CAMERA OBSCURA: DAVID DOMINGO

Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).

De 1972 a 1981, Robert Gardner conduciu un programa na televisión pública de Boston que co paso do tempo se transformaría nunha serie de culto e nun referente para a comunidade do cinema experimental: Screening Room. Por el pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo, a quen Gardner entrevistaba en profundidade ademais de dar aos telespectadores a oportunidade de coñecer a súa obra incluíndo no programa algunhas das súas pezas. En 2020, pensando en novas formas de expandir e difundir o cinema experimental (empurrados polos tempos que corren, mais tamén propulsados polas facilidades que nos dan a tecnoloxía e internet), o (S8) inspírase no mítico programa de Gardner (tendo tamén en mente o Cinéastes de notre temps de Janine Bazan e André S. Labarthe) para crear Camera Obscura, un programa emitido en streaming nun formato renovado e adaptado ao noso tempo, cunha estética peculiar e unha clara vocación creativa. Nel coñeceremos a fondo os procesos de traballo dun grupo de cineastas e ao mesmo tempo gozaremos dunha pequena mostra das súas pezas. O nome do programa, Camera Obscura, alude a ese enxeño luminoso que impulsou a pintura e imaxinou o cinema séculos antes da súa creación, un dispositivo a través do cal un raio de luz procedente do exterior proxecta imaxes en movemento no interior dun cubículo escuro. Así, o (S8) quere ser ese raio de luz que viaxa polas ondas para proxectarse en calquera cuarto imaxinable do mundo.

David Domingo (Valencia, 1973) é unha das figuras máis queridas e admiradas do (S8) desde a súa primeira edición, cando a Mostra dedicou un foco ás súas películas. Domingo, alias Stanley Sunday, é un dos renovadores do cine underground español, continuador do legado de Zulueta, paladín do cinema analóxico (cunha atención especial no super 8, “suorento” formato no que rodou as súas primeiras películas) e dono dun imaxinario único no que conflúen referencias pop, experimentos visuais de todo tipo, animacións (desde o stop motion ata as súas últimas creacións en 3D), épica doméstica, referencias homoeróticas, sentido do humor e unha abraiante e colorista estética. Comezando polos seus primeiros traballos a finais dos 90, neste programa repasaremos a súa obra ata chegarmos á súa recente (e moi prolífica) actividade no videoclip, falaremos de salchichas e mais de Farrah Fawcett, e veremos algúns dos seus traballos: toda unha inmersión no mundo deste artista sen par.

Blanket-Statement-#2