O (S8) afianza a súa presenza no ranking anual do Observatorio da Cultura

Feb 10, 2021 | Destacados, Novas

A Fundación Contemporánea presenta cada ano os resultados da súa consulta anual a un amplo panel de expertos que avalían os mellores proxectos culturais do estado. Durante os últimos anos, o (S8) vén estando sempre presente no ranking dos proxectos máis importantes de Galicia, chegando mesmo a encabezar a lista.

Onte a Fundación Contemporánea presentou os resultados da súa consulta correspondente ao recentemente finalizado 2020. Neste informe que presentou o Observatorio da Cultura participaron 472 membros dun panel de profesionais dos que un 51,0% traballan nunha organización cultural pública, un 36,5% nunha organización cultural privada e o 12,6% como profesionais independentes do sector.

Nesta ocasión, o informe buscou recoller o impacto da pandemia no noso sector, atendendo ás consecuencias desta crise para a cultura, así como á transformación dixital no sector cultural, sen renunciar a manter a súa serie anual ordinaria en forma de ranking “co propósito de dar visibilidade á gran oferta cultural producida a pesar de todo durante o ano e recoñecer o gran esforzo realizado polas organizacións e profesionais do sector para levala a cabo.”

Neste pasado ano 2020, no que o sector cultural perdeu un 29% dos ingresos que orzara, o (S8) formou parte daqueles eventos que loitaron por manter o 100% do seu persoal habitual, a pesar de ter que reinvestir gran parte do orzamento nun novo plan de acción. Dedicouse un gran esforzo a crear con carácter extraordinario novos contidos e actividades en soporte dixital, deseñados e gravados por profesionais cualificados que forman parte do propio equipo do festival, para distribuílos en aberto a través da nosa web e redes sociais a máis de 57 países que consumiron online estes contidos, incrementando significativamente a nosa audiencia dixital.

A undécima edición supuxo, en fin, para o (S8) o reto de impulsar novas formas no contexto da pandemia, combinando o presencial e o online nun novo formato dual, demostrando así estar á altura da súa propia vocación de procura de innovación, creación e impulso de novas maneiras de entender a cultura e a participación e difusión cultural que ostenta desde os seus inicios.

Por todo este esforzo, máis que nunca, sentímonos orgullosos deste recoñecemento, e de ser, de novo, un dos eventos cinematográficos máis valorados de Galicia, compartindo ranking, este ano, co Festival de Cans e Curtocircuito.

Se ben os pasados anos nos alegrabámos deste recoñecemento ao traballo dos profesionais que fan posible que o (S8) sexa un dos proxectos culturais máis valorados do estado; este ano tan difícil, agradecemos que se honre o labor das nosas compañeiras, a súa profesionalidade, capacidade de traballo, inventiva, creatividade, cooperación e xenerosidade extraordinaria.

Ademais de todas estas persoas que se deixaron a pel, a XI edición do (S8) non sería posible sen o apoio de institucións como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), o programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española (PICE), na súa modalidade de Visitantes, así como o apoio do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, da Fundación Luís Seoane, de Afundación obra Social Abanca e de empresas privadas como Cervexas Alhambra ou Gadis.

PUBLICACIÓNS RECENTES