ESPECIAL SINAIS EN CURTO: SOL MUSSA

Todos os contidos online desta edición poderanse ver en aberto e de xeito gratuito na nosa web (www.s8cinema.com) do 28 de maio ao 6 de xuño de 2021 (ambos os dous incluídos).

Sinais en curto, sección na que recollemos unha escolma de traballos galegos recentes na liña do espírito do festival, vólvese desdobrar nesta edición: por unha banda teremos a nosa habitual sesión en sala con coloquio posterior; pola outra, creamos unha serie de programas especiais online, un por cada un dos cineastas que forman parte desta selección, nos que poderemos descubrir un pouco máis a fondo o traballo e mailas inquedanzas de cada un deles, e nos que teremos ocasión de ver pezas extra alén das incluídas na sesión en sala.

SOL MUSSA

O traballo de Sol Mussa resiste as etiquetas: formada en Belas Artes, especialízase en pintura e recala no cinema como un medio de expresión máis co que experimentar e traballar coas mans (a través da relación íntima e táctil co móbil, por exemplo). Os seus traballos audiovisuais son un híbrido entre este interese plástico (xogando neles un papel fundamental a textura da imaxe e o movemento do corpo) e unha vocación etnográfica en primeira persoa, dende a que se produce un achegamento a temas como a migración e a precariedade laboral. Neste programa coñeceremos as inquedanzas detrás da súa obra, e veremos as súas pezas Stockroom e Ratatouille.

  • Ratatouille | Sol Mussa, España, 2020, vídeo HD, 15 min.
  • Stockroom | Sol Mussa, España, 2018, vídeo HD, 12 min.