DIDÁCTICA

QUEN SON? AUTO-ETNOGRAFÍAS FÍLMICAS DE ARTISTA

Belas artes | Universidade de Vigo en Pontevedra

Domingo 6 de xuño | 12:00 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

O (S8) abre un novo espazo ao ensino e á nova creación dende a perspectiva da formación artística, incidindo no enforque interdisciplinario e libre das Belas Artes. Unha alianza coa Universidade que nace coa idea de sinalar e abrir novos camiños no futuro da imaxe en movemento.

Quen son? Auto-etnografías fílmicas de artista propón un emotivo traxecto a través de seis películas persoais realizadas por estudantes de Belas Artes da Universidade de Vigo. Estas son Laura Cid Rascado, Marta Gil Silva, Valeria Martínez e Raquel Álvarez, Lili Lago, Claudia Pineda e Tamara Goberna.

O festival S8-Mostra de Cinema Periférico quérelles servir de espazo iniciático a través do cal introducirse no contexto do cinema experimental. Esta mirada artística da que parten facilítalles a creación das súas obras dende a liberdade da súa condición. Por este motivo, as súas miradas son autorais, íntimas, entenden o cinema coma unha forma de coñecemento artístico equiparable á fotografía, a instalación, a performance ou a pintura: as disciplinas que tamén exploran ao longo da súa carreira universitaria. Aproxímanse á linguaxe audiovisual dende o plástico, o escultórico ou o performativo, ou defínense como videoartistas e en xeral descoñecen a escena do cinema de vangarda. Por iso esta invitación ao S8 é necesaria e oportuna.

O artista traballa de xeito natural coa autorrepresentación, escribe a súa historia fronte a un espello. Así, estas películas son obras autobiográficas, pero son tamén auto-etnográficas, porque ao miraren cara a si as súas autoras cuestionan o contexto, e ao buscaren a súa identidade propia escriben novas identidades, sexuais, políticas, sociais. Tratan temas clásicos coma a memoria ou a viaxe, sobre os que propoñen unha mirada nova e distinta, ou abordan asuntos máis contemporáneos coma a identidade de xénero e o binarismo, o corpo e a sexualidade. Esta selección constitúe así un conxunto de documentos artísticos (audiovisuais, fílmicos, dixitais) dun momento determinado, testemuños dunha xeración nada tras do cambio de milenio (post-millennials) que, como cada xeración, se busca para definirse. Aportan unha radicalidade nova, actual e subxectiva, que cuestiona e repudia as estruturas enferruxadas do poder.

Ao mesmo tempo, estas películas nacen en 2020-2021, nun contexto de pandemia global de Covid-19 que causou sufrimento, confinamentos, toques de queda, e afectou aos estudantes con gran dureza, igual ca a outros sectores vulnerables. É certo que o impacto psicolóxico desta crise deixou efectos negativos froito do illamento, a inquietude, o medo, a desesperanza; pero ao mesmo tempo preséntase a oportunidade dunha innegable aprendizaxe directa que pode motivar experiencias persoais positivas. Nese sentido o acto creador, como acto de preguntarse, como exorcismo, permite coñecerse e materializar a propia pegada dun momento vital.

Estas películas son ensaios fílmicos tenros e directos, introspectivos, profundamente contemporáneos, fragmentarios e imperfectos. Constitúen os primeiros achegamentos destas artistas á imaxe en movemento, e exploran novos xeitos de comprender o cine autobiográfico dende o experimental e no contexto particular destes estudos académicos. Como cineasta e profesora asociada desta facultade síntome orgullosa destas alumnas e desexo que esta colaboración co S8, un espazo de referencia, siga repetíndose e contribuíndo a visibilizar o talento de creadoras e creadores noveis.

Longa vida ao S8-Mostra de Cinema Periférico!, que leva 12 anos na Coruña facendo pedagoxía sobre o valor do cinema artístico e situando a Galicia no mapa internacional do cine experimental. E longa vida á Facultade de Belas Artes!, que naceu coa propia Universidade de Vigo e que se afianza despois de trinta anos coma a única que ofrece estes estudos no sistema universitario de Galicia ou en todo o noroeste do Estado español.

Xisela Franco

DIÁLOGO | Laura Cid Rascado, España, 2021, vídeo, 5 min.

Sombras de mans.
Tres mozos, a cámara e mais un saxofón.
Baile de pintura derramada.

ETERNO RETORNO | Marta Gil Silva, España, 2021, vídeo, 4 min.

Unha mensaxe confesional a un ser querido en tempo de corentena, un autorretrato entre a nostalxia e o humor onde os días se repiten debuxando un abafante eterno retorno.

NOMBRE FEMENINO PLURAL | Valeria Martínez, Raquel Álvarez, España, 2021, vídeo, 22 min.

Nombre femenino Plural comparte a emoción dunha correspondencia entre dúas descoñecidas, Raquel e Valeria, a través da versatilidade do formato audiovisual.

 

NO BINARE | Lili Lago, España, 2021, vídeo, 8 min.

No binare é un ensaio poético, confesional e meditativo no que a autora explora os seus dilemas máis persoais en torno ao seu corpo, xénero e sexualidade, para rexeitar os roles de xénero, o binarismo, e entender a súa identidade como unha performance, unha posta en escena constante.

EL VIAJE | Claudia Pineda, España, 2021, vídeo, 5 min.

A autora reflexiona sobre o sentido da viaxe a través dunhas imaxes en Hi8 gravadas pola súa avoa en China en 1988, un ano antes da masacre de Tiananmen. Unha meditación que se torna en emotivo diálogo entre ambas mulleres.

¡EH, TÚ!, MALA PÉCORA | Tamara Goberna García, España, 2021, vídeo, 7 min.

Este ensaio visceral de xuventude na procura da identidade combina imaxes actuais con outras da infancia tiradas do arquivo familiar. O paso do tempo revélase e nesa transformación do el permanece a necesidade do baile e a expresión corporal.