NOMADICA

O CORPO LATENTE

UNHA IMAXE É ASEMADE TODAS E NINGUNHA

Venres 4 de xuño | 20:30 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

“Canto ao tamaño do sol, a súa largueza é a dun pé humano”.

Así é como Aldo Braibanti –xenio tornado pantasma pola sociedade italiana– retoma nunha das súas obras o fragmento co que Heráclito desvelaba o paradoxo inherente a todas a todas as afirmacións que se deteñen na mera aparencia, consciente do feito de que a verdadeira natureza gusta de ocultarse.

Latente é aquilo que está oculto e aínda non se ten revelado claramente. Latente é aquilo que podemos entrever, recoñecer, pero non completamente, porque hai algo que se mantén oculto, que se (nos) agocha. Trátase logo de entornar os ollos e mirar mellor, para explorar estes territorios velados que se se dan no seu subtraerse á mirada, e nos cales todos, cineasta e espectadores, poden descubrir un ollar, unha idea, unha sensación propios. Cada cousa que nos rodea, cada corpo, cada imaxe do mundo ten un carácter latente (e un período de latencia): toda imaxe oculta unha cousa e desoculta outras, e é precisamente por este movemento interno polo que cada imaxe é todas as imaxes e, ao mesmo tempo, ningunha en particular.

Os percorridos de Nomadica despréganse na procura dun continuo velar e des-velar. O noso esforzo concéntrase sempre en eludir as formas exactas, as Verdades, as estandarizacións, para así vivir nun devir indeterminado con potencialidade para conducirnos cara a terras descoñecidas, nas que podérmonos abrir ao abraio, e xogar cos riscos e praceres que esta situación comporta.

Existe unha fonda fascinación que provén desa sorte de “halo sobrenatural” que sempre rodea, límpido, o corpo/imaxe do cinema, e que se converte en elemento determinante dos cinemas que aquí presentamos.

Dedicámoslle ao (S8) un programa que ten que ver de varios xeitos connosco e mais con todo o dito. Trátase de cinco películas –que ben poderían ser cincocentas– realizadas entre finais dos sesenta e principios dos setenta, que presentamos como casos fantásticos – fantasmagóricos da experimentación italiana. Filmes de proveniencia, metodoloxía e autoría moi diversas, mais que, na nosa opinión, comparten o feito de amosar ese carácter de latencia (no cine): latencias de imaxes e de actos artísticos, de corpos. Pero tamén latencias forzosas: o underground italiano está inzado de obras e cineastas que permaneceron ocultos a causa dun esquecemento imposto por proxectos político-financeiros que conduciron a cultura noutras direccións, e que dalgún xeito nos traen ata hoxe.

O que fascina, e o que aquí se defende con vehemencia, é quizais este xogo de ollar o que elude os ollos, de asir a presenza a través do veo –case sempre inherente, por outra banda, a toda experimentación, a todo acto de procura–, que nos amosa incesantemente a propia vitalidade e potencia, que esclarece e ilumina, afastando as nubes todas.

Giulia Mazzone e Giuseppe Spina

SOLE IN MANO (O APPROPRIAZIONE, A PROPRIA AZIONE, AZIONE PROPRIA) | Marinella Pirelli, Italia, 1973, 16mm, 6 min.

No único filme en branco e negro de Marinella, a man da autora substitúe o obturador da cámara, dando lugar a fortes contrastes e claroscuros. Baseado na estreita relación ollo-corpo-persoa, Sole in mano é un xogo de xestos mínimos que dirixe a súa atención á insistencia da visión. A cámara enfoca un horizonte mentres a man da cineasta, xunto co ollo, tenta aferrar a materia da que se compón a luz. O sol faise punto, círculo, esfera: forma total e obsesiva.

DOPPIO AUTORITRATTO | Marinella Pirelli, Italia, 1974, 16mm, 12 min.

“Nesta película graveime a min mesma. Son simultaneamente actriz e operadora de cámara. Nas secuencias de movemento desprázome coa cámara dada a volta na man. Ninguén controlaba as imaxes que a cámara captaba durante a filmación. A cámara era a miña única compañeira: agora serédelo vós”. (Marinella Pirelli, xaneiro de 1974)

EXTREMITY N 2 | Gianfranco Brebbia, Italia, 1968, 8mm a vídeo HD, 20 min.

Experimentos fílmicos-incandescencia, filtrar o sol-filmar, a través da abertura dun proxector en funcionamento, sólidos xeométricos xiratorios e raios de cores que se reflicten.

NELDA | Piero Bargellini, Italia, 1969, 16mm a vídeo, 5 min.

“Un retrato dunha amiga, Nelda. Unha película exposta e revelada nun continuo de espontaneidade, un acto de amor. Percibo a Nelda: muller-materia-enerxía, a súa Unidade… Exclamo: oh! A consciencia de ser o presente escindido, oh! A presenza tornada fracción biocósmica na escintilación da marabilla, oh acendeuse unha lámpada, as vibracións que axitan o meu ser, oh a sacudida a pulsación… oh a modulación dos latexos do meu corazón órgano musical, oh! Son feliz! Perdín o corpo amándoo… A técnica de revelado deriva da explorada en Trasferimento di modulazione, que aquí é afinada, aplicada cunha consciencia científica responsable, é dicir, experimental”. (Piero Bargellini)

TRASFERIMENTO DI MODULAZIONE | Piero Bargellini, Italia, 1969, 16mm panortocromatico, 9 min.

Bargellini refilma en 16mm unha película pornográfica en 8mm.

“Imaxe latente é aquela que está pero non se ve. Contén o halo, a membrana de cores do iris. Hai un momento, na fase de revelado do branco e negro, no que a imaxe latente se revela para a continuación esvaecer. Se te detés nese preciso momento, podes fixar a imaxe latente antes de que esvaeza. En Trasferimento di modulazione fixei o halo, e quen ve a película, en branco e negro, ve perfectamente os amarelos, os azuis e os brancos case bioeléctricos. Adóitase dicir que a alma da imaxe é o negativo, que obtemos cando a imaxe nace, vén á luz. Pero a alma da imaxe é a imaxe latente, que aparece antes cá imaxe negativa, no momento xusto no que impresionas a película, no momento que a expós á luz. Esa é a primeira aparencia do fotograma”. (Piero Bargellini)