Carla Andrade. Traballar cos espazos

Xuñ 3, 2019 | Entrevistas


Carla, ti nun principio fuches sobre todo fotógrafa, pero nun certo punto comezaches a traballar coa imaxe en movemento. Que estás a procurar neste movemento entre campos, que atopaches no cinema que chamou a túa atención?
Bueno, é tamén unha pregunta que me fago a min mesma, que é o que me interesa de introducir o elemento do tempo no meu traballo. Pero supoño que sobre todo esa búsqueda: o meu traballo ten que ver coa natureza da realidade e sobre todo a natureza do tempo, é un aspecto que está sempre moi presente en todo o meu traballo. Imaxino que introducir a duración, o tempo, foi algo como… natural. Tamén é certo que unha das razóns que quizáis me levaron aí foi a de comezar a coñecer traballos de cineastas que non coñecera anteriormente. Sempre cito os mesmos, pero Peter Hutton, por exemplo. Interesarme por certo tipo de cinema inspiroume a facer cousas tamén nese sentido, xerar experiencias desde outras formas, outros ángulos. Pero bueno, aínda non teño unha resposta moi clara.
A paisaxe ten moito protagonismo na túa obra. De feito o teu programa aquí no (S8) titúlase A paisaxe e máis alá. Poderías falar un pouco acerca do teu tratamento da paisaxe e que é o que che interesa da natureza?
A paisaxe interésame moito, porque é co que eu crecín desde nena, crecín nunha zona rural e penso que este diálogo íntimo que eu sempre tiven coa paisaxe fixo que sexa case unha necesidade para min: a súa contemplación, pasar moitas hora sentíndoa, digamos, é algo que forma parte da miña vida. E máis adiante, cando tentei racionalizar ou atopar unha razón de por que teño esta obsesión ou por que me atrae desta maneira a natureza non domesticada, a paisaxe… A paisaxe porque é a miña mirada, pero… penso que ten que ver coa calidade que ten a paisaxe de que non é posíbel poseela, non podes cuantificala, é unha tregua á lóxica cotiá, e que en oposición a estas pretensións occidentais, de conservación, de querer entender, teorizar, pór límites á realidade… A paisaxe escapa diso, o seu control é imposíbel. E supoño que esa insondabilidade, esa inconmesurabilidade é o que me interesa da paisaxe. É un elemento no que eu podo proxectar todas estas cuestións da parte invisíbel da realidade, todas estas cuestións que escapan un pouco, que están á marxe da realidade consensuada, da realidade obrigatoria, dos códigos que todos aprendemos e coñecemos. A paisaxe é un elemento no que podo proxectar todos estes intereses.
Dentro do repaso que facemos pola túa obra nesta edición tamén hai outras pezas nas que tratas toda clase de asuntos. Estou a falar de Listen to Me, ou de Sibila. Poderías falar destes dous filmes?
Si, son filmes que naceron en contextos moi particulares, foron case encargas. Non saíron de min dun xeito espontáneo… é dicir, si, pero a posteriori. A priori tiven que pórme nunha situación de facer estes filmes. Son moi diferentes porque hai elementos máis de ficción, digamos. Son os únicos traballos nos que teño elementos deste tipo, e tamén hai máis personaxes do habitual, mulleres… Mesmo estéticamente, dalgún xeito, a forma na que uso a cámara tamén é diferente do resto de traballos. Pero é certo que a búsqueda é a mesma: crear novos códigos, novas sintaxes da realidade, unha linguaxe propia, unha voz propia que sae de min, que creo que realmente, nesta búsqueda, ese interese da natureza da realidade e de saír un pouco da realidade obrigatoria, dos códigos que todos dominamos, que nos obrigan a dominar, para desa maneira dominar tamén os códigos dos mecanismos de poder… nesta búsqueda busco fuxir de… Chego a un certo idealismo que en última instancia non deixa de ser a miña propia experiencia subxectiva da realidade. O máis honesto que podo facer é absorber a realidade e, coa miña intuición, devolvela, ou o que sexa, e iso volve a min outra vez… e así constatemente. Ao final non deixa de ser crear unha linguaxe propia, crear unha linguaxe outra… non distinta da linguaxe real, pero outra, dun mundo diferente.
Ti móveste con bastante fluidez entre o espazo expositivo dunha galería e tamén o espazo de proxección convencional. Cal che fai sentir máis cómoda? Cal cres que responde mellor ao que ti fas? Ou quizáis depende da obra… como o ves ti?
Penso que nestes momentos síntome máis cómoda traballando cos espazos, non só facendo traballos que basta con proxectalos ou reproducilos nunha pantalla. Interésame moito que haxa outros factores que inflúan no traballo e que sexan necesarios para que ese traballo esté. E supoño que é tamén por ese interese en atopar novas maneiras de percibir, de comprender, novas maneiras de programar a realidade e de volvela a programar… Síntome moi cómoda conceptualizando o espazo e creando traballos nos que non hai regras, bueno, que todo estea mesturado: o audiovisual, a imaxe fixa, os obxectos, as luces… Ese todo é o que a obra realmente é. Interésame tamén esa aura que emerxe cando a obra ten que ser vista nese lugar, con esa unicidade…
Este festival chámase (S8) e ten moito agarimo polo soporte analóxico. Ti tes utilizado bastante o super 8. Que é o que che interesa do analóxico?
Para min o sporte analóxico é unha linguaxe máis, como o dixital… Bueno, eu fuxo sempre desa loita: o un ou outro; non penso que haxa que elixir, cada un é unha linguaxe diferente. A min o que me interesa do celuloide son varias cousas, pero empezando polo momento da toma, ou… meu corpo, non? Ao final esta subxectividade parte do corpo, ou sexa, o meu corpo cambia cando filmo en celuloide, quizáis o momento ten máis peso, é un momento que adquire certa solemnidade. O certo é que filmo de maneira diferente que cando traballo co dixital, que a miña mirada é, quizáis, máis tecnolóxica, máis obxectiva… Pero bueno, o meu corpo e a miña mirada cambian cando traballo cun dispositivo ou co outro. E despois, por suposto, o resultado é diferente. Interésame ese carácter alquímico que ten o celuloide, no que hai elementos case máxicos, que pertencerían ao que chamaríamos plano astral da realidade. Interésame esa materia, o erro que produce a película. Son diferentes materiais cos que traballar e non teño preferencia por un ou por outro. Gústame tamén moito experimentar mesturándoos, a ver que sae. Gravar en celuiloide pero traballar de maneira dixital, agora ata estou probando técnicas de realidade virtual con película de 16mm. Gústame mesturar todo ou mostrar traballos en celuloide sobre tablets, sobre dispositivos nos que normalmente non se soen ver este tipo de traballos.

PUBLICACIÓNS RECENTES