Vellos e novos amigos. Encontros e reencontros

Xuñ 6, 2019 | Artigos

Naomi Uman


Por manido que poida sonar, programar é algo máis que xuntar e proxectar filmes. Ao longo destes anos festival, unha das cousas que máis nos marcaron é o propio vínculo que se crea cos cineastas. Durante meses, conversamos a distancia para rematar todos os detalles, e cando por fin nos coñecemos en persoa ou, por así dicilo, nos reencontramos, e case como pór cara a un amigo por correspondencia, ou como atoparse de novo cun vello coñecido. É por iso que, dalgunha maneira, sempre temos presentes a todos os que pasaron por aquí, e moitas veces cólanse nas nosas conversacións os momentos vividos con algúns cineastas.
Por iso, e tamén polo pensamento de que ter dedicado un monográfico a un artista non ten por que pechar as portas a un seguimento da súa obra, continuamos tendo relación con estes cieneastes a través dos nosos programas temáticas dos últimos anos, que esta vez son xa con toda intención un punto de confluencia con eses vellos amigos, pero tamén unha invitación que olla cara ao futuro. E esa ollada ao futuro son os novos amigos, eses cineastas cos que gustaríanos estabelecer e consolidar vínculos, seguindo esa intuición de afinidade.
No primeiro programa, que ten por título A LUZ NA CÁMARA, reencontrámonos con Saul Levine, quen nos visitou no 2016, e que hoxe é aínda un referente ético e estético para o festival. A súa obra está construída íntegramente coa nosa querida cámara de super 8, e hoxe recuperámola aquí cunha nova entrega dos seus Light Licks, serie dedicada precisamente a esa luz que enche a cámara desde distintios sitios. Por outra banda, novas xeracións de cineastas de super 8 veñen ao encontro: a venezolana Valentina Alvarado, que máis que deixar fluír a luz dentro da súa cámara de super 8, búscaa onde non existe: nos apagóns da súa Marcaibo natal. Bruno Delgado Ramo, pola súa banda, aproveita a intimidade do super 8 nunha alucinante viaxe polo seu cuarto, polos encadramentos insólitos, os trampantollos visuais, a luz que percorre un espazo limitado. No 2012, Janie Geiser foi a protagonista, xunto con Lewis Klahr, do ciclo dedicado ao collage na animación, O novo monstro. Nesta ocasión volve co seu Fluorescent Girl: unha foto atopada, un reflexo, unha imaxe que queda agarrada á retina. Neste programa cabe tamén un cómplice na distancia que gustaríanos poder coñecer mellor: Robert Todd, co seu incríbel uso das posibilidades da luz na cámara de 16mm.
O segundo programa, LIÑAS E TRAXECTOS, trae de volta a algúns dos que foran os novos impresionistas do 2016, nunha vertente na que o desprazamento, real ou virtual, é vital. As Lines of Force de Dan Browne, o xesto fermoso e cheo de cor das fontes parisinas de Stephen Broomer (que volveu no 2017 co seu Potamkin) e o impresionismo glitch de Jacques Perconte, quen nos visitou cunha performance e unha instalación. Volve tamén Jodie Mack, que desde a edición do 2014, ano no que estivo con nós, estivo presente case cada ano a través da súa prolífica e desbordante imaxinación animada. Malena Szlam, que ese mesmo ano trouxo o seu Lunar Almanac co programa de Media City, volve cunha viaxe á paisaxe chilena no seu impoñente Altiplano. Volve tamén a nosa admirada Naomi Uman, que deixou unha fonda pegada na Coruña no 2012 grazas ao programa dedicado á súa obra e ao obradoiro que impartiu, esta vez con dous work in progress que abarcan a versión máis humanista (neste caso animalista) do seu traballo e tamén outra vertente máis dedicada á intervención da metraxe atopada. Únense tamén dous novos e xa queridos amigos: Jeannette Muñoz co seu proxecto Puchuncaví, un lugar que é xa moitos lugares, que é unha idea, e Stefano Canapa, cuxa experimentación sonora co cinema analóxico traza liñas na pantalla, seguindo os traxectos da banda de son óptico.

PUBLICACIÓNS RECENTES