TOMONARI NISHIKAWA

A TOMA DE VISTAS

Venres 4 de xuño | 16:30 h | Sala (S8) PALEXCO | Reserva aquí a túa entrada gratuíta

A toma de vistas, e o propio tomavistas, asócianse ao cine doméstico, e en especial a ese rexistro dos lugares visitados a modo de souvenir. O cinema de Tomonari Nishikawa, aínda que ben lonxe do amateur (xa que o preciso manexo da técnica é un elemento fundamental do seu cine), retoma ese espírito que mira cada lugar cunha curiosidade que revela esas formas e ritmos que pasan desapercibidos para os locais. A idea do tomavistas sérvenos logo para falarmos do seu cine dende esas dúas perspectivas: unha ten que ver co biográfico (pensando en como ve cada cidade unha persoa que vive a cabalo entre Xapón e Estados Unidos, a un tempo local e alleo en cada unha das súas bases de operacións); a outra ten que ver coa definición canónica da palabra (“cámara cinematográfica portátil”), que nos conduce polo evidente interese de Nishikawa polos procesos do cinema analóxico.

Segundo conta no seu diálogo con Chris Kennedy no libro da San Francisco Cinematheque Speaking Directly: Oral Histories of the Moving Image (editado por Federico Windhausen), Nishikawa estudou empresariais en Xapón, pero deixouno no último curso coa idea de estudar cine. Tras ter traballado e aforrado para poder ir a Estados Unidos, e tras ter pasado un tempo viaxando para aprender o idioma, recalou na universidade de Binghamton: un lugar cuxo claustro ten contado con cineastas como Larry Gottheim e Ken Jacobs (que aínda formaba parte do staff cando Nishikawa comezou a estudar). Así é como chegou ao cine experimental, da man destes autores e do cine de Kubelba e Gehr entre outros. Isto, sumado á experiencia dalgunhas películas experimentais vistas con anterioridade en Xapón, foi guiando os seus pasos cara a este eido. A primeira película que consta na súa filmografía oficial (á que preceden experiencias con formatos máis convencionais e outros exercicios estudantís) é Apollo (2003), o seu proxecto de fin de carreira en Binghamton. Un filme que semella un compendio de experimentos posibles co celuloide, incluíndo, entre outros, a manipulación directa da película, o uso de químicos, a exploración das posibilidades do lector de son óptico do proxector e o uso de película rexistrada cunha cámara de foto fixa de 35mm.

San Francisco

Xa en Apollo poden entreverse algúns dos que serían os motivos guía da súa serie de Sketch films, realizada mentres estudaba no San Francisco Art Institute. Trátase de películas nas que a cámara de super 8 (o bastante lixeira para levala casualmente con un) funciona como un instrumento para tomar apuntamentos e ir desenvolvendo ideas cinemáticas que xorden espontaneamente, dando lugar a filmes que se constrúen fotograma a fotograma aproveitando elementos paisaxísticos e arquitectónicos da cidade. Na meirande parte dos casos, atopamos retallos da vida cotiá nos que o que conta é a xeometría, as formas e as cores que, empregando o choque e a afinidade entre fotogramas, xeran animacións que converten un anaco de cemento ou un sumidoiro en elementos de vibrantes secuencias abstractas. Xogar coa combinación dos fotogramas e dos seus ritmos e ver que ocorre ao proxectármolos (grazas ao labor combinatorio que o noso cerebro realiza sobre eses fotogramas): ese é o obxectivo primeiro destes bosquexos, que Nishikawa revela case sempre de xeito manual. Estes sketches funcionan tamén como apuntamentos que lle serven para películas posteriores como Market Street (2005), filmada en 16mm, e para a súa película en 35mm (filmada cunha cámara de foto fixa) Lumphini (2009), baseada nas secuencias filmadas no parque de Sketch film #5.

Outra das súas “vistas” da cidade de San Francisco, case unha despedida, é a que vemos en Into the Mass (2007): un rexistro en time-lapse realizado con dúas cámaras de super 8 atadas aos pedais dunha bicicleta durante o traxecto diario de Nishikawa dende Marin County ata San Francisco, rexistro que logo copia en 16mm, presentando así o material nunha dobre proxección.

Nova York

Uns anos máis tarde, Nishikawa recupera o modus operandi dos Sketch Films en Manhattan One Two Three Four (2014), experimentando coas liñas compositivas do cadro e con rápidos varridos a modo de liñas de conexión en rápidas tomas rítmicas, en lugar do traballo cadro a cadro. Os edificios, vistos así, converten a cidade nun material maleable e labiríntico, como un gravado de Escher mesturado cos xogos visuais de Ito. A cidade de Nova York é tamén o motivo, na concorrida zona de Times Square, da película 45 7 Broadway (2013), realizada mediante a técnica da separación de cor nunha superposición de capas cun efecto vibrante, que converte a xente, os semáforos e os rótulos do centro da cidade en patróns rítmicos.

Xapón

Neste programa veremos tamén catro películas, gravadas en Xapón, nas que diferentes lugares desencadean estratexias diversas de filmación. Trátase de películas creadas de acordo con estruturas meditadas nas que a cámara, a óptica e a exposición xogan un papel fundamental. O díptico que compoñen Tokyo – Ebisu e Shibuya – Tokyo (2010) constrúese arredor dos traxectos entre as devanditas estacións de tren: dende as plataformas e as saídas das estacións, respectivamente, nunha orde de filmación que segue o traxecto en sentido horario (a liña que percorre ese tren, a de Yamanote, é circular) e as propias horas do día. A imaxe é o produto dunha serie de sobreimpresións realizadas a través dunha máscara que tapa e vai expoñendo, de cada volta, diferentes cadros dunha cuadrícula. Trátase dun xeito de proceder que acorda o da película Asylum (1975), de Kurt Kren (dende a estratexia formal ata a idea de facer películas mínimas respondendo a ideas concretas relacionadas co uso da cámara e a montaxe, podemos atopar mil afinidades entre Nishikawa e Kren). Ten Mornings Ten Evenings and One Horizon (2016), un filme cuxo título e vocación paisaxística nos fan pensar en James Benning, continúa este método de filmación con reservas, dividindo a imaxe en seis bandas verticais que evocan as fitas das probas de exposición da fotografía fixa. A idea é reflectir diferentes momentos do día (condensados nun mesmo fotograma) nunha serie de pontes sobre o río Yahagi, nunha zona intimamente ligada coa biografía e a historia familiar de Nishikawa. Remata esta sucesión de toma de vistas xaponesas, que hoxe presentamos, con Amusement Ride (2019), película de aparencia sinxela e ritmo cadencioso que agocha dentro de si unha íntima alusión (e un potente uso) dos mecanismos do cine.

APOLLO | Tomonari Nishikawa, EE.UU., Xapón, 2003, 16mm, 6 min.

Interesábame a parafernalia toda da proxección, sobre todo o movemento aparente e como o sistema de son mediante banda óptica é capaz de xerar información sonora a partir da información visual. Tamén me apetecía sacar á luz a materialidade do propio celuloide como medio de expresión. A película componse de múltiples fotogramas individuais (tamén a parte filmada en 35mm con cámara fixa, de xeito que una soa imaxe se estende ao longo de varios fotogramas na fita de 16mm) e dunha banda sonora óptica. A que era a miña supervisora daquela, Julie Murray, axudoume a crear un efecto reticular. O toque final consistiu en cociñar (literalmente) a película nunha tixola, empregando, ás escuras na miña propia cociña, unha mestura de auga e carbonato de sodio. (Tomonari Nishikawa)

SKETCH FILM #1 | Tomonari Nishikawa, EE.UU., 2005, super 8, 3 min.

Do mesmo xeito que un pintor leva un caderno de bosquexo para practicar as súas habilidades de debuxo, eu cargaba sempre coa miña cámara super 8 e tomaba imaxes, fotograma a fotograma, coma se fose un exercicio diario destinado a crear animacións a partir das liñas e formas que ía topando mentres deambulaba polo espazo público. Despois montei a película en cámara e reveleina manualmente. (Tomonari Nishikawa)

SKETCH FILM #2 | Tomonari Nishikawa, EE.UU., 2005, super 8, 3 min.

A segunda película desta serie dediqueina a estudar máis detalladamente as formas ilusorias, que é o nome que lles dou ás formas que non poden ser apreciadas na súa totalidade na área dun só fotograma, pero que se amosan e resultan perceptibles cando a película se proxecta e podemos visualizar o conxunto de fotogramas consecutivos ao logo dos cales se estenden. Esta película tamén foi montada en cámara e revelada de xeito manual. (Tomonari Nishikawa)

SKETCH FILM #3 | Tomonari Nishikawa, EE.UU., Xapón, 2006, super 8, 3 min.

Esta terceira película da serie comeza cunha secuencia de imaxes emparelladas: cada par de imaxes representa o mesmo; unha de xeito nítido e a outra máis borrosa, como resultado dun movemento diagonal da cámara. A continuación amósase o resultado do experimento: mediante a rotación dunha forma ilusoria, conseguín obter un efecto de profundidade, tamén ilusoria. Igual ca outras películas da serie, esta tamén foi montada en cámara e revelada manualmente. (Tomonari Nishikawa)

 

SKETCH FILM #4 | Tomonari Nishikawa, EE.UU., 2007, super 8, 3 min.

A cuarta película da serie decidín dedicala a explorar as cores e mailas formas. Filmeina en Kodachrome, monteina en cámara e leveina revelar a Dwayne’s Photo. (Tomonari Nishikawa)

SKETCH FILM #5 | Tomonari Nishikawa, EE.UU., 2007, super 8, 3 min.

Esta película é a quinta e última da serie, realizada co material que filmara en Marin Headlands County, en California, durante a miña residencia artística no Headlands Center for the Arts. O material gravado amosa a natureza da zona e os edificios históricos orixinalmente construídos para o exército dos Estados Unidos (baterías de artillaría e o silo de mísiles de Nike, entre outros). Tamén editei esta película en cámara, e reveleina manualmente. (Tomonari Nishikawa)

MANHATTAN ONE TWO THREE FOUR | Tomonari Nishikawa, EE.UU., 2014, super 8, 3 min.

Un estudo que afonda no ritmo visual a partir de imaxes dos edificios e mais da arquitectura de Manhattan, Nova York, para o que usei a mesma técnica que xa empregara na realización da primeira secuencia de Sketch Film #3. Montei a película en cámara e reveleina eu mesmo. O proxecto xurdiu como un encargo que me fixo o Echo Park Film Center co gallo do seu XII aniversario. (Tomonari Nishikawa)

INTO THE MASS | Tomonari Nishikawa, EE.UU., 2007, dobre proxección en 16mm, 6 min.

Primeiro tomei as imaxes con dúas cámaras super 8 instaladas nos pedais da miña bicicleta. Nunha segunda etapa, empreguei a copiadora óptica para impresionar as secuencias en time-lapse sobre unha película de 16mm. A proxección paralela amosa unha nova paisaxe da fotoxénica cidade. O paseo en bici remata coa Critical Mass, un evento ciclista que ten lugar o último venres de cada mes na cidade de San Francisco. (Tomonari Nishikawa)

TOKYO EBISU | Tomonari Nishikawa, Xapón, 2010, 16mm, 5 min.

A liña de tren de Yamanote é unha das máis concorridas de Xapón. Consta de 29 estacións e segue un longo percorrido circular. A película presenta as vistas que poden ser contempladas dende 10 das estacións da liña de Yamanote (dende a estación de Tokio ata a estación Ebisu), en sentido horario. Os efectos da montaxe en cámara e as bandas sonoras superpostas resaltan a percepción do lugar, ao mesmo tempo que deixan entrever os medios e ferramentas empregados para rexistrar tanto o son coma as imaxes. (Tomonari Nishikawa)

SHIBUYA – TOKYO | Tomonari Nishikawa, Xapón, 2010, 16mm, 10 min.

Secuela de Tokyo – Ebisu, esta película amosa vistas das áreas de saída de 20 das estacións da liña Yamanote, desta vez entre a estación de Shibuya e a de Tokio, visitadas en sentido horario. (Tomonari Nishikawa)

45 7 BROADWAY | Tomonari Nishikawa, EE.UU., 2013, 16mm, 5 min.

Unha película dedicada a explorar Times Square, os sons e movementos característicos da coñecidísima praza. Para isto empreguei unha técnica de separación da cor: primeiro filmei as imaxes en branco e negro, usando filtros de cor (vermello, verde e azul) e despois usei a copiadora óptica, servíndome dos mesmos filtros, para impresionar as imaxes orixinais sobre película de cor. As imaxes superpostas dos fotogramas que obtiven filmando con cámara en man producen unha sensación de dinamismo e movemento nas escenas, mentres os anuncios das pantallas dixitais parecen fundirse os uns cos outros. (Tomonari Nishikawa)

TEN MORNINGS TEN EVENINGS AND ONE HORIZON | Tomonari Nishikawa, Xapón, 2016, 16mm, 10 min.

Esta peza amosa varias das pontes que se elevan sobre o río Yahagi, cuxo caudal percorre os arredores da zona na que me criei en Xapón. Filmei cada ponte dúas veces: unha pola mañá e a outra durante o solpor do mesmo día. En cada disparo expúñase 1/6 do fotograma, de xeito que a visión de conxunto é o que crea a ilusión do sol elevándose ou poñéndose. (Tomonari Nishikawa)

AMUSEMENT RIDE | Tomonari Nishikawa, Xapón, 2019, 16mm, 6 min.

Rexistrei as imaxes para esta peza cun lente telescópico, dende unha das cabinas colgantes da Cosmo Clock 21, unha nora que se atopa no parque de atraccións de Yokohama, en Xapón. A imaxe distorsionada deixa ver a estrutura da nora mentres que a cámara se centra en amosar o seu intermitente movemento vertical, similar o da ventá dun proxector de cine ou dunha cámara. (Tomonari Nishikawa)