIN DO MUNDO EN RIANXO (A CORUÑA)

Nov 12, 2026 | Novas

Mares da Fin do Mundo é unha mostra internacional de cinema documental, sita en Rianxo, comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar dun dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar. Ao longo das súas edicións, a mostra consolidouse ademais como un espazo de encontro entre o cinema documental, o sector pesqueiro e a cidadanía. 

O Xurado Oficial desta IX edición estivo formado por tres figuras vinculadas ao cinema documental, á creación audiovisual e á programación: a nosa codirectora Ana Domínguez, xunto a Antón Caeiro (Cineasta e realizador audiovisual e cofundador do espazo O Faiado na Memoria) e Guillermo F. Florez (Cineasta e docente e fundador da produtora española Flórez Films).

O xurado, decidiu outorgar o galardón á mellor película, cunha dotación económica de 2.000 euros, a Les copains d’abord, de Thomas Laliberté e Marilou Muller (Canadá, 2025), «por ofrecer unha mirada cálida sobre unha comunidade en contraste coa dureza do entorno que a rodea». Asimesmo, «pola combinación entre un mundo telúrico e un científico a través dun coidado pola fotografía e son», o xurado decidiu conceder unha mención especial ao filme Chuuraa, de Evgenia Arbugaeva (Reino Unido, 2026). O premio do público, dotado con 1.000 euros, foi para Seablindness, de Tereza Smetanová (Eslovaquia, 2025). Por último, o galardón do público á mellor película galega recaeu no filme O mar é o meu chan, de Xoán Vázquez (Galicia, 2026), quen recolleu o galardón en persoa e dedicou unhas agarimosas palabras de agradecemento ao público e á mostra.

Desde a organización sinalaron que foi unha edición histórica, que demostrou que o ciclo non para de medrar ano tras ano. Ademais da gala de entrega de galardóns, na última xornada celebrouse a xa habitual mesa da pesca sostible, baixo o título Restaurando o mar: compromiso azul. Moderada por Javier García Galdo, biólogo mariño, contou coa participación de Pedro Cendón, biólogo da Fundación Amicos; Thais Betanzos Paz, usuaria desta entidade; e Manuel Reiriz, presidente da Asociación de Percebeiros de Aguiño. Os participantes debateron sobre o impacto real das iniciativas do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas (2021-2023), o chamamento global da ONU para a protección e recuperación dos hábitats naturais do planeta.

PUBLICACIÓNS RECENTES