DOUS FILMES DE CÁMARA. NOTAS SOBRE O CINEMA DE BRUNO DELGADO RAMO.

Xuñ 1, 2021 | Artigos, Destacados

A continuación presentamos unha serie de notas da artista e investigadora Esperanza Collado pertencentes a un texto maior sobre Una película en color e Un baile con Fred Abstrait, de Bruno Delgado Ramo, de quen poderemos ver unha sesión, unha performance (coas Synergys) e mais unha instalación. Centrámonos aquí nas súas reflexións en torno á idea de habitación nos seus filmes.

Una película en color e Un baile con Fred Abstrait están concibidas como un proxecto de investigación no que Bruno Delgado Ramo indaga de xeito narrativo e cinematográfico nas condicións do moderno lugar de traballo, isto é, o estudio, o gabinete ou habitación do “creador”. Mentres algunhas aproximacións formais a este tema están guiadas polo libro de Maistre, as iconografías de San Jerónimo en su estudio son tamén unha fonte de referencia conceptual e formal recorrente. Inicialmente, a película pretendía revisitar os corenta e dous capítulos da obra de Maistre a través do dispositivo cámara-habitación cun enfoque estrutural máis ben ríxido, pero cara á fin do seu proceso creativo Delgado rompe coa estrutura do libro para continuar de maneira máis intuitiva.

*

Delgado, de feito, non está interesado na dimensión literaria do libro, senón máis ben nas potencialidades de traballar coa idea de confinamento espacial como experiencia dun territorio no que explorar as posibles relacións entre, por unha banda, corpo e espazo (de traballo), e entre luz, cámara e habitación, por outra. As lecturas e perspectivas cruzadas de Unha película en color e Un baile con Fred Abstrait entre esa distinción, ben como exploracións en torno a nocións coma a distancia, a medida, a escala, etc., tamén poden conectar o uso da película e a cámara de cine cunha habitación en todas as súas dimensións espaciais e temporais. Ademais, estas cuestións trátanse adoito cunha dose de humor que recorda a Buster Keaton, con bastante enxeño en ambas películas.

Como xa se mencionou, os filmes exploran as relacións entre a habitación e a cámara como espazos cerrados nos que teñen lugar eventos de luz. No libro de Maistre, a experiencia de estar só leva naturalmente a unha obsesión coa reflexión e “coa sensación de duplicidade que se impón sobre alguén que pode pensar pero non actuar, ou que se ve obrigado, a falta de compaña, a falar con el mesmo”. (Brown, 2013) Estas ideas de reflexións, confinamento e desdobramento (neste caso en forma de sombras) traen á mente outra referencia que paga a pena mencionar: a alegoría da caverna de Platón e mailas súas ensinanzas sobre a natureza da percepción. De feito, as películas de Delgado son un intento de significar un espazo interior. Ademais, as dimensións da habitación poden variar de acordo cos estados de ánimo de Maistre e, por suposto, cos de Delgado: “ás veces as catro paredes son un pouco claustrofóbicas, pero máis frecuentemente a habitación resulta ser, de súpeto, vasta nas súas dimensións, como se a distancia dende a cadeira ata o escritorio repentinamente constituíse un terreo enorme e infranqueable” (Brown, 2013). As reflexións abundan nos dous filmes, tanto en forma de proxección de luz entrando na habitación a través da ventá, trazando liñas no libro e nas froitas, como en forma de proxección do pensamento, referida nas vistas, moitas veces parciais, da cabeza de Bruno (a maioría das veces vista dende atrás ou dende un lado) e das súas mans en actitude de pensar, escribir ou ler. No libro de Maistre, a experiencia de estar só tamén leva de maneira natural a escribir, unha actividade relacionada coa introspección e o retiro que ten (coma o cinema) a capacidade de conectar dous puntos afastados no espazo e no tempo: o aquí e o agora da realidade física do escritor/lector/espectador e as imaxes ou localizacións distantes ás que nos levan a película ou o texto.

*

Una película en color e Un baile con Fred Abstrait están integramente filmadas nunha habitación, a súa habitación, na casa dos seus pais en Sevilla. A habitación componse dunha porta, unha ventá, un escritorio, unha cadeira, unha butaca, unha cama, un espello, algúns retratos litografados, unha estufa, alfombra, lámpada, estante, libros, un atril, material de escritura, folios e roupa. Toda a iconografía relacionada con San Xerónimo que aparece na película refírese aos fundamentos históricos do moderno pensador ou creador como alguén que polo xeral traballa na súa habitación. A habitación de Baruch Spinoza en Rijnsburg, por exemplo, era unha habitación interior, moi pequena, onde tiña un torno para puír cristais. Usaba a mesma habitación para ler e escribir, Nas representacións de San Xerónimo usadas por Delgado o monxe é retratado coma alguén dedicado a reflexionar e a pensar. As súas habitacións son agradables, teñen ventás, escritorios, lámpadas de lectura e normalmente preséntase a San Xerónimo lendo ou escribindo rodeado das súas posesións e de obxectos como, por exemplo, lupas, plumas, papel, etc.

Delgado presenta nos seus filmes o artificio de transformar o cuarto propio nun set de rodaxe, onde filmar a luz que atravesa as paredes e poñer o foco en froitas que se converten en naturezas mortas. Esta idea derivou en parte da visión, dende a súa ventá, da cociña do seu veciño. Delgado reconstrúe entón un entorno capaz de recrear unha natureza morta. De feito, o nivel de artificialidade creado na habitación leva a esta construción. Todo o que se concibe no seu interior alude ao mundo exterior. A cor das froitas convértese nun xogo onde a potencialidade lingüística (pensas na cor cando nomeas a froita?) leva á sedución de traballar con palabras. “Hai algúns achados pero é todo unha posta en escena”, admite Delgado nunha conversa.

PUBLICACIÓNS RECENTES