Martes 29 de setembro. Un movemento ascendente: Mejuto, Averbuj, Geiser, Murray e Larose

Set 28, 2020 | Artigos

Seguimos a gabear pola enredadeira da programación do noso xardín secreto deste martes, con tres programas en liña que, como veremos, marcan un movemento ascendente. Arrancamos co Especial Sinais en Curto dedicado a Tono Mejuto, para seguir coa nosa segunda entrega d’A flor do día, e cerrando cun novo Camera Obscura, desta vez dedicado a Alexandre Larose.

Relieves, de Tono Mejuto

Tono Mejuto é arquitecto e fotógrafo ademais de cineasta, o que se revela no seu cine e especialmente nas pezas que veremos hoxe. Tanto no caso de Relieves, rodada en 3D 16mm en Toronto, como en Unidade Veciñal, hai unha observación atenta dos edificios e infraestruturas da cidade, que se combina coas diversas maneiras humanas de habitalas. Relieves, unha “sinfonía dunha cidade” estruturada en tres niveis, vaise compoñendo a través de xestos tenues que crean un ritmo no que o espectador se mexe. Dende os xestos mínimos das persoas que viaxan no metro, aos movementos acompasados ao longo da superficie da cidade: un fume que emerxe, pombas botando a voar, o paso dun transeúnte e as liñas que o tendido eléctrico debuxa no ceo entre os edificios. A sensación de ir polo aire de Unidade Veciñal convértese en movemento ascendente que se estrutura ritmicamente dende a base dun edificio de vivendas (caso de estudo nas facultades de arquitectura) ata a súa azotea. Un movemento que nos permite contemplar, en cada nivel, como os veciños se apropian, e habitan dunha particular maneira, cadanseu cubículo.

As I Began to Wish, de Julie Murray

Este movemento de Unidade Veciñal parece atopar correspondencia na primeira película d’A flor do día #2, Plantas trepadoras, de Julieta Averbuj. “Flores atopadas” é a premisa desta entrega, na que vemos películas confeccionadas con materiais atopados. A de Averbuj é un encontro azaroso, unha película de 16mm copiada sobre unha de 35mm, na que xorde a analoxía entre o gabear da cinta pequena pola grande e o das plantas que se amosan nas imaxes. Os materiais atopados de Janie Geiser, por outra banda, son cazados pacientemente ao longo de anos en mercados, librarías, herdanzas familiares e no mesmo lixo. Abranguen dende ilustracións instrutivas a negativos “orfos” de xente anónima, aos que Geiser dota de vida nun lugar incerto entre este mundo e o de alén. Neste mesmo lugar sitúase Cathode Garden, apelando tanto a unha memoria emocional colectiva coma a un irrecuperable territorio de pantasmas. Julie Murray, pola súa parte, recupera materiais fílmicos esquecidos que foran concibidos con intencións afastadas das artísticas. As I began to wish… redefine unha película educativa para persoas xordas a través dunha reestruturación da montaxe e da inversión do movemento das imaxes. Tira, deste xeito, unha emoción perturbadora: as flores e os froitos que se revolven sobre a terra da que proceden, un pai e un fillo nun invernadoiro, como médiums que evocan o nacemento, o crecemento e a morte, a imposible reparación do trauma.

O día remata co noso segundo Camera Obscura, dedicado a Alexandre Larose. O canadiense, radicado en Montreal, é un cineasta experimental no sentido máis rigoroso do termo: as súas películas, agrupadas en series, son estudos á maneira dun pintor, experimentos que se estenden case ata o infinito para explotar as posibilidades dun motivo e dunha técnica. Neste programa veremos algunhas das principais series nas que se estrutura o seu traballo. Comezamos, precisamente, con unha que se articula arredor dun ascenso polo edificio de Ville Marie, que culmina coa súbita caída dunha cámara con cartucho de super 8. O material desta cámara serve a Larose para facer múltiples variacións mediante copiado óptico. E pechamos coas series Brouillard (que recolle o hipnótico percorrido entre unha casa e un lago), e o seu traballo máis recente, no que o punto de partida son os xestos cotíans da súa familia. Para complementar o visionado do programa recomentamos a lectura (en inglés) desta entrevista que lle fai Tess Takahashi en Desistfilm. Non esquezan que se están na Coruña poden ver este programa en compaña doutros seres humanos no CGAI ás 20 horas.

Alexandre Larose guinda a súa cámara dende unha azotea
A cámara que cae capta a Larose

PUBLICACIÓNS RECENTES