SINAIS EN CURTO

Domingo 6 de Xuño | 19:30 h | SALA (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada.

Galicia nunca remata: este é o pensamento que suscita a necesidade de escoller, cada ano, o conxunto de pezas que integran a selección de Sinais en curto, pois semella que non hai diques secos na creación audiovisual galega. É especialmente interesante observar a aliñación deste ano á luz dos recentes acontecementos que sacudiron o mundo. Atopámonos así cunha manchea de películas que examinan de moi diversas maneiras cuestións que nos últimos meses foron centrais nas nosas vidas, precisamente por teren sido postas en xaque. Dun ou doutro xeito, as pezas que nos acompañan este ano falan dos espazos exteriores e interiores (nun sentido máis directo ou oblicuo, segundo o caso), así como da colectividade e mailo illamento.

A idea de espazo interior percorre dun xeito claro Blanco y fucsia, de Marta Valverde: o interior dos cuartos de pisos compartidos, os espazos íntimos nos que se habita e os espazos íntimos dos soños de cada persoa, nunha película que apela a unha xeración suspendida entre a hiperconexión das redes sociais e a desconexión (e as poucas perspectivas de futuro) destes tempos pandémicos. Sol Mussa alude no seu Ratatouille a outro espazo interior, o que se agocha tras dos traballos precarios. Na cociña na que traballa, no espazo alienado dunha noite continua, un grupo de xente escollida ao chou é “confinada” no horario laboral, illada nun particular micromundo. Xacio Baño conecta tanxencialmente con Valverde en Augas abisais, ao falar dun espazo interior de subxectividade, neste caso do da memoria, que decide representar cunha lámpada que se acende e se apaga na escuridade dunha casa. Imaxe que se asocia á da vida noutro espazo resgardado da luz do mundo: as augas abisais. A idea do “dentro e fóra” tamén está presente en Tengan cuidado ahí fuera, de Alberto Gracia: no interior dese búnker fala dunha sociedade atomizada e encerrada, enfrontada a un exterior hostil, o do despezamento, a velocidade e a destrución, entre os refugallos do capitalismo e malos da cultura da imaxe. Neste contexto, é curiosa a representación do mundo exterior (e da agora afastada comuñón dos corpos sen distancias de seguridade) de Os corpos, de Eloy Domínguez Serén. A súa sensorial representación do entroido introdúcenos tamén nun mundo illado, o dun transo colectivo levado á pantalla, e que esperamos sexa pronto quen de saír dela.

BLANCO Y FUCSIA | Marta Valverde, España, 2020, vídeo HD, 11 min.

Chego á casa do meu traballo mal pagado. Outra vez tarde. Abro a neveira e lembro que non só non puiden preparar un tupper para hoxe senón que nin sequera tiven tempo de ir á compra. É fin de mes e non me podo permitir comer fóra. Miro con luxuria os andeis dos meus compañeiros de piso, mais non vexo nada que roubar sen que se dean conta. Acabo por cocer pasta con pesto e levar o prato ao meu cuarto. A parede chea de pósters, fotografías e debuxos é unha ventá. Pecho os ollos, xa non estou aí, estou en calquera outro tempo, en calquera outra parte.

RATATOUILLE | Sol Mussa, España, 2020, vídeo HD, 15 min.

 

Ambientado e filmado na cociña dun restaurante, esta curta amosa o entorno de traballo no sector da hostalería, chamando a atención sobre os aspectos menos agradables e as tarefas diarias máis duras. Todo o que se retrata na película, incluídos os traballadores, reflexa as condicións laborais actuais nun Londres no que non se pousan as miradas.

 

AUGAS ABISAIS | Xacio Baño, España, 2020, vídeo HD, 25 min.

Unha luz acéndese.
Son escorregadizos e difíciles de ver.
Habitan onde nada é.
Alá.
No fondo.

A-vella-e-o-deserto-2-Lara-Noa-Castro

TENGAN CUIDADO AHÍ AFUERA | Alberto Gracia, España, 2021, vídeo HD, 24 min.

Un búnker négase a desaparecer no esquecemento. Os seus ecos chegan ata Pamplona, ao mundo residual, previsible e automatizado de Cosme, onde un dos seus empregados entra en pánico e foxe queimando roda, como se unha besta o estivese a perseguir (algo que parece repetirse cada certo tempo). Un deus excesivo convídanos a bailar; o seu lema <> loce na pantalla e sedúcenos para que vaiamos con el a unha perigosa festa aí fóra.

OS CORPOS | Eloy Domínguez Serén, España, 2020, vídeo HD, 11 min.

En Galicia, a rexión máis noroccidental de España, celébrase cada ano unha das formas máis antigas de entroido. Esparexidos ao longo de varios días teñen lugar desfiles con felos e peliqueiros, personaxes ataviados con vestimentas espectaculares, que inclúen unha rechamante máscara e mais un cinto con chocas. Outra tradición é a farrapada, na que os participantes se guindan trapos cubertos de barro. Tamén hai unha pelexa na que se botan fariña e formigas sobre os participantes, mentres unha enorme formiga modelo se eleva por riba da multitude.