Tres novos proxectos en desenvolvemento participarán nesta edición de INPUT 2021

Mai 26, 2021 | Destacados, Novas

Alégranos facer públicos os tres proxectos seleccionados para participar en INPUT 2021: Mala herba (Lucía Vilela), Possible Film (Luis Lechosa) e Homing Instinct. Un retrato de Tom Joslin (Miguel Rodríguez Pérez). Os directores dos proxectos escollidos disporán de dúas xornadas durante as que poderán contar co asesoramento de profesionais de prestixio internacional para facer crecer os seus filmes.

Programadoras, distribuidoras e asesoras de cine como Mariana Hristova (FIPRESCI), Chiara Marañón (MUBI), Pablo Useros (MasterLav) participarán nestas xornadas internacionais como profesionais de apoio aos nosos creadores para fomentar a creatividade, profesionalidade, modernización, mecenazgo así como o intercambio de ideas e unha maior sensibilidade internacional cara a cultura do noso país.

INPUT é un espazo de tutorización e asesoramento de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luis Seoane de A Coruña e o (S8), mediante o que tres autoras terán acceso a tres profesionais de prestixio internacional do ámbito do cine e da arte, con quen poderán discutir acerca dos seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución.

INPUT constitúe un importante apoio á creación e distribución de proxectos relacionados coa cultura da imaxe en movemento dentro do contexto internacional. O obxectivo destas xornadas organizadas por o (S8) e a Fundación Luis Seoane de A Coruña é impulsar a profesionalización dos novos creadores potenciando a formación, vertebración e creación de redes dentro do sector cultural do noso país. As xornadas serán gratuitas e de acceso libre ata completar aforo, o que permite promover a participación activa da cidadanía, e á súa vez o uso das novas tecnoloxías, como a retransmisión por streaming das actividades, que fará accesibles os contidos culturais a unha audiencia global.

PUBLICACIÓNS RECENTES