Primeiros protagonistas do (S8) 2020 – Edición Dual

Ago 10, 2020 | Novas

A Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña presenta para esta edición un formato dual que combinará actividades presenciais con diversos contidos deseñados exclusivamente para a rede.

O festival inspírase no programa de referencia para a comunidade do cinema experimental Screening Room, emitido nos anos 70, para crear un dos seus formatos online estrela desta edición: Camera Obscura.

O (S8) celebrará entre o 27 de setembro e o 3 de outubro a súa undécima edición explorando un novo formato dual. Nel combinará diversas performances, encontros e proxeccións na cidade da Coruña cunha serie de formatos deseñados para a súa emisión a través da web e as redes sociais do festival.

Nesta edición dual, a Mostra amosará máis que nunca o seu carácter internacional: chegará a todos os rincóns do mundo con contidos en galego, castelán e inglés e reforzará especialmente o seu carácter divulgativo. O (S8) non perderá a súa esencia e continuará a ser un punto de encontro da a comunidade e un espazo para o descubrimento e inspiración de cineastas e artistas. O único que cambiará é que, nesta ocasión, espallará os contidos do festival por todo o mundo. Deste xeito, a formación de públicos e a descuberta de creadores e creadoras continuarán a ser dous dos eixos principais da programación do evento.

O festival contará con seccións xa coñecidas polo público -Xerme, Sinais, Sinais en Curto, Desbordamentos…- pero tamén incorporará varios formatos e contidos novos creados en exclusiva para esta edición. É o caso de Camera Obscura, un novo espazo na rede que nace tomando como referencia o coñecido programa de cine experimental Screening Room. Por este programa, presentado por Robert Gardner de 1972 a 1981 na televisión pública de Boston, pasaron os máis relevantes cineastas de vangarda do seu tempo, a quen o conductor entrevistaba en profundidade ofrecendo tamén aos televidentes a oportunidade de coñecer a súa obra emitindo algunhas das súas pezas. Neste 2020 e pensando en novos xeitos de difundir o cinema experimental, o (S8) recolle o ‘testigo’ de Screening Room para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming e cun formato renovado que contará cunha estética peculiar e unha clara vocación creativa.

Camera Obscura: os protagonistas

Neste Camera Obscura, o público poderá coñecer a fondo os procesos de traballo de cineastas como Amy Halpern, Tomonari Nishikawa, Alexandre Larose e Valentina Alvarado, repasando a súa obra a través do visionado online dalgunhas das súas películas. Ademais, nesta sección tamén haberá oco para lembrar a traxectoria dunha das personalidades máis especiais que pasaron polo festival: o recentemente falecido Luther Price.

A través da guía de Ed Halter (Light Industry, Bard College), un dos principais promotores da súa obra, e da entrevista inédita realizada a Price durante a súa estancia na Coruña no 2017, neste Luther Price. In memoriam descubriremos máis facetas do traballo do cineasta: desde as súas primeiras películas no seu formato orixinal de super 8, ata o seu último traballo en 16mm. Este programa completarase cunha sesión especial e presencial en sala de cine na que se proxectarán dúas das primeiras películas de Price –Warm Broth e Green– , realizadas baixo o pseudónimo que utilizou nos seus primeiros anos como creador: Tom Rhoads. Co propio Price como intérprete de varios personaxes, as películas relatan unha sucesión de estampas arredor do soño doméstico americano na súa versión creepy.

Amy Halpern tamén será unha das protagonistas deste novo programa do festival. Esta cineasta radicada en Los Ángeles comezou a facer cine nos primeiros setenta e formou parte da escena de danza contemporánea de Nova York da déceda seguinte. A carreira de Halpern pasa por ser creadora de películas en 16 mm caracterizadas por unha potentísima carga sensorial pero tamén por participar nos equipos de fotografía de varias superproducións de Hollywood.

Os filmes de Tomonari Nishikawa afondan na idea de documentar situacións ou fenómenos a través dun medio ou dunha técnica determinados, e céntranse, moitas veces, no propio proceso. Os seus filmes foron proxectados en numerosos festivais e centros de arte de todo o mundo. Nishikawa é un dos membros fundadores do KLEX: Kuala Lumpur Experimental Film and Video Festival and Transient Visions: Festival of the Moving Image. Na actualidade, vive entre Xapón e Estados Unidos, onde traballa como profesor no departamento de cinema da Universidade de Binghamton. 

Camera Obscura tamén nos presentará os experimentos e procesos do traballo do canadense Alexandre Larose. O particular carácter visual deste cineasta está marcado pola súa fomación como enxeñeiro, que fai que manipule e interveña distintos dispositivos de cine analóxico para conseguir a particular estética pictórica e impresionista da súa obra. 

En poucos anos, a venezolana Valentina Alvarado foi quen de construír un personalísimo imaxinario propio, no que combina os conceptos de diáspora e identidade personal cunha constante experimentación que bebe de distintas disciplinas (instalación, collage, pintura, cerámica…). O seu traballo estará no punto de mira desta entrega de Camera Obscura, no que se estreará mundialmente o seu último traballo, Propiedades de una esfera paralela, obra creada no marco das Residencias BAICC (colaboración entre a Mostra, AC/E e o LIFT) nas instalacións do LIFT de Toronto.

PUBLICACIÓNS RECENTES