Desbordamiento: A invasión da filme performance

Mai 30, 2019 | Artigos


Se hai algo que caracterizou ao (S8) desde a súa primeira edición, é a presenza do cinema expandido e da filme performance. Xa na primeira edición, no Antigo Cárcere da Coruña, visitábanos Bruce McClure, unha das figuras máis fabulosas (e desbordantes en máis dun sentido) deste campo. “Desbordamientos” é como chamamos no seu día a esta sección que ocupa polas noites o patio da Fundación Luís Seoane, honrando a un dos nosos faros guía, o irrepetible cinemista ibérico José Val do Omar. Inventor, poeta e místico que fai xa máis de setenta anos inventou o desbordamento apanorámico, unha proxección que se desbordaba fóra da pantalla para envolvernos, e que se multiplicaba grazas ao sistema de son diafónico, tamén da súa colleita.

Arrincamos a noite do xoves coa presentación de Prismáticas (Pilar Monsell e Aitziber Olaskoaga), que nos traen o resultado da segunda residencia BAICC (levada a cabo polo (S8) xunto con AC/E e o LIFT de Toronto): o seu proxecto PRINCIPIO MÁQUINA DE COSER. Trátase do primeiro prototipo dun proxector que é á vez máquina de coser, e cuxa idea de base é traer á fronte o traballo manual, invisible e precario, das mulleres ao longo da historia, en particular o papel que desempeñaron tanto na industria téxtil como na cinematográfica. Esa mesma noite visítanos o artista italiano radicado en París Stefano Canapa, xunto ao músico Antoine Birot, traendo a súa performance Wavelength. No traballo de Canapa teñen un importante papel os mecanismos de son do cinema, e a súa imaxe transposta á pantalla de cinema. Nesta pulsante performance, Canapa pon en marcha catro proxectores de 16mm, cuxa imaxe é manipulada a través dun dispositivo creado a partir de tubos catódicos (os dos antigos televisores).

A noite do venres, México trasládase a Coruña a través de Elena Pardo, Morris Manuel Trujillo e Azucena Losana, compoñentes do Laboratorio Experimental de Cinema, un importante foco na Cidade de México para a hibridación das artes e a experimentación con cinema analóxico. Dúas performances son as que nos traen: unha fai fincapé no (belo e hipnótico) funcionamento das propias máquinas de cinema: Love Machine. A outra, Desaparecer, toma un motivo político, como as continuas desaparicións de persoas en territorio mexicano, e transfórmao en pura potencia en 16mm. Ambas as performances virán acompañadas pola improvisación sonora en directo dos músicos galegos Alexandre Losada e Luís Garrido, nunha ponte creativa entre ambos os continentes. Losada e Garrido son militantes das músicas improvisadas, a experimentación electroacústica e o rock menos domesticado, en cuxo proceder entran en marcha desde vellos tocadiscos e sintes caseiros até saxofóns, guitarras, cintas de cassette, radios ou micros de contacto.
O sábado viviremos un acontecemento histórico na Coruña: un dos pioneiros do cinema expandido revivirá fronte aos nosos ollos dúas performances seminais que creou entre os anos 60 e 70. Traballos que marcaron un antes e un despois, ao repensar as posibilidades creativas e de acción da proxección de cinema como evento único. Así teremos a ocasión de ver Castle 1, na que unha brechtiana lámpada espértanos do noso rol de espectadores pasivos, e Horror Film 1, onde a unidade mínima do cinema, a luz de tres proxectores de cinema, entran en xogo co corpo do artista en sorprendente conxunción. Veremos tamén a dobre proxección en 16mm do clásico Berlin Horse (peza musicalizada por Brian Eno) a tripla proxección en 16mm da contundente Threshold, dous importantes traballos nos que o cinema se expande máis aló do tradicional encadre.
Pero a cousa non termina aquí. Nesta edición as performances desbórdanse máis aló da Luís Seoane cara á Sala (S8) PALEXCO: as lanternas máxicas de Charlotte Pryce poranse en marcha o xoves e o venres, xeradoras de experiencias do outro mundo. O sábado Jeannette Muñoz, na súa cinema-conferencia, faranos partícipes do seu delicado evento performativo Proceso hacia una película. E o domingo a mexicana radicada en Bos Aires Azucena Losana traeranos tres performances breves con metraxe atopada e manipulada de super 8. Ademais, tanto o programa dedicado aos cineastas do LEC o mércores como o monográfico de Madi Piller tamén pasarán os límites da pantalla a través da dobre proxección analóxica. Unha décima edición desbordada e desbordante, que se mece ao son dos proxectores de cinema en marcha.

PUBLICACIÓNS RECENTES