DEBORAH S. PHILLIPS

FEITO A MAN

Domingo 6 de xuño | 17:00 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

Ao achegármonos ás películas de Deborah S. Phillips, é importante contemplalas dende unha perspectiva que desborde os límites do puramente cinematográfico. Isto é, pensando en Phillips como unha artista plástica que conta o cine coma un dos seus medios de expresión, igual que ocorre coa pintura, o collage, as acuarelas, a litografía, as dispositivas, a performance ou as instalacións. Así é como ela mesma explica o seu proceso a Francisco Algarín na entrevista publicada en Lumière, a modo de anécdota sobre unha das súas proxeccións: “Resulta que había unha persoa que adoita escribir sobre cinema experimental. Cando expliquei que me gusta fabricar imaxes, e que ás veces estas poden ser películas, pero non sempre, e que a meirande parte do tempo traballo co papel como soporte, ademais de gustarme moito a litografía, o home sentiuse decepcionado”. Porque a cor e mailo xesto son dous piares do cine de Phillips, sendo as súas películas calidoscópicos collages nos que o traballo coas mans se converte en central en varios sentidos.

Deborah S. Phillips leva dende os 80, logo, creando coas súas mans sobre diferentes superficies e con distintos materiais, que non se reducen a acuarelas e pigmentos. Nas súas coloridas obras de delicada abstracción tamén entran en xogo distintos comestibles e bebidas, pintura de unllas, obxectos atopados, materiais translúcidos, calquera cousa imaxinable. E tamén outro tipo de materiais menos tanxibles, pero igualmente presentes: cheiros, sons, sensacións táctiles, o interese pola arte e a cultura de Oriente, polos idiomas e os alfabetos. Cada plano das súas películas condensa unha profusa mestura de elementos axitados por unha inesgotable enerxía creativa, e polo encontro con espíritos afíns.

Neste sentido, en Braunschweig formou parte do colectivo de artistas Laboratorium entre 1988 e 2001, e foi alí, colaborando con outros, onde xurdiron a oportunidade e a idea de facer películas coa cámara Bolex de 16mm, que se convertería no seu instrumento de traballo ao que máis tarde se engadiría a cámara de animación de fabricación alemá marca Crass. Así xurdiu Untitled Colourmation en 1992, unha continuación do seu labor na pintura: a súa primeira película en solitario e o comezo dun torrente creativo que tratamos de comprimir neste programa que lle dedicamos. En 2007 fundou en Berlín a galería Kunstverein Neukölin, que ten acollido diversas proxeccións e performances, e tamén é parte do laboratorio autoxestionado Labor Berlin.

O segundo programa céntrase nas súas películas en 16mm, ocupando un lugar especial as súas investigacións arredor da cor dende Purim, unha película articulada en torno ao verde e ao azul, na que vemos un motivo que se introduce en moitos dos seus filmes: o das súas mans traballando. Neste programa tamén veremos a súa “película vermella” Capsicum e a súa “película verde” Im grünen Bereich. Ambos filmes compleméntanse con libros de artista sobre á súa respectiva cor e outros traballos en papel, existindo tamén unha obra artística en torno á terceira cor primaria, o azul. Trátase de intricados collages de materias e obxectos desas cores, e mais dos nomes de cada un deles en diferentes idiomas. Estratexias a medio camiño entre estes filmes e os da sesión anterior mestúranse en películas que teñen que ver máis co experiencial: é o caso do seu PFFFHP TT!, reconstrución dun grave accidente de motocicleta que sufrira a artista, ou películas coma Noor, 71 e Nach osten schauen, relacionadas coas formas de estar en diferentes lugares, e co que neles hai. Unha procura de comunidade (presente en toda a súa carreira) que tamén está presente no seu filme conxunto coa artista arxentina Melina Pafundi, Tornasolada sororidad dada, resultado dun proceso colaborativo de ida e volta (na filmografía de Phillips hai numerosas colaboracións, coma a performance Verde Vermelhar, e os seus traballos con artistas sonoros como Ruth Wiesenfeld e Wolfgang in der Wiesche), e mais en Yong bu fang chi, un retrato do seu veciño Samer, intérprete e tradutor de chinés. Aí aparece o seu interese polas palabras e polos caracteres que as expresan, pechando así o ciclo aberto con A Printed Film, e dando un novo xiro a un motivo que percorre toda a súa obra.

PROGRAMA 2

CHIN-CHIN | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2013-2014, 16mm, 3 min.

Segunda rolda do “brinde fílmico” de Deborah S. Phillips (a primeira terá lugar en “A noite berlinesa” do venres 4 de xuño na Fundación Luis Seoane).

UNTITLED COLOURMATION | Deborah S. Phillips, Alemaña, 1992, 16mm, 1 min.

Un camiño nunca é o que parece (no mapa). De súpeto, zas! Xa non está. Regresemos logo. Música: Wolfgang in der Wiesche. (Deborah S. Phillips)

PURIM | Deborah S. Phillips, Alemaña, 1996, 16mm, 5 min.

Hai moito tempo, na antiga Persia, Esther salvou os xudeus dunha masacre: a Beleza e maila Xustiza prevalecen. Dúas palabras flotantes – azul e vermello, e tons terra. Celebramos PURIM para conmemoralo. (Deborah S. Phillips)

 

CAPSICUM | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2008, 16mm, 11 min.

Cando era cativa pasei anos loitando por poder ter un Bar Mitzvah e ler da Tora coma os nenos. Só me deixaron un fragmento que constaba de catro estrañas liñas sobre unha tenreira rubia, sacadas de contexto. Dende entón identifiqueime con esa vaca. E teño pensado nela mentres cociñaba, como estudante de arquitectura e como muller que prefire o azul ao vermello… Linguaxes estratificadas: Ruth Wiesenfeld. Música: Wolfgang in der Wiesche. (Deborah S. Phillips)

IM GRÜNEN BEREICH | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2015-2017, 16mm, 14 min.

En alemán, cando todo vai ben, estase “Im grünen Bereich”, literalmente, na zona verde. Tras 13 anos de investigación artística das tres cores primarias (que comezou con Capsicum), este filme (tamén fixen un libro de artista ao respecto) pregúntase pola cor que é, basicamente, vida –o verde. Con música de Wolfgang in der Wiesche. (Deborah S. Phillips)

PFFFHP TT! | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2012, 16mm, 5 min.

Luz vermella. Dous coches. Piso o freo –PFFFHP TT! Non me podo erguer, non me podo mover… Collage acústico: Ron Wiesenfeld. (Deborah S. Phillips)

NOOR | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2003, 16mm, 6 min.

“Noor” ou luz. A luz e a cor dannos esperanza. Unha composición creada en reacción a un zeitgeist desalentador, baixo constante ameaza de guerra. Unha natureza morta parada no tempo, un intento de manter a esperanza.

A casa de Alam en Isfahán estaba a ser renovada canda estivemos alí. Sufrira danos na guerra entre Irán e Iraq. Tamén hai metraxe rodada en super 8 en Berlín e mais na campiña polaca. (Deborah S. Phillips)

71 | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2005, 16mm, 8 min.

71 é unha película conducida polas impresións e sentimentos da artista que filma: unha sensación de absurdo que ocorre cando viaxamos ao cabo do mundo sen chegar a ningures. (Deborah S. Phillips)

NACH OSTEN SCHAUEN | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2016-2017, 16mm, 2 min.

Reflexións sobre la ledicia de ter un gran estudio no que pintar e ademais poder gravalo. Filmado na Kunstquartier Bethanien, Berlin-Kreuzberg. (Deborah S. Phillips).

TORNASOLADA SORORIDAD DADA | Deborah S. Phillips, Melina Pafundi, Alemaña, 2019, 16mm, 3 min.

Esta película explora a entrega de obxectos dunhas mans a outras. Cada versión do filme foi revelada dun xeito diferente. Esta é a número catro. (Deborah S. Phillips)

YONG BU FANG CHI | Deborah S. Phillips, Alemaña, 2019-2020, 16mm, 4 min.

O meu (antigo) veciño, Samer, formouse como tradutor e intérprete de árabe e chinés e quere traballar diso. Unha exploración visual da distancia entre as expectativas do sistema, a realidade e un ser humano suspendido no medio. Negativo revelado en té negro. (Deborah S. Phillips)