A BIBLIOTECA DE HELENA GIRÓN E SAMUEL DELGADO

Xuñ 4, 2021 | Artigos, Destacados

Os protagonistas do foco Sinais bríndannos un percorrido polos seus libros

Todos temos unha orde secreta nas nosas bibliotecas, aínda que ás veces nos custe recoñecelo. Hai pouco mudámonos da casa na que levabamos vivindo oito anos nun reducido espazo. Parece imposible que coubesen tantas cousas, entre elas, unha morea de libros. Hai tempo, cando se xuntaron as nosas bibliotecas primixenias, cada un de nós gardaba certo temor e preocupación á hora de mesturárense estas. Sen falalo claramente, ambos tratabamos de conservar certos espazos marcando límites e separacións claras. Mesmo chegabamos a organizar estantes propios, buscando así manter vivo o relato da propiedade, e tamén o dunha identidade emancipada e independente, que se definía case máis polos obxectos que a rodeaban que polas ideas que estes suscitaban. O feito de ter lido ou descuberto antes un libro, por exemplo, o de telo marcado ou subliñado primeiro, ou o que todos pensaredes, o de telo mercado con anterioridade, facía que pertencese máis a un có outro. Polo menos na nosa imaxinación.

Pero esta narrativa comezou a evaporarse rapidamente, e a biblioteca, nun breve período temporal, comezou a entrar nunha nova fase que se estendeu ata a súa mesma destrución.

Ela, de xeito autónomo, comezou a medrar descontroladamente, e a xerar unha serie de aliaxes propias moito máis suxestivas que calquera orde predisposta con anterioridade. Os estantes propoñían toda unha serie de redes de apoio que distraían o ollo e o enfastiaban, sen atopar aquilo que buscaba de xeito áxil e efectivo. Co paso dos anos a situación empeorou. A biblioteca comezou a impoñer unha orde propia, oculta, dificilmente catalogable, que excedía os nosos estreitos parámetros ideolóxicos de forma admirable. Sen sabelo, a nosa casa albergaba un caos brillante. Os vasos comunicantes estendíanse soterradamente, e respondían a unha confluencia invisible de experiencias vitais, ou ao traxecto e itinerario, ás veces algo inhóspito, daquelas ideas e intuicións, rastrexadas e perseguidas que, no mellor dos casos, nunca conseguían revelársenos de todo.

Pero como adiantabamos antes, foi cando empaquetabamos e limpabamos cada libro durante horas que nos decatamos disto. No momento da súa mesma ruína e devastación.

Agora, eses mesmos libros agardan bañados en luz natural. Vense máis cómodos, máis limpos, máis apetecibles. Permanecen ordenados por temáticas, disciplinas, ou por unha mestura de ambas. Incluso algúns foron desterrados, habitando unha maleta no alzadeiro do armario á espera dunha última viaxe ata o lixo.

A nosa biblioteca é agora un espazo práctico. A palabra exacta sería eficiente. A súa visión ofrece unha suposta tranquilidade, e unha comodidade nunca antes vista. Pero, ao mesmo tempo, xéranos angustia e desconfianza. Pode que algo de nostalxia. Agora non sabemos se conseguirá volver ao seu estado natural algún día. Esperamos que nos guíe e ilumine dalgún xeito que nunca saberemos explicar ben. O tempo dirá.

Esa nostalxia –avivada pola petición de Elena Duque dunha lista de referencias bibliográficas– animounos a facer esta selección de libros. Unha lista de aqueles que nos gustan e emocionan especialmente, ou que no seu momento nos deron un empurrón cara ao abismo. Uns cantos libros que podería albergar o mesmo estante desa biblioteca xa inexistente. Velaí van!

O primeiro deste estante, un libro grande e de tapa dura que exerce de dique de contención, é o apaixonante e poderoso From Hell de Allan Moore, ilustrado por Eddie Campbell, que nos guía ata as escuras profundidades da civilización occidental. W.I.T.C.H. (Conspiración Terrorista Internacional das Mulleres do Inferno), editado por La Felguera Ediciones (grandes amigxs e cómplices), polo seu tamaño e contido é perfecto para levar ás costas e atopar sempre que o precises unha frase estimulante para o día a día. A bruxa de Jules Michelet, ou Calibán e a bruxa de Silvia Federici, con unhas boas lecturas complementarias que funcionaban como unha totalidade. Para poder chegar a controlar o mundo, primeiro había que desencantalo, di Silvia Federici no seu texto. E Moore e tantxs outrxs demóstrannos que a maxia segue viva na creación e na vida, como unha forma de insubordinación e resistencia ao poder. O Tratado do saber vivir para uso das novas xeracións de Raoul Vaneigem, ese libro para ler aos dezaoito, deberíase desempoar de vez en cando para escoller unha das súas páxinas de xeito aleatorio e lela en alto. A diversión estaría asegurada. Os libros de Carmelo Lisón de Tolosana invítannos a perseguir o rastro que queda do común, do popular, buscando nos documentos aquilo que eles mesmo tratan de ocultar ou de invisibilizar. Historias marabillosas, de resistencia e de horror. Coma as que atopamos en Vixiar e castigar de Foucault, que non podes parar de ler durante horas. En Aos nosos amigos do Comité Invisible atopamos no seu momento algunhas pistas que seguir, algúns consellos e ideas ás que agarrarnos. Como n’A vida material da nosa querida Marguerite Duras. Mentres que nos seus Cadernos da guerra nos fixo descender ata os abismos e límites do humano. N’A morte da desesperanza, de Eduardo de Guzmán, volvémolos entrever, pero tamén nos amosou algo de luz, axudándonos a reencontrarnos coas rúas e espazos que habitabamos en Madrid. Pasa algo semellante cando les Austerlitz, de W. G. Sebald. Lecturas que nos someten ao encontro coas pantasmas. Tan necesarios, tan amados. Coma os dos contos do gran Iván Turguéniev n’A reliquia vivente, pero tamén coas portas da lei e o delirio d’O castelo de Kafka, gran creador de imaxes imborrables e inmersións abraiantes. Como tamén o son as que se poden achar n’Os errantes de Olga Tokarczuk ou en Parte de una historia de Ignacio Aldecoa, que entenden a complexidade dos contactos e as distancias no universo insular. Por último, no extremo contrario a Moore, a escolma de Stephen Ellcock Todas as cousas boas: arte edificante para tempos difíciles ocupa os últimos centímetros que restan do estante. Nada mellor para esta época tan turbulenta e emocionante.

PUBLICACIÓNS RECENTES